Guía de procedementos e servizos

MR562A

Axudas para a relización de poxas de gando bovino selecto.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 18/02/2020 00:00 - 31/08/2020 23:59

Consellería do Medio Rural

1. A presente orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para a realización de poxas de gando selecto na Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR562A.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2020.

Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xullo de 2020, ambos inclusive.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais, o transporte, manexo, estabulación e alimentación destes durante a realización da poxa.

b) Gastos derivados do acondicionamento do recinto onde teña lugar.

c) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión da poxa.

d) Os custos publicitarios e o material promocional relativos á poxa.

e) Gastos de mantemento, seguridade, limpeza do recinto.

f) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables a elaboración de catálogos, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa realización da actividade descrita.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen poxas de gando selecto.

Obrigas dos beneficiarios

  • Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción da poxa que se trata de actuacións realizadas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facer constar os símbolos de identidade corporativa.

  • Os beneficiarios están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico da Administración e achegar todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

  • O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Gandaría

Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546185

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

18/02/2020 00:00 - 31/08/2020 23:59

Reanúdase o prazo de presentación de solicitudes dende o 01-06-2020 ata o 31-08-2020 en virtude do disposto no artigo 9 do Real Decreto 537/2020, de 22 de maio.

a) Para as poxas realizadas desde o 1 de agosto de 2019 ata a data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para as poxas que se realicen despois da publicación da orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da celebración da poxa.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas que conten cunha situación sanitaria conforme coa normativa aplicable, en particular co establecido no artigo 54 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a realización deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, quen determinará as datas idóneas de celebración de acordo coa oferta de animais e coa dispoñibilidade técnica de organización do evento.

- Para poder participar nas poxas, os animais:

a) Procederán de explotacións sometidas ás preceptivas normas sanitarias.

b) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.

c) Soamente poderán participar animais que sexan nados en Galicia.

- Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción da poxa que se trata de actuacións realizadas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facer constar os símbolos de identidade corporativa.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que se lle concederá un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de máis dunha poxa, deberá presentar unha solicitude por evento.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario ou secretaria do concello en que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

2º. A aprobación da solicitude de subvención polo órgano competente.

3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

b) Unha memoria da actividade realizada, indicando o obxectivo perseguido, os destinatarios desta e a súa repercusión. A memoria deberá conter o calendario anual das poxas realizadas, a raza ou razas presentes, o número de animais participantes por poxa, así como a descrición das instalacións, dos medios técnicos empregados, o persoal destinado aos eventos, así como calquera outro aspecto relacionado coa poxa que se considere de interese.

c) Un informe dos servizos veterinarios comarcais relativo a que as instalacións cumpren coa lexislación vixente en materia de sanidade e benestar animal.

d) Certificación da colaboración no certame da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, e na que se avale a calidade xenética dos animais ofertados.

e) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nas alíneas b) e c) do artigo 11, punto 1, desta orde. Para iso, deberá presentarse unha certificación do secretario ou secretaria do concello que conteña a relación de poxas celebradas, as datas de realización destas e a raza ou razas ofertadas.

No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de varias poxas non terá que volver presentar esta documentación.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente sempre que a entidade local interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades locais interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades locais interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicite a concesión da subvención.

b) Número de identificación fiscal do concello.

c) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade local interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitalas segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as entidades locais interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades locais interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2020).

    • Resolución do 22 de outubro de 2020 pola que se dá publicidade das persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2020.(DOG núm. 221 do 2 de novembro de 2020).

Outros procedementos relacionados

MR407D

Comunicación do emprego dun CUE comercial por parte dunha persoa titular de explotación agraria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR443A

Axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios. Convocatoria 2025.

Aberto todo o ano

MR520A

Rexistro galego de explotacións bovinas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR520B

Rexistro galego de explotacións ovinas e caprinas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano