Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR351A
Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo no marco do PDR de Galicia 2014-2020, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), cunha participación do 100 % de fondos da UE, dentro da medida 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.18 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (código de procedemento MR351A Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia), así como convocalas para o ano 2021.
2. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
Poderán ser beneficiarias da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias.
b) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade.
c) As sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos últimos 5 anos naturais. En diante SAT de fusión.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias
EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546186 / 981540053
Fax: 981546892
Prazo de presentación: PECHADO
22/09/2021 00:00 - 21/10/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Deberán ter un mínimo 4 de socios, agás nas SAT de fusión que deben ter un mínimo de 3.
2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.
3. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. No caso das cooperativas agrarias que teñan como obxecto social único a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, todas as explotacións estarán situadas dentro dun raio de acción de 20 km.
Forma e lugar de presentación das solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).
b) Estatutos en vigor.
c) Balance e conta de resultados da empresa. As pemes deben achegar os do último exercicio, as non pemes os dos dous últimos exercicios.
d) Memoria xustificativa asinada polo/a secretario/a e co visto e prace do/da presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesma orde, os seguintes puntos:
i. Situación actual: actividades que se desenvolven e marco xeográfico; datos básicos da estrutura de cada explotación dos socios beneficiados: características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc. (no caso de cooperativas de máis de 35 socios os datos básicos da estrutura da explotación serán referidos a unha explotación tipo a que prestan servizos, e non a de cada socio).
ii. Relación dos investimentos solicitados e, de ser o caso, xustificación de por que a escolla non recae na proposta económica máis vantaxosa.
iii. Valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.
iv. Facturación media ao conxunto dos socios nos tres anos anteriores.
v. Relación dos integrantes do consello reitor da entidade, no cal se indique a porcentaxe de mulleres que o compoñen.
e) Relación nominal dos socios, incluíndo DNI, en formato ods, xls ou xlsx.
f) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:
i. Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.
ii. Descrición técnica.
iii. Carga de traballo prevista (nº horas/ano).
iv. Rendementos previstos (h/Ha).
v. Orzamento desagregado.
vi. Custos horarios (€/hora).
vii. Financiamento previsto.
viii. Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.
ix. Nas cooperativas que conten con 35 socios ou menos, localización principal de todas as explotacións. Debe incluír un plano de situación no cal se verifique que a localización principal de todas elas están nun raio de 20 km.
x. Comparación do custo das operacións que se van realizar coa maquinaria solicitada e sen esta maquinaria.
g) Anexo II.
h) Tres orzamentos para cada máquina solicitada, de empresas non vinculadas entre elas nin co solicitante, con obxecto social a fabricación ou subministración dos bens incluídos na oferta.
As ofertas incluirán NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da entidade solicitante da axuda, a data de expedición, e deberán detallar claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante e características técnicas). No caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado.
Poderán ser menos de tres no caso de que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.
A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no cal respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
i) O catálogo comercial que detalle as características técnicas de cada máquina escollida.
j) Certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de innovación de que os investimentos son innovadores (se for o caso).
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión doutras subvencións.
– DNI/NIE da/das persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.
– Títulos oficiais universitarios da rama agraria da/das persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.
– Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.
– Datos de vehículos.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 3 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 182 do 21 de setembro de 2021).
-
Extracto da Orde do 3 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 182 do 21 de setembro de 2021).
-
Orde do 28 de abril de 2022 pola que se modifica o prazo de xustificación da Orde do 3 de setembro de 2021 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 82 do 29 de abril de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria
Aberto todo o ano
Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.
Aberto todo o ano