Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR351A
Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 (investimentos en activos físicos), submedida 4.11 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas), procedemento MR351A, así como convocalas para o ano 2019.
2. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias.
b) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade.
c) As sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de polo menos dúas explotacións, nos últimos 5 anos naturais. En diante SAT de fusión.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias
EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546186 / 981540053
Fax: 981546892
Prazo de presentación: PECHADO
14/05/2019 00:00 - 13/06/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Requisitos para todas as entidades beneficiarias da axuda.
1. Deberán ter un mínimo 4 de socios, agás nas SAT de fusión que deben ter un mínimo de 3.
2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.
3. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. No caso das cooperativas agrarias que teñan como obxecto social único a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, todas as explotacións estarán situadas dentro dun raio de acción de 20 km.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación que presentarán por todas as entidades solicitantes da axuda.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).
b) Anexo II (certificación da acta da reunión do consello reitor da entidade asociativa en que se acorda solicitar a subvención).
c) Copia da escritura de constitución, estatutos en vigor e inscrición rexistral.
d) Copia do balance e conta de resultados da empresa. As pemes deben achegar os do último exercicio, as non pemes os dos dous últimos exercicios.
e) Memoria xustificativa asinada polo secretario e co visto e prace do presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesmo orde, os seguintes puntos:
i. Situación actual: actividades que se desenvolven e marco xeográfico; datos básicos da estrutura de cada explotación dos socios beneficiados: características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros etc. (no caso de cooperativas de máis de 35 socios, os datos básicos da estrutura da explotación serán referidos a unha explotación tipo a que prestan servizos e non á de cada socio).
ii. Relación dos investimentos solicitados e, de ser o caso, xustificación de por que a escolla non recae na proposta económica máis vantaxosa.
iii. Relación nominal dos socios, incluíndo DNI, sexo e enderezo.
iv. Valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.
v. Facturación media ao conxunto dos socios nos tres anos anteriores.
vi. Relación dos integrantes do consello reitor da entidade, en que se indique a porcentaxe de mulleres que o compoñen.
f) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:
i. Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.
ii. Descrición técnica.
iii. Carga de traballo prevista (nº horas/ano).
iv. Rendementos previstos (h/ha).
v. Orzamento desagregado.
vi. Custos horarios (€/hora).
vii. Financiamento previsto.
viii. Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.
Así mesmo, nas cooperativas que conten con 35 socios ou menos débese incluír para cada socio a marxe neta da súa explotación tendo en conta o custo da utilización da maquinaria solicitada en réxime asociativo, comparado coa marxe neta sen esta maquinaria, e unha comparativa entre o custo das operacións que se pretenden realizar coa utilización da maquinaria solicitada en réxime asociativo e o sistema empregado ata o momento.
Nas SAT de fusión e cooperativas de explotación comunitaria da terra, ao contaren cunha única explotación, farano para a explotación conxunta.
ix. Nas cooperativas que conten con 35 socios ou menos, localización principal de todas as explotacións. Debe incluír un plano de situación en que se verifique que a localización principal todas elas están nun raio de 20 km.
g) Anexo III (comprobación de datos de terceiras persoas interesadas) ou acreditación documental.
h) En todos os casos se deberá presentar, como mínimo, tres orzamentos, de empresas non vinculadas entre elas nin co solicitante, cuxo obxecto social sexa a fabricación ou subministración dos bens incluídos na oferta.
As ofertas incluirán NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da entidade solicitante da axuda, a data de expedición e deberán detallar claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante e características técnicas). No caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado.
Poderán ser menos de tres no caso de que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.
A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
i) Para cada unha das máquinas solicitadas deberá achegar o catálogo comercial que detalle as características técnicas da oferta escollida.
j) Certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de innovación de que os investimentos son innovadores (se for o caso).
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
NIF da entidade solicitante.
DNI/NIE da persoa representante.
NIF da entidade representante.
Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).
Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.
Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
Concesión doutras subvencións.
DNI/NIE da/s persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.
Títulos oficiais universitarios da rama agraria da/s persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou no anexo III segundo o caso, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Dous meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de abril de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 90 do 13 de maio de 2019).
-
Extracto da Orde do 30 de abril de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 90 do 13 de maio de 2019).
-
Orde do 10 de setembro de 2019 pola que se modifica o prazo de xustificación da Orde do 30 de abril de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 179 do 20 de setembro de 2019).
-
Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 237 do 13 de decembro de 2019)
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria
Aberto todo o ano
Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.
Aberto todo o ano