Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR351A
Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 Investimentos en activos físico, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2018.
2. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, as sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia.
b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.
c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións nos 10 anos posteriores á súa constitución.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias
EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546186 / 981540053
Fax: 981546892
Prazo de presentación: PECHADO
19/01/2018 00:00 - 19/02/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
- Requisitos para todas as entidades beneficiarias da axuda.
1. Deberán ter un número mínimo de catro socios.
2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.
3. Utilizarán a maquinaria subvencionada para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.
4. No caso das CUMA e SAT, cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 3.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.
5. Deberán inscribir a maquinaria obxecto de axuda no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculala cando a tipoloxía da máquina o requira.
6. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
7. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
8. Deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, os cales se presentarán coa solicitude de pagamento.
9. Deberán dispor dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.
10. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias seguintes:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.
- Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario.
1. Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais.
2. Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos desde a data de pagamento da axuda.
3. Todas as explotacións estarán situadas dentro dun raio de acción de 20 km. Así mesmo, no caso de colleitadoras de forraxes terán que xustificar documentalmente unha carga de traballo nas explotacións dos socios de polo menos 500 horas anuais.
4. As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de carácter funcional.
5. Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda, por un período mínimo de 5 anos desde o pagamento da axuda, nos termos establecidos e asinados no RRI.
- Requisitos específicos para as cooperativas agrarias.
1. As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.
2. Deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).
b) Anexo II (certificación da acta da reunión do consello reitor da entidade asociativa na cal se acorda solicitar a subvención).
c) No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axuda, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Así mesmo, nas entidades que xa presentasen solicitude de axuda noutras convocatorias deberán presentar os estatutos se fosen modificados.
d) Copia do balance e conta de resultados da empresa do último exercicio e do último TC2 dispoñible.
e) Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesma orde, os seguintes puntos:
i) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc.
ii) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo DNI, sexo, enderezo e condición de socio ou non socio (en formato dixital).
f) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:
iii) Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.
iv) Descrición técnica.
v) Carga de traballo prevista.
vi) Rendementos previstos.
vii) Orzamento desagregado.
viii) Custos horarios.
ix) Financiamento previsto.
x) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa. Así mesmo, débese incluír para cada socio a marxe neta da súa explotación, tendo en conta o custo da utilización da maquinaria en réxime asociativo, e unha comparativa entre o custo da operación que se pretende realizar coa utilización da maquinaria en réxime asociativo e o sistema empregado ata o momento.
g) En todos os casos se deberá presentar, como mínimo, tres orzamentos, nos cales se detallen claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante, características técnicas; no caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado), salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
h) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no cal figure o valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.
i) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no cal figure a facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda.
j) Copia do acordo asembleario en que se aprobe o regulamento de réxime interno (RRI).
k) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:
i) Copia do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión dela, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.
ii) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.
l) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.
m) Para ter os puntos por proxecto innovador establecidos no artigo 27.2.e), presentarase certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de innovación.
Comprobación de datos.
Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– NIF da entidade solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante legal.
– NIF da entidade representante.
– Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).
– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.
– Imposto da renda das persoas físicas (IRPF).
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Prazo de resolución: Dous meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2018).
-
Extracto da Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2018).
-
Orde do 16 de xullo de 2018 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica o prazo de xustificación da Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 139 do 20 de xullo de 2018).
-
Resolución do 8 de agosto de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2017, modificada pola Orde do 16 de xullo de 2018, pola se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 160 do 23 de agosto de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria
Aberto todo o ano
Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.
Aberto todo o ano