Guía de procedementos e servizos

IN308D

Subvencións a empresas privadas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 04/03/2022 00:00 - 04/04/2022 23:59

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non se considera necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións sobre a prevención de riscos e a seguridade dos traballadores, sobre a protección ambiental, mellora da eficiencia enerxética, e así como que as empresas mineiras conten cun sistema de xestión mineira sustentable. Débese ter presente que a extrema importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde dos traballadores, así como a mellora ambiental, a mellora da eficiencia enerxética, e a sustentabilidade, fai que todas as actuacións que se promovan neste sentido revertan en interese público.

Actuacións e gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables cinco liñas de actuación:

Liña 1. Investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído.

Liña 2. Investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, en especial a redución da exposición ao po e ao ruído das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nas explotacións mineiras.

Liña 3. Investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, especificamente a redución da exposición ao po das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

Liña 4. Investimentos destinados á adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como para empresas de explotación de balnearios.

Liña 5. Investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisistos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun Sistema de xestión mineira sostible nas empresas do sector mineiro.

2. Na liña 1 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan a consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental por riba dos límites establecidos nas normas da Unión Europea sobre calidade do aire ambiente ou ben permitan ao beneficiario aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión.

3. Na liña 2 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por riba dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais especialmente as relativas á redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

4. Na liña 3 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por riba dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais, especificamente as relativas á redución da exposición ao po, dos traballadores nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

5. Na liña 4 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora da eficiencia enerxética que impliquen un aforro enerxético mínimo dun 10 % respecto do consumo inicial e que alcancen unha ratio mínima de aforro enerxético/investimento subvencionable de 0,2 kW h/ €.

6. Na liña 5 serán obxecto de subvención aquelas actuacións necesarias para a implantación e certificación das normas UNE 22480 e UNE 22470 que acaden, como mínimo, a fase da auditoría interna previa á execución do plan de accións correctivas do sistema de xestión mineira sustentable.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados comprendidos entre a data de presentación da solicitude e o 14 de novembro de 2022 (ambos incluídos).

8. Para as actuacións da liña 1 serán gastos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para ir alén das normas da Unión Europea ou para incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa protección do ambiente serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico determinaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa protección ambiental e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental non serán subvencionables.

9. Para as actuacións da liña 2 serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especialmente a reducir a exposición ao po e ao ruído das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nas explotacións mineiras.

10. Para as actuacións da liña 3 serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especificamente a reducir a exposición ao po das persoas traballadores nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

11. Para as actuacións da liña 4 serán subvencionables os custos de investimentos adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionables.

12. Para as actuacións da liña 5 serán gastos subvencionables os custos nos que incorra a persoa solicitante durante o proceso de implantación e certificación do sistema de xestión mineira sustentable, tales como a diagnose inicial, elaboración de manuais e procedementos, seguimento da implantación, formación do persoal da empresa, a auditoría interna que, en todo caso, será realizada por persoal distinto a quen implantou o dito sistema, o plan de accións correctivas, así como a auditoría externa do organismo acreditado por ENAC.

13. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

14. En todo caso, só se considerarán subvencionables a maquinaria e os equipos de traballo novos.

Quedan excluídos destas axudas a adquisición de maquinaria mineira móbil, para as cales só se subvencionarán, de ser o caso, os investimentos en adaptacións necesarias para conseguir as melloras das condicións ambientais ou laborais que se pretenden acadar coa actuación proposta.

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 1, liña 2 e liña 5).

b) As empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En calquera caso, para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE (liña 3).

c) As empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e a explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades de conformidade coa da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 4).

2. Para os efectos do disposto nesta orde, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas aos empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

3. Para os efectos desta orde, os conceptos de pequena e mediana empresa axustaranse á definición contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

a) Na categoría de peme, defínese mediana empresa como unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios individual non excede os 50 millóns de euros (50.000.000 euros) ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros (43.000.000 euros).

b) Na categoría das peme, defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros (10.000.000 euros).

c) Na categoría das peme, defínese microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros (2.000.000 euros).

4. As persoas beneficiarias non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

5. As persoas beneficiarias non poderán estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin atoparse en situación de crise de acordo co artigo 1.4.c) e artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

6. As persoas beneficiarias destas axudas deberán relacionarse en todo caso por medios electrónicos no marco da xestión destas subvencións, mesmo aquelas que teñan a condición de empresarios persoas físicas, tendo en conta a súa cualificación técnica e profesional das ditas persoas beneficiarias.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Edificio administrativo San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957092/ 981957090/ 981545588

http://ceei.xunta.gal

Telefono desde o resto do Estado: 902120012

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Prazo de presentación: PECHADO

04/03/2022 00:00 - 04/04/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comenzará o décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia e concluirá no mes de vencemento o día ordinal anterior ao día en que comezou o prazo. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao anterior a aquel en que comenza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Solicitudes.

1. Para solicitar estas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria.

2. Presentarase unha solicitude por centro de traballo e para unha única actuación ou proxecto concreto, cun máximo de tres solicitudes por empresa. Na solicitude indicarase a liña de actuación na que se encadra a actuación ou proxecto proposto.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A) Documentación administrativa.

A.1. Documentación acreditativa de que a empresa realiza:

– Actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 1, liña 2 e liña 5).

– Actividades de elaboración de rocha ornamental, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención; ou documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas (liña 3).

– Actividades reguladas pola Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 4).

A.2. Quen asine a solicitude en nome dunha persoa xurídica solicitante deberá acreditar a súa condición de representante legal da citada persoa xurídica, ou ben acreditar a representación na que actúa mediante poder suficiente que o habilite para realizar en nome da persoa representada todas as actuacións que se prevexan nestas bases reguladoras. Este mesmo poder deberá ser achegado por quen asine a solicitude en nome dunha persoa física solicitante.

B) Documentación técnica.

Memoria técnico-económica descritiva da actuación datada e asinada por técnico competente. A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo III, e incluirá os puntos do seguinte índice:

1. Datos da entidade solicitante.

2. Datos do centro de traballo onde se realiza o investimento/actuación. A Administración resérvase a facultade de comprobar as autorizacións/concesións, rexistros e/ou comunicacións previas de carácter preceptivo necesarias para o desenvolvemento da actividade.

3. Diagnose da situación actual e identificación e xustificación da liña de actuación elixida.

4. Descrición técnica das medidas propostas.

5. Xustificación da mellora, se é o caso, das condicións ambientais ou laborais ou de eficiencia enerxética (liña 1, liña 2, liña 3 e liña 4).

6. Orzamento detallado.

7. Calendario de execución.

8. Cálculo da axuda solicitada segundo os gastos subvencionables.

9. Anexos:

– Fotografías do lugar onde se prevé realizar a actuación. No caso de substitución de equipos existentes, deberase achegar tamén fotografías dos mesmos.

– Se é o caso, ficha técnica do fabricante do equipo, no que se inclúa os seus datos de produtividade e consumo enerxético.

– Ofertas de provedores: 3 ofertas/orzamentos de distintos provedores cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, e unha oferta/orzamento dun provedor para os demais casos. No caso de que a elección entre as 3 ofertas non recaia na proposta máis vantaxosa, deberá xustificalo expresamente nunha memoria. Todo iso conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Un orzamento de referencia para as actuacións da liña 1 e da liña 4 e só para os supostos establecidos no artigo 4.8.b) e no artigo 4.11.b) destas bases reguladoras.

– Plano de situación onde se indique a localización da actuación que se vai realizar, esquemas ou bosquexo que permitan unha axeitada interpretación da actuación, etc.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (liñas de axuda 1 e 4) (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (liñas de axuda 2, 3 e 5) (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 7 de novembro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 219 do 17 de novembro de 2022).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00