Guía de procedementos e servizos

IF318A

Axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 12/03/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia (código de procedemento IF318A), ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Plan formativo.

1. Para acceder ás axudas reguladas nesta orde, as entidades a que se refire o artigo seguinte deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2021 e dentro dos prazos de xustificación previstos nesta orde. Para estes efectos, como anexo I desta orde publícase a relación básica de cursos que se considerarán subvencionables, estruturados por área, modalidade e duración.

A devandita relación básica de cursos subvencionables será desenvolvida e completada por unha guía de referencia que se publicará na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (http://civ.xunta.gal/seccion-tema/c/CIV_Transporte_de_mercadorias?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Axudas_e_subvencions/Plan.html&std=Convocatoria.html&sub=Axudas_formacion/). Nela especificaranse as características básicas que deben reunir os cursos, así como os importes máximos que se outorgarán para cada un deles. As especificacións desa guía de referencia teñen carácter vinculante, de xeito que todos os cursos incluídos no plan formativo deberán axustarse a elas para que este poida ser subvencionable.

2. Para que o plan formativo resulte subvencionable, os cursos que inclúa deberán afectar cando menos o seguinte número mínimo de áreas das recollidas no anexo I, segundo o custo que suporía executar o plan formativo nas condicións propostas:

Porcentaxe que supón o custo do plan formativo en relación co crédito orzamentario dispoñible. Mínimo de áreas do anexo I a que deberá afectar o plan formativo:

10 – 20 %          2

21 – 30 %          3

Máis do 30 %     4

3. As axudas outorgaranse de acordo coa consignación orzamentaria dispoñible e poderán cubrir ata o 100 % do custo total do plan formativo.

O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non se admitirá a realización de cursos de contido distinto aos presentados no plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellaren, poderase incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites máximos establecidos na guía de referencia, coa rebaixa que, se é o caso, a entidade solicitante se comprometa a aplicar.

Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, a entidade beneficiaria poderá aplicala a realizar aqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.

En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que os afecten, deberán ser comunicados á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte nos termos do artigo 20.2 desta orde

As asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

Obriga de reintegro total ou parcial da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

A execución da formación cun número inferior ao mínimo do alumnado requirido será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumnado finalizou a formación cando asisitiron polo menos ao 75 % do total de horas da acción formativa, é dicir, non se admitirán faltas de asistencia por ningunha causa superiores ao 25 % da acción formativa.

Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, ben de xeito directo ben mediante equipos ou persoal externo designado e acreditado para o efecto, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a facer constar na publicidade, así como na difusión e publicación de calquera material ou documento relacionado coa execución da formación que se destine ao público en xeral ou ás persoas participantes a inscrición: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia».

A inscrición debe constar en todas as medidas de información e comunicación que se realicen, así como en calquera documento relacionado coa execución da formación (carteis, manuais, contidos formativos, diapositivas...). Tamén deberán incorporar o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo co publicado na web institucional da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

3. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a pór á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade un mínimo dun 15 % das prazas dispoñibles para cada curso (cun mínimo de tres prazas por curso), destinadas preferentemente ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, das unidades adscritas a esta comunidade autónoma e das policías locais, que faga funcións de colaboración en materia de transporte; estas prazas non se computarán para os efectos de cálculo do número máximo de asistentes por curso nin se acumularán ás prazas dispoñibles en caso de non seren cubertas por esta Administración.

4. Nos supostos en que os cursos ou seminarios subvencionados non sexan gratuítos para as persoas asistentes, a entidade organizadora unicamente poderá percibir daqueles a cantidade correspondente á parte do custo non subvencionada, feito este que deberá constar documentalmente.

5. As entidades beneficiarias deben obter unha autorización asinada por cada alumno para a utilización dos seus datos persoais para o control e seguimento das accións formativas, de conformidade co artigo 6 da LO 3/2018, do 5 de decembro, de protección dos datos personais e garantía dos dereitos dixitais. Con antelación ao inicio de cada acción formativa, a persoa que represente a entidade beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Mobilidade unha declaración responsable que manifeste expresamente que se obtivo a anterior autorización, consonte o modelo inserido como anexo III desta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995053/ 881995077

Fax: 981544351

Email: formacion.transportes@xunta.es

http://civ.xunta.gal/mobilidade

Dirección Xeral de Mobilidade

Prazo de presentación: PECHADO

12/03/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación desta orde, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non de xeito efectivo no referido órgano de representación.

As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da comunidade autónoma.

2. As entidades indicadas no punto anterior non deberán, no momento de presentaren a solicitude, estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo II a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF318A.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

A solicitude irá acompañada, ademais, da documentación a que se fai referencia no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp); non obstante, a descrición detallada dos cursos incluídos no plan, a que se refire a letra g) do punto 1 do artigo 6, deberá presentarse necesariamente en formato xls, xlsx ou compatible, e de acordo co modelo facilitado para tal fin pola Dirección Xeral de Mobilidade).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nesta orde, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

f) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requiran.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Acta de constitución da entidade solicitante.

b) Estatutos da entidade solicitante.

c) De non constar nos documentos anteriores, poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.

d) Descrición detallada dos cursos integrados no plan formativo para o cal se pide a axuda. Esta descrición deberá facerse nun documento electrónico en formato Microsoft Excel ou compatible, o cal deberá axustarse á estrutura e ao contido do modelo que, para tal efecto, a Dirección Xeral de Mobilidade poñerá á disposición das entidades interesadas na súa páxina web institucional (http://civ.xunta.gal/mobilidade).

Así mesmo, para elaborar este documento deberá terse en conta o previsto na guía de referencia, de acordo co que establece o artigo 2 desta orde. O custo do plan formativo será o resultado de sumar os importes que especifica a dita guía para cada curso solicitado, minorados, de ser o caso, na porcentaxe de rebaixa que a entidade solicitante se comprometa a aplicar.

e) De considerarse oportuno, poderán achegarse cantos documentos se considere que poden contribuír a unha mellor descrición do plan formativo e, especificamente, a valoración dos aspectos indicados no artigo 13.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).

5. Non será preciso anexar a documentación referida nas letras a), b), e c) do punto 1 se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE en vigor da persoa representante.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2021 (DOG nº 48 do 11 de marzo de 2021).

    • Extracto da Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2021 (DOG nº 48 do 11 de marzo de 2021).

    • Resolución do 2 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se conceden as axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2021 (DOG nº 132 do 13 de xullo de 2021).

Outros procedementos relacionados

IF301S

Autorización para a prestación de servizos regulares permanentes de viaxeiros por estrada mediante a utilización dun mesmo vehículo (solapamento).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302A

Concentración de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302B

Transmisión de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302C

Adscrición de vehículos a contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Aberto todo o ano