Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MT318A
Axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia (procedemento MT318A), ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2017.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
As axudas outorgaranse de acordo coa consignación orzamentarias dispoñible, e poderán cubrir ata o 100 % do custo total do plan formativo.
O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellan, poderá destinarse a impartir outros cursos relacionados coas materias contidas no plan, ou a incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites máximos establecidos na guía de referencia, coa rebaixa que, se é o caso, a entidade solicitante se comprometese a aplicar.
Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, a entidade beneficiaria poderá aplicala a realizar aqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.
En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que os afecten, deberán serlles comunicados á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte nos termos do artigo 21.2 desta orde.
As asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación desta orde, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.
Obrigas das entidades beneficiarias.
1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:
a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.
b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, ben de xeito directo ben mediante equipos ou persoal externo designado e acreditado para o efecto, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.
c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
2. As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a facer constar na publicidade e difusión dos cursos ou seminarios a lenda: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia».
3. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a pór á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade un mínimo dun 15 % das prazas dispoñibles para cada curso (cun mínimo de tres prazas por curso), destinadas preferentemente ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, das unidades adscritas a esta comunidade autónoma e das policías locais, que faga funcións de colaboración en materia de transporte; estas prazas non se computarán para os efectos de cálculo do número máximo de asistentes por curso nin se acumularán ás prazas dispoñibles en caso de non ser cubertas por esta Administración.
4. Nos supostos en que os cursos ou seminarios subvencionados non sexan gratuítos para os asistentes, a entidade organizadora unicamente poderá percibir daqueles a cantidade correspondente á parte do custo non subvencionada, e deberá constar documentalmente este feito.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Mobilidade
Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte
Praza de Europa, 5-A 2ª planta. Área Central - Polígono de Fontiñas.
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995053
Fax: 981544351
Email: formacion.transportes@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
01/06/2017 00:00 - 30/06/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.
2. As entidades indicadas no punto anterior non deberán, no momento de presentar a solicitude, estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acta de constitución da entidade solicitante.
b) Estatutos da entidade solicitante.
c) De non constar nos documentos anteriores, poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.
d) Descrición detallada dos cursos integrados no plan formativo para o cal se pide a axuda. Esta descrición deberá facerse nun documento electrónico en formato Microsoft Excel ou compatible, o cal deberá axustarse á estrutura e ao contido do modelo que, para tal efecto, a Dirección Xeral de Mobilidade poñerá á disposición das entidades interesadas na súa páxina web institucional (http://civ.xunta.gal/mobilidade).
Así mesmo, para elaborar este documento deberá terse en conta o previsto na guía de referencia, de acordo co que establece o artigo 2 desta orde. O custo do plan formativo será o resultado de sumar os importes que especifica a dita guía para cada curso solicitado, minorados, de ser o caso, na porcentaxe de rebaixa que a entidade solicitante se comprometa a aplicar.
e) De considerarse oportuno, poderán achegarse cantos documentos se considere que poden contribuír a unha mellor descrición do plan formativo e, especificamente, a valoración dos aspectos indicados no artigo 13 desta orde.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE en vigor da persoa física que presenta a solicitude en representación da entidade solicitante.
b) Número de identificación fiscal (NIF) de persoa xurídica da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:
a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nesta orde, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.
b) Autenticidade dos datos facilitados.
c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.
d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.
f) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que lle sexan requiridos.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).
Non será preciso anexar a documentación referida nas letras a), b) e c) do punto 1 se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 10 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2017 (DOG nº 102 do 31 de maio de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a prestación de servizos regulares permanentes de viaxeiros por estrada mediante a utilización dun mesmo vehículo (solapamento).
Aberto todo o ano
Concentración de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.
Aberto todo o ano
Transmisión de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.
Aberto todo o ano
Adscrición de vehículos a contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.
Aberto todo o ano