Guía de procedementos e servizos

IF303A

Axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (EUROTAXI), vehículos taxi de emisións CERO e vehículos taxi ECO.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 30/11/2023 00:00 - 14/10/2024 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Axudas a persoas  titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (EUROTAXI), vehículos taxi de emisións CERO e vehículos taxi do tipo ECO.

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995077

Email: formacion.transportes@xunta.gal

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/portada

Dirección Xeral de Mobilidade

Prazo de presentación: PECHADO

30/11/2023 00:00 - 14/10/2024 23:59

 O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2024, de acordo coas seguintes previsións:

1. As solicitudes presentadas desde a data de inicio do prazo e durante os dous primeiros meses de presentación de solicitudes serán valoradas dentro de cada liña por orde de entrada, ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada unha das liñas, de producirse este antes da finalización do dito prazo.

Se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto na alínea seguinte para o posible crédito sobrante nas outras liñas de axudas establecidas nesta orde.

2. Transcorridos os dous primeiros meses, desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes, o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberá ter en conta tanto as solicitudes presentadas dentro do prazo anterior e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata finalización do prazo o 14 de outubro de 2024.

Se o novo crédito resultante dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia na mesma forma establecida na alínea anterior e, en tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 14 de outubro de 2024 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

 Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que a mesma persoa interesada acadase a condición de persoa beneficiaria con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2018, este incluído, para a mesma autorización VT-N, segundo os seguintes criterios:

– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi cero emisións non poderán obtela para a liña para taxi eco, e viceversa. Non obstante, en ambos os casos, sen prexuízo das obrigas de reintegro que puidesen proceder pola subvención outorgada con anterioridade, poderán ser persoas beneficiarias da liña para taxi adaptado (Eurotaxi).

– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi adaptado (Eurotaxi) non poderán obter esa condición para ningunha das tres liñas.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se atopa no cadro de declaracións no anexo de solicitude, referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

d) Autenticidade dos datos facilitados.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que, para o efecto, esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Para as solicitudes de axudas de taxi adaptado (Eurotaxi).

a) Copia da factura pro forma, que deberá incluír os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.

– Identificación do comprador: nome comercial, NIF, enderezo.

– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Base impoñible.

– Cota do IVE.

– Prezo total.

– Tipo de adaptación que se vai realizar no vehículo.

No caso de realizar algún cambio posterior, en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.

b) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, poderá achegar simultaneamente coa solicitude unha factura referente á compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado polo menos 10.000 euros para esta finalidade mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (PayPal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado e dos suxeitos participantes na transacción.

c) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

1.2. Para as solicitudes de axudas de taxi de cero emisións e eco:

a) Copia da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.

– Identificación do destinatario: nome comercial, NIF, enderezo.

– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Base impoñible.

– Cota do IVE.

– Prezo total.

No caso de realizar algún cambio posterior, en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.

b) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde poderá achegar simultaneamente coa solicitude unha factura referente á compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado polo menos 4.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos de cero emisións e 1.000 euros para esta finalidade no caso de vehículos eco mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado e dos suxeitos participantes na transacción. Neste caso, para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase tamén algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

– Certificación expedida por concesionario oficial acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

c) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados dixitalmente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2023).

    • Extracto da Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2023).

    • Orde do 31 de maio de 2024 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (DOG nº 111 do 10 de xuño de 2024).

    • Resolución do 18 de febreiro de 2025 pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi ECO, e se convocan para o exercicio 2024, mediante tramitación anticipada (DOG nº 47 do 10 de marzo de 2025).

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF301K

Prórroga de transporte regular temporal a praias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF301L

Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano