Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IF303A
Axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (EUROTAXI).
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi).
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2017 (código de procedemento IF303A).
3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran no exercicio 2017 ata a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.
4. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida, que reúnan as seguintes condicións:
a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.
b) Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde, durante o ano 2017.
c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man.
As persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:
a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.
b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.
c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
d) Obriga de destinar o novo vehículo para prestar o servizo de taxi no municipio da Comunidade Autónoma de Galicia en que estea domiciliada a autorización VT-N do solicitante, e adscribir o vehículo a esta.
Non obstante o anterior, o beneficiario poderá substituír o vehículo subvencionado por outro de características semellantes, sempre que concorran circunstancias excepcionais que así o xustifiquen e a dita substitución sexa expresamente autorizada pola Dirección Xeral de Mobilidade e polo concello.
e) Obriga de incorporar nun lugar visible do vehículo adquirido unha referencia expresa a que a adquisición do vehículo foi subvencionada pola Xunta de Galicia (Consellería de Infraestruturas e Vivenda). Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).
f) Obriga de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos, agás no suposto de que, logo de autorización, se substitúa por outro de condicións análogas.
g) Obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Mobilidade
Praza de Europa, 5A 2ª planta. Fontiñas.
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995053
Fax: 981544351
Email: civ.mobilidade@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/05/2017 00:00 - 13/10/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 13 de outubro de 2017.
Non obstante, se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois deste anuncio e ata o 13 de outubro de 2017 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular o solicitante.
Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF303A.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.
A solicitude irá acompañada ademais da documentación a que se fai referencia no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).
Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:
a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.
b) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).
c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.
d) Autenticidade dos datos facilitados.
e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.
f) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia compulsada da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.
b) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.
c) No caso de que o vehículo fose adquirido no exercicio 2017 antes de que se publicase esta orde, factura de compra do vehículo subvencionado e xustificante do pagamento desta mediante unha ou varias transferencias bancarias.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI da persoa física solicitante.
b) DNI da persoa física que presenta a solicitude en representación do solicitante, de ser o caso.
c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS).
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).
Prazo de resolución: Dous meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 9 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2017 (DOG nº 100 do 29 de maio de 2017).
-
Orde do 26 de outubro de 2017 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 9 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos de taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia número 100, do 29 de maio (DOG nº 217 do 15 de novembro de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Prórroga de transporte regular temporal a praias.
Aberto todo o ano
Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.
Aberto todo o ano
Autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.
Aberto todo o ano