Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED441B
Bolsas destinadas ao alumnado universitario que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 164 bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2021/22 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+, relacionados cos estudos que está a cursar (código de procedemento ED441B).
Alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2021/22 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+.
Obrigas das universidades
1. As oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación en que conste:
– Unha listaxe completa do alumnado solicitante que está admitido nun programa de intercambio
– O nome e apelidos do/da estudante, número do DNI e NIE.
– Programa de intercambio, país de destino e o período temporal en que realiza a estadía.
– Titulación na cal está matriculado/a o/a alumno/a no curso 2021/22.
– Nota media do seu expediente académico en data do 30 de abril de 2020, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.
2. Para os efectos desta orde, a duración das estadías que figuren nas respectivas certificacións non poderá ser ampliada. As reducións das estadías deberán ser comunicadas á Secretaría Xeral de Universidades.
3. Así mesmo, unha vez finalizado o período de estandía as oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todo o alumnado que realizou o programa de intercambio e a súa duración.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Universidades
Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544430
Fax: 981545422
Email: orientacion.sug@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
01/09/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
1. Poderá solicitar estas bolsas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2020/21 en calquera das universidades do Sistema universitario Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.
b) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe (universidades do Sistema universitario de Galicia).
c) Non ter desfrutado desta bolsa de mobilidade en convocatorias anteriores.
2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada a todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e forma establecidos.
2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administración públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 13 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2021/22 (DOG nº 167 do 31 de agosto de 2021).
-
Extracto da Orde do 13 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2021/22 (DOG nº 167 do 31 de agosto de 2021).
-
Resolución do 16 de decembro de 2021 pola que se adxudican as axudas convocadas pola Orde do 13 de agosto de 2021 destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2021/22.(DOG nº 246 do 24 de decembro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia.
Aberto todo o ano
Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Aberto todo o ano
Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.
Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59
Axudas ao alumnado das universidades públicas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán.
Prazo pechado: 04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59