Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED441C
Axudas para o inicio de estudos universitarios nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria do alumnado que inicie estudos universitarios no curso 2017/18 no Sistema universitario de Galicia conducentes á obtención dun título oficial de grao.
Contía da axuda.
1. A dotación asignada a cada beneficiario/a será a do importe total da matrícula, incluídas as taxas de apertura de expediente e a expedición e mantemento de tarxeta de identidade, sendo dun máximo de 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura e grao en Belas Artes, e dun máximo de 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, tal e como se recolle no Decreto 65/2017, do 6 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2017/18 (DOG núm. 134, do 14 de xullo).
2. A axuda só alcanzará os créditos dunha única titulación e especialidade.
3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito o/a beneficiario/a.
Alumnado que inicie estudos universitarios no curso 2017/18 no Sistema universitario de Galicia.
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.
d) Seguir con aproveitamento durante o curso académico con carácter presencial os estudos en que se atope matriculado e non anular a matrícula.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Universidades
Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545431
Fax: 981545422
Prazo de presentación: PECHADO
06/10/2017 00:00 - 06/11/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Poderán solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Acreditar unha cualificación na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a cualificación da parte voluntaria.
b) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de terceiros países, cando se acredite a condición de residente en España, quedando excluídos os que se atopen en situación de estadía.
c) Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2017/18 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.
d) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que solicita a axuda.
e) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 12 do Decreto 65/2017, do 6 de xullo (DOG núm. 134, do 14 de xullo), polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2017/18.
f) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:
– Familias de 1 membro: 14.112,00 euros.
– Familias de 2 membros: 24.089,00 euros.
– Familias de 3 membros: 32.697,00 euros.
– Familias de 4 membros: 38.831,00 euros.
– Familias de 5 membros: 43.402,00 euros.
– Familias de 6 membros:46.853,00 euros.
– Familias de 7 membros: 50.267,00 euros.
– Familias de 8 membros: 53.665,00 euros.
A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.
g) Non ter recibido esta axuda en convocatorias anteriores.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade ou a tarxeta da ABAU que inclúan a nota media.
b) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá de figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado/a no curso 2017/18.
c) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.
d) Anexo II de comprobación de datos de terceiras personas interesadas para a consulta de datos dos membros da unidade familiar distintos da persoa solicitante.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
1. Copia do DNI ou do NIE da persoa solicitante 1 e dos demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.
2. Certificado de residencia da persoa solicitante e de todos os membros computables da unidade familiar con data de efectos 31 de decembro de 2016.
3. Certificado da renda da persoa solicitante e de todos os membros computables da unidade familiar relativo ao exercicio fiscal 2016.
4. Autorización da estadía ou residencia legal cando a persoa solicitante sexa extracomunitaria.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED441C (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao ter as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso académico 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 190 do 5 de outubro de 2017).
-
Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se fai pública a resolución das axudas para inicio de estudos universitarios no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 16 do 23 de xaneiro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do SUG que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios, fóra do programa "Erasmus+".
Prazo aberto: 07/06/2025 00:00 - 07/07/2025 23:59
Acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia.
Aberto todo o ano
Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Aberto todo o ano
Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.
Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59