Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
CT207G - Rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da Industria Creativa Galega.
1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o fomento e promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento CT207G).
2. Para os efectos das presentes bases, enténdese como proxecto o conxunto das accións e actividades relacionadas coa produción audiovisual que se realice en Galicia dentro do período subvencionable.
3. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
4. De conformidade co artigo 54 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión Europea, do 17 de xuño, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior segundo o artigo 107, número 3, do Tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, número 3, do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento, e unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible na presente convocatoria. Estas bases establecen a fórmula de declaración responsable para acreditar o cumprimento dos requisitos para a obtención do certificado cultural que expide o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de España, así como os criterios que permitirán seleccionar as solicitudes propostas para subvención.
5. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e a hora de entrada no Rexistro. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.
Proxectos subvencionables .
Os proxectos audiovisuais subvencionables, ademais de estaren orientados á recuperación do sector audiovisual galego e á consolidación desta industria, deberán axustarse aos seguintes requisitos:
1. Poderanse presentar proxectos que teñan como destino principal a exhibición cinematográfica comercial ou a emisión en canles de televisión ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda (VOD) con implantación xeográfica nacional e internacional e que se poidan encadrar nas seguintes modalidades.
1.1. Longametraxes de ficción ou animación que teñan un mínimo de 60 minutos de duración.
1.2. Series de ficción cunha duración mínima de experiencia do espectador de 150 minutos.
2. Serán elixibles aqueles proxectos que conten cun contrato en firme de vendas ou cesión de dereitos con empresas prestadoras de servizos de comunicación, audiovisual, vendas internacionais, dereitos de distribución ou outros que acrediten a difusión nacional e internacional da obra nun mínimo de catro países.
3. O proxecto deberá contar cun financiamento mínimo do 60 % sobre o custo total no momento de presentar a solicitude.
4. O orzamento de gasto en Galicia do proxecto deberá supor un importe mínimo de 1.000.000 € cando se trate dunha longametraxe de ficción ou animación e un importe mínimo de 1.500.000 € cando se trate dunha serie de ficción.
5. O proxecto deberá prever unha duración mínima de rodaxe efectiva, ou realización de traballos en estudios galegos no caso da animación, de quince días.
Concepto de gastos subvencionables .
1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que se realicen en Galicia, que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto concedido consonte a descrición do proxecto na memoria técnica e na solicitude. Todo gasto non xustificado pola persoa solicitante será eliminado do orzamento elixible do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
2. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para el período 2014-2020, e na Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que a modifica.
3. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria. Deste xeito, considerarase gasto subvencionable o que foi executado e pagado dentro do prazo de execución indicado na resolución da axuda.
Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
4. Co fin de cumprir co efecto incentivador do Regulamento (UE) núm. 651/2014, os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto na súa totalidade non sería subvencionable.
5. Para os efectos da presente convocatoria, considéranse gastos subvencionables todos os gastos derivados da realización en Galicia dos traballos de preprodución, produción e posprodución da obra audiovisual, que se correspondan coa prestación de bens e servizos subministrados por empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade económica maioritaria en Galicia, nos termos e cos límites que a seguir se especifican:
5.1. Guión e música. Consideraranse gastos subvencionables os derivados do custo de adquisición dos dereitos de autor e/ou as licenzas e autorizacións necesarias tanto no que atinxe ao guión como á música sempre que se trate de autores e intérpretes galegos/as. Así mesmo, terán a consideración de gastos subvencionables aqueles outros que están vinculados a estes, como diálogos adicionais, traducións, arranxos, dirección de orquestra, gravación, intérpretes, etc.
5.2. Persoal. Consideraranse gastos subvencionables os gastos de persoal que subscribise un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para o proxecto subvencionado, prestado por profesionais que desenvolven a súa actividade habitual en Galicia.
Nesta epígrafe inclúese, por unha banda, o persoal artístico, entendendo por tal o elenco actoral tanto de protagonistas como de principais, secundarios, figuración, especialistas de dobraxe, etc. E, por outra, todo o persoal técnico: equipo de dirección, produción, fotografía, decoración, xastraría, maquillaxe, perrucaría, efectos especiais e efectos sonoros, equipo de son, montaxe, electricistas e maquinistas ou o persoal complementario, tal como asistencia sanitaria, gardas, peóns, etc.
Poderase considerar custo subvencionable a remuneración da persoa produtora executiva ata un 5 % do orzamento subvencionable do proxecto presentado. Ademais, só se recoñecerá como custo a produción executiva realizada por persoas físicas ou por persoas xurídicas cuxo obxecto social inclúa especificamente, sen prexuízo doutros, ou de produción executiva. Cando exista unha relación mercantil entre a empresa produtora e a persoa produtora executiva, deberá xuntarse o contrato correspondente e a súa factura, se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social.
5.3. Escenografía. Consideraranse gastos subvencionables os relativos á construción, montaxe e desmontaxe de decorados, xa sexa en interior ou exterior, así como o seu alugueiro. Tamén todos os compoñentes da ambientación en escena, o vestiario e calquera outro servizo necesario para a posta en escena como animais, carruaxes, etc.
5.4. Estudios de rodaxe, sonorización e produción. Os gastos subvencionables deste capítulo fan referencia ao custo dos estudios de rodaxe, tales como alugueiro de platós, rodaxe en exteriores, instalacións complementarias, estudios de animación, así como os custos en servizos de montaxe e sonorización (salas de montaxe, proxección, dobraxe, efectos sonoros, gravación, mesturas, transcricións, etc.).
Tamén se consideran gastos subvencionables os relativos á produción, como as copias do guión, fotocopias en rodaxe, alugueiro de camerinos, caravanas, almacéns, limpeza, gastos relacionados coas medidas sanitarias anti-COVID-19, e todos aqueles vinculados á produción necesarios para un correcto desenvolvemento da rodaxe.
5.5. Maquinaria de rodaxe e transportes. Serán gastos subvencionables aqueles relativos ao custo de alugueiro da maquinaria e elementos de rodaxe como cámaras, obxectivos especiais e complementarios, accesorios de rodaxe, material de iluminación, guindastres, plataformas elevadoras, grupos electróxenos, equipamentos de son, alugueiro de helicópteros, avións, drons, barcos, etc. así como outros medios de transporte utilizados para os desprazamentos da rodaxe: camións, autobuses, furgonetas, coches, etc.
5.6. Desprazamento, aloxamento e manutención. Terán a consideración de gastos subvencionables os producidos durante o período de rodaxe, localizacións para a rodaxe e período de posprodución. O custo de aloxamento e manutención non poderá superar o importe de 150 euros/día e os gastos de desprazamento, cando sexa en vehículo particular, calcularanse a razón de 0,22 €/km.
5.7. Publicidade e promoción. Serán subvencionables os gastos de publicidade e promoción da obra efectuados pola empresa produtora, se a persoa beneficiaria da subvención posúe un 20 % dos dereitos de propiedade industrial da obra, cun límite do 10 % do importe subvencionable presentado na solicitude. Este concepto inclúe a elaboración do tráiler e o making off da produción audiovisual.
5.8. Informe de auditoría. Terán a consideración de subvencionables os gastos derivados do custo da elaboración do informe especial emitido por un auditor de contas relativo ao custo subvencionable do proxecto exixido no artigo 22 por un importe máximo de 3.000 euros.
5.9. Subministracións. Terán a consideración de gastos subvencionables os consumos en subministracións básicas realizadas durante o período de rodaxe tales como: auga, electricidade, gas, telefonía, mensaxaría, etc.
5.10. Gastos xerais. Consideraranse subvencionables os gastos xerais, entendendo por tales aqueles que non poden vincularse directamente cunha operación determinada pero que son necesarios para a realización da actividade subvencionada. Estes custos indirectos poderán ser subvencionados con base nos custos reais en que se incorra, acreditados coas facturas correspondentes, e deberán ser asignados a pro rata segundo un método xusto e equitativo que deberá constar por escrito e presentarse xunto á documentación xustificativa.
En todo caso, e de conformidade co disposto no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os custos indirectos deberán imputarse na parte que corresponda, de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e que se correspondan co período de tempo en que efectivamente realizan as actividades, debendo achegar xustificación sobre o método de imputación de tales custos indirectos.
En ningún caso a porcentaxe subvencionada por este concepto superará o 7 % do importe xeral de gastos subvencionables.
Terán a consideración de gastos xerais:
a) Gastos de persoal. Os gastos de persoal considerados dentro dos gastos xerais serán aqueles referidos aos gastos do cadro de persoal que non ten un contrato laboral específico para o proxecto obxecto da subvención. O seu custo calcularase mediante un rateo en función da súa participación neste.
b) Gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención fóra das datas de inicio e fin de rodaxe, días de localización e posprodución.
c) Gastos dunha liña telefónica móbil durante os 3 meses anteriores ao inicio da rodaxe e os 3 meses posteriores á súa fin.
d) Alugueiro da oficina, así como do material de oficina.
6. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. En concreto, non serán computados como gasto subvencionable:
a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.
b) Os gastos suntuarios, entendéndose por tales aqueles que non achegan valor ao proxecto, as gratificacións, regalos protocolarios, premios, etc.
c) Os gastos superiores a 40.000 euros, no caso de longametraxes, e superiores a 2.000 euros no caso de curtametraxes, facturados por cada empresa vinculada á empresa produtora.
Os gastos iguais ou inferiores aos ditos importes facturados por empresas vinculadas serán computados como custo sempre que se realicen de acordo coas condicións normais de mercado, o que se xustificará mediante a presentación de tres ofertas, salvo que polas especiais características do gasto non exista no mercado suficiente número de entidades que presten o servizo ou subministren o ben de que se trate. En todo caso, a facturación por parte das empresas vinculadas só será computada como gasto subvencionable logo da autorización da Agadic.
Non poderán fraccionarse os gastos correspondentes a unha mesma prestación ou servizo en diferentes facturas, nin realizarse sucesivos contratos con obxectos similares coa finalidade de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento do establecido neste punto.
Considerarase que existe vinculación nos supostos previstos no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os efectos do establecido nesta letra, o informe de auditoría que presente a empresa produtora da película xunto á solicitude de pagamento deberá incluír unha relación detallada de todas as empresas vinculadas a ela.
d) A facturación realizada entre as empresas coprodutoras da obra audiovisual.
7. Para os efectos desta convocatoria, non serán subvencionables:
a) Os gastos en servizos relacionados coa xestión empresarial por parte dos produtores ou coprodutores.
b) Os gastos relativos aos servizos de representación e protocolo.
c) Os gastos en asistencia xurídica ou de consultoría en calquera materia, agás o informe de auditoría exixido nestas bases.
d) Os gastos derivados da compra de activos fixos, propiedade ou dispositivos electrónicos de consumo nin outros gastos que supoñan un incremento patrimonial da persoa beneficiaria.
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos, polo menos, por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que remate o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
1. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas empresas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual ou dispoñan dun contrato en firme para asumir os servizos de produción en Galicia no momento de presentar a solicitude. En ambos os casos deberán designar como profesional responsable da produción executiva en Galicia unha persoa con acreditada experiencia na dita función que teña o seu domicilio e/ou desenvolva a súa actividade habitual en Galicia.
2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-81403), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a 2 millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
3. Adicionalmente establécese que a persoa beneficiaria ou, de ser o caso, a persoa responsable da produción executiva en Galicia, deberá ter producido nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria un mínimo dunha obra previa que coincida con algunha das condicións que se describen:
– Longametraxe cinematográfica estreada en salas comerciais nacionais cun mínimo de 20.000 espectadores e con distribución internacional nun mínimo de dous países. Non son consideradas as presentacións en festivais de cine.
– Serie ou miniserie de ficción para TV ou plataforma dun mínimo de 150 minutos que fose emitida nun mínimo de dous países, ademais de en España.
– Longametraxe cinematográfica de ficción ou animación en réxime de coprodución internacional.
– Longametraxe cinematográfica ou serie ou miniserie de ficción, que tivese un orzamento de produción de máis de 800.000 euros.
4. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
De acordo co artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non teñan a consideración de empresa en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.
6. Unha mesma persoa beneficiaria poderá acadar subvención por un máximo de dous proxectos ao abeiro desta convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Email: agadic@xunta.gal
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 79 do 26 de abril de 2022).
Extracto da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 79 do 26 de abril de 2022).
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
27/04/2022 00:00 - 01/09/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2022. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria .
1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:
– Documentación administrativa:
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no rexistro mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Documentación acreditativa que de a persoa solicitante é propietaria dun mínimo do 20 % dos dereitos de propiedade da obra, de ser o caso.
1.5. Contrato para realizar os servizos de produción en Galicia da obra, de ser o caso.
1.6. Copia da documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles, no caso de que a entidade solicitante sexa coprodutora da obra.
1.7. As seguintes declaracións responsables recollidas no anexo II:
1.7.1. Declaración de que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ao concorreren como mínimo dous dos requisitos que se relacionan:
a) Que teña como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.
b) Que o contido estea ambientado principalmente en España.
c) Que o contido teña relación directa coa literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a escultura e, en xeral, coas expresións da creación artística.
d) Que o guión sexa adaptación dunha obra literaria preexistente.
e) Que o contido teña carácter biográfico ou, en xeral, reflicta feitos ou personaxes de carácter histórico, sen prexuízo das adaptacións libres propias dun guión cinematográfico.
f) Que o contido inclúa principalmente relatos, feitos ou personaxes mitolóxicos ou lendarios que poidan considerarse integrados en calquera patrimonio ou tradición cultural do mundo.
g) Que emita un mellor coñecemento da diversidade cultural, social, relixiosa, étnica, filosófica ou antropolóxica.
h) Que o contido estea relacionado con asuntos ou temáticas que forman parte da realidade social, cultural ou política española, ou con incidencia sobre eles.
i) Que no relato cinematográfico, un dos protagonistas ou varios dos personaxes secundarios estean directamente vinculados con esa mesma realidade social, cultural ou política española.
j) Que se dirixa especificamente a un público infantil ou xuvenil e conteña valores acordes cos principios e fins da educación recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a norma que, se é o caso, a substitúa, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
1.7.2. Declaración de que a entidade solicitante ou, de ser o caso, as empresas que integran a entidade xurídica solicitante cumpren cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
1.7.3. Que a entidade solicitante é titular dos dereitos de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, de ser o caso.
1.7.4. Que a entidade solicitante asinou un contrato en firme para realizar a totalidade dos servizos de produción da obra que se desenvolvan en Galicia, de ser o caso.
1.7.5. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
1.7.6. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos e que acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axuda nesta convocatoria.
1.7.7. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
1.7.8. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1.7.9. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
1.7.10. Declaración responsable de que realizará en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda, e contratará bens e servizos prestados por empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade maioritaria en Galicia.
1.7.11. Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.
1.7.12. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
1.7.13. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
1.7.14. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).
1.7.15. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
1.7.16. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
1.7.17. Declaración responsable de non consideración de empresa en crise no momento da presentación da solicitude nin estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Non obstante, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
1.7.18. Declaración responsable de que o proxecto non se iniciou antes da presentación da solicitude de axuda.
1.7.19. Declaración responsable de ser peme.
– Documentación técnica:
1.8. Documentación relativa á empresa ou, de ser o caso, á persoa responsable da produción executiva en Galicia, e ao proxecto, en que deberá constar:
1.8.1. Historial creativo e profesional de non máis de dez páxinas que acredite o cumprimento do establecido no punto 4 do artigo 2 das presentes bases.
1.8.2. Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe de axente ou compañía de vendas que acredite a traxectoria de obras anteriores realizadas, que conteña os países en que se comercializaron as ditas obras, destino final da comercialización e outros datos que poidan achegar información relevante sobre a traxectoria neste ámbito. O informe deberá acompañarse do historial do profesional ou empresa que o emita.
1.8.3. Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe de empresa distribuidora, canle de TV/operadora ou institución pública, que acredite a distribución e resultados de billeteira para exhibición, e/ou emisión nacional de obras realizadas con anterioridade.
1.8.4. Recoñecementos oficiais de coprodución e de nacionalidade de longametraxes realizadas con anterioridade, que acrediten o seu carácter de coprodución internacional.
1.8.5. Documentación que acredite o custo de produción de longametraxes cinematográficas, series ou miniseries realizadas nos cinco anos anteriores á publicación da presente convocatoria.
1.9. Orzamento de gastos do proxecto, realizado en Galicia, desagregado por concepto de gasto, con IVE e sen IVE coa suma das partidas, de conformidade co establecido no artigo 6, punto 5, das presentes bases (anexo III).
1.10. Cronograma da produción en Galicia en que se relacionen as zonas xeográficas onde se realizará a obra audiovisual e se especifiquen as localizacións galegas, os días de rodaxe/utilización de estudios de animación que terán lugar en Galicia e a porcentaxe destes con respecto á totalidade da rodaxe ou utilización de estudios de animación da obra audiovisual.
1.11. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da persoa xurídica solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Xustificación do Orzamento (Anexo IV)
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
- Orzamento de gastos do proxecto (Anexo III)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Subvencións a proxectos desenvolvidos por empresas de exhibición cinematográfica de carácter comercial.
Subvencións á creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego.
Selección dunha entidade colaboradora para a xestión e organización das actividades do programa de desenvolvemento do polo de aceleración do sector de videoxogos para impulso do sector.
Proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual para salas de exhibición cinematográfica.