Guía de procedementos e servizos

CT207G

Rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da Industria Creativa Galega.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 11/09/2021 00:00 - 10/12/2021 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao amparo do programa Hub da Industria Creativa Galega para o ano 2021 e 2022 (código de procedemento CT207G).

2. Para os efectos das presentes bases, enténdese como proxecto o conxunto das accións e actividades relacionadas coa produción audiovisual que se realice en Galicia dentro do período subvencionable.

3. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

4. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e hora de entrada no rexistro. A proposta de concesión formularase polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polo menos por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que teña rematado o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas empresas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual ou dispoñan dun contrato en firme para asumir os servizos de produción en Galicia no momento de presentar a solicitude. En ambos os casos deberán designar como profesional responsable da produción executiva en Galicia a unha persoa con acreditada experiencia na dita función que teña o seu domicilio e/ou desenvolva a súa actividade habitual en Galicia.

3. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE)  651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e mediana empresas (DOUE-L-2014-81403), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a dous millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede dos 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede dos 43 millóns de euros.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura. Monte Gaiás

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Email: agadic@xunta.gal

htpp://agadic.gal

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/09/2021 00:00 - 10/12/2021 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será de tres meses desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Coa finalidade de obter unha obra audiovisual que garanta unha alta calidade de produción, viabilidade económica e de realización e alto potencial de distribución internacional, establécese que a entidade solicitante ou a persoa responsable da produción executiva en Galicia cumpra, polo menos, dous dos requisitos adicionais seguintes:

1.1. Ter producido unha longametraxe cinematográfica estreada simultaneamente en salas comerciais nacionais cun mínimo de 40 copias e con distribución internacional nun mínimo de catro países.

1.2. Ter producido unha serie de ficción para TV ou plataforma dun mínimo de 210 minutos que teña sido emitida nun mínimo de catro países.

1.3. Ter realizado unha obra audiovisual (longametraxe cinematográfica ou serie dun mínimo de 210 minutos) en réxime de coprodución internacional.

2. En todo caso, a persoa designada para exercer a produción executiva en Galicia deberá contar con acreditada experiencia profesional no seu desempeño da mesma en función en obras audiovisuais de similares características ao proxecto que se presenta a esta convocatoria.

3. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

De acordo co artigo 1.4.c) do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise o 31 de decembro de 2019, circunstancia que será comprobada por Agadic.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

5. Un mesmo beneficiario poderá acadar subvención por un máximo de dous proxectos ao abeiro desta convocatoria.

Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a firme e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Documentación acreditativa que de a persoa solicitante é propietaria dun mínimo do 20 % dos dereitos de propiedade da obra, de ser o caso.

1.5. Contrato para realizar os servizos de produción en Galicia da obra, de ser o caso.

1.6. Copia da documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles, no caso de que a entidade solicitante sexa coprodutora da obra.

1.7. As seguintes declaracións responsables recollidas no anexo II:

1.7.1. Declaración de que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ao concorrer como mínimo dous dos requisitos que se relacionan:

a) Que teña como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.

b) Que o contido estea ambientado principalmente en España.

c) Que o contido teña relación directa coa literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a escultura, e en xeral coas expresións da creación artística.

d) Que o guión sexa adaptación dunha obra literaria preexistente.

e) Que o contido teña carácter biográfico, ou en xeral reflicta feitos ou personaxes de carácter histórico, sen prexuízo das adaptacións libres propias dun guión cinematográfico.

f) Que o contido inclúa principalmente relatos, feitos ou personaxes mitolóxicos ou lendarios que poidan considerarse integrados en calquera patrimonio ou tradición cultural do mundo.

g) Que emita un mellor coñecemento da diversidade cultural, social, relixiosa, étnica, filosófica ou antropolóxica.

h) Que o contido estea relacionado con asuntos ou temáticas que forman parte da realidade social, cultural ou política española, ou con incidencia sobre eles.

i) Que no relato cinematográfico, un dos protagonistas ou varios dos personaxes secundarios estean directamente vinculados con esa mesma realidade social, cultural ou política española.

j) Que se dirixa especificamente a un público infantil ou xuvenil e conteña valores acordes cos principios e fins da educación recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a norma que no seu caso a substitúa, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

1.7.2. Declaración de que a entidade solicitante ou, de ser o caso, as empresas que integran a entidade xurídica solicitante, cumpren cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.

1.7.3. Que a entidade solicitante é titular dos dereitos de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, de ser o caso.

1.7.4. Que a entidade solicitante ten asinado un contrato en firme para realizar a totalidade dos servizos de produción da obra que se desenvolvan en Galicia, de ser o caso.

1.7.5. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

1.7.6. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

1.7.7. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

1.7.8. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.7.9. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

1.7.10. Declaración responsable de que realizará en Galicia as actividades para as que se solicita a axuda, e contratará bens e servizos prestados por empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade maioritaria en Galicia.

1.7.11. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) 651/2014 sobre empresas vinculadas.

1.7.12. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

1.7.13. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

1.7.14. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

1.7.15. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

1.7.16. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

1.7.17. Declaración responsable de non consideración de empresa en crise antes do 31 de decembro de 2019 nin estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Non obstante, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

1.7.18. Declaración responsable de que o proxecto non se iniciou antes da presentación da solicitude de axuda.

1.7.19. Declaración responsable de ser peme.

Documentación técnica.

1.8. Documentación relativa á empresa na cal deberá constar:

1.8.1. Historial creativo e profesional da empresa produtora, máximo 10 páxinas.

1.8.2. Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe do axente ou da compañía de vendas que acredite a traxectoria de obras anteriores realizadas no mesmo formato do proxecto presentado, que conteña os países en que se comercializaron as obras, o destino final da comercialización, a selección en festivais internacionais e outros datos que poidan achegar información relevante sobre a traxectoria neste ámbito. O informe deberá xuntarse ao historial do profesional ou da empresa que o emita.

1.8.3. Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe da empresa distribuidora, canle de TV/operadora ou institución pública, que acredite a distribución para a exhibición e/ou emisión nacional de obras anteriores realizadas no mesmo formato do proxecto presentado.

1.8.4. Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, recoñecementos oficiais de coprodución e de nacionalidade de longametraxes realizadas con anterioridade, ou certificación das canles de televisión ou plataformas VOD participantes na obra que acredite o seu carácter de coprodución internacional.

1.9. Orzamento de gastos do proxecto, realizado en Galicia, desagregado por concepto de gasto, con IVE e sen IVE, coa suma das partidas de conformidade co establecido no artigo 6 punto 5 das presentes bases (anexo III).

1.10. Cronograma da produción en Galicia en que se relacionen as zonas xeográficas onde se realizará a obra audiovisual e se especifiquen as localizacións galegas, os días de rodaxe/utilización de estudos de animación en Galicia e a súa porcentaxe con respecto á totalidade da rodaxe ou á utilización de estudos de animación da obra audiovisual.

1.11. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou tales documentos que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta nas plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 24 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 175 do 10 de setembro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 24 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 175 do 10 de setembro de 2021).

    • Corrección de erros. Resolución do 24 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 179 do 16 de setembro de 2021)

    • Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT115A

Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT116A

Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano