Guía de procedementos e servizos

CO301B

Bonos Activa comercio.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 09/05/2023 00:00 - 01/09/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2023 e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados (código de procedemento CO301B).

Obxectivos.

O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.

Actividade subvencionable.

Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas no artigo 17 destas bases reguladoras.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

https://www.bonosactivacomercio.gal/

Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

09/05/2023 00:00 - 01/09/2023 23:59

O prazo para a adhesión dos comercios retallistas ao Programa de dinamización e incentivación do consumo a través dos bonos Activa comercio comprende desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2023.

Data de descarga dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 15 de maio ata o 15 de setembro de 2023, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Requisitos das persoas que poden solicitar o Bono Comercio.

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

As axudas entenderanse concedidas co troco dos bonos polas persoas usuarias.

Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

Alta dos comercios para a adhesión ao programa.

 1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• Establecemento comercial en Galicia.

• NIF.

• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento comercial.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IAE principal (incluído no anexo I).

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial.

A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

Na alta para a adhesión ao programa, as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, se é o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.

O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal

As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Comprobación de datos das persoas comerciantes

Poderán consultarse automaticamente os datos das persoas comerciantes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

No caso de que a persoa interesada se opoña á súa consulta deberá achegar os documentos.

Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Maioría de idade.

c) DNI ou NIE.

d) Localidade de residencia (código postal).

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

5. Opcionalmente, os bonos poderanse solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente os/as empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.

3. No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na APP o importe e o concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

4. Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, se convocan para o ano 2023 e se abre o prazo para a adhesión dos comercios (DOG nº 87 do 8 de maio de 2023).

    • Extracto da Orde do 24 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, se convocan para o ano 2023 e se abre o prazo para a adhesión dos comercios (DOG nº 87 do 8 de maio de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano