Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CO301B
Bonos Activa comercio.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados.
Obxectivos.
O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia; dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios; mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e reducir o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos comerciais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.
Actividade subvencionable.
Pola presente orde subvenciónase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.
As vendas subvencionadas serán as realizadas ata o 31 de outubro de 2021.
Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.
O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Prazo de presentación: PECHADO
04/08/2021 00:00 - 31/10/2021 22:59
Segundo a orde do 23 de xullo de 2021 (DOG do 3/08/2021) se modifica a Orde de 8 de abril de 2021:
Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polos usuarios a partir do 3 de maio de 2021 e a súa validez estenderase ata o 31 de outubro de 2021.
Segundo a orde do 6 de maio de 2021 (DOG nº 89 do 12 de maio de 2021), o prazo para a adhesión dos comercios retallistas ao Programa de dinamización e incentivación do consumo a través dos bonos Activa comercio amplíase ata o 31 de maio de 2021.
Data de activación dos bonos.
Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polos usuarios a partir do 3 de maio de 2021 e a súa validez estenderase ata o 31 de outubro de 2021.
Mediante orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderase modificar a devandita data se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellan, dándose a oportuna publicidade.
Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran, ademais, os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
Alta para a adhesión ao programa.
1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal
2. A alta e o uso da aplicación polos comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.
3. Os comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigados a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Non se admitirán nin terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
5. O nome comercial e localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase público na web https://www.bonosactivacomercio.gal.
6. Os comerciantes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.
Comprobación de datos dos comerciantes.
Poderán consultarse automaticamente os datos dos comerciantes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.
Presentación da solicitude dos bonos.
1. Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web https://www.bonosactivacomercio.gal
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.
3. Os usuarios deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, os usuarios deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
5. Opcionalmente, o bono poderase solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
A persoa interesada, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente aos empregados para a solicitude e obtención do bono en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercio (DOG nº 69 do 14 de abril de 2021).
-
Extracto da Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercio (DOG nº 69 do 14 de abril de 2021).
-
Orde do 6 de maio de 2021 pola que se amplía o prazo para a adhesión dos comercios ao Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio convocados pola Orde do 8 de abril de 2021 (DOG nº 89 do 12 de maio de 2021).
-
Orde do 23 de xullo de 2021 pola que se modifica a Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (DOG nº 147 do 3 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano