Guía de procedementos e servizos

CO300A

Subvención ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 29/07/2021 00:00 - 30/08/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

En función da súa especial natureza e, por teren unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2020 ata o 31 de decembro de 2020.

3.1. Actuacións subvencionables:

3.1.1. Centros comerciais abertos.

Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos, en concreto considéranse actuacións subvencionables:

a) A creación e mantemento de market place que deberán reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo IX.

A participación no market place dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A loxística e-commerce. Considéranse subvencionables os gastos de envío en liña, realizados por empresas loxísticas desde os comercios ata o domicilio do cliente.

Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse ao cliente.

c) Dinamización comercial. Campañas de dinamización comercial e publicidade dirixidas á dinamización das vendas e á fidelización de clientes.

O desenvolvemento de campañas de promoción ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos comercios asociados.

d) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 (Beneficiarios) alínea 1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, dúas actuacións das previstas na letra c).

3.1.2. Prazas de abastos e mercados.

Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos a través das seguintes actuacións:

a) A creación e mantemento de market place que deberán reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo IX .

A participación no market place dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A loxística e-commerce. Considéranse subvencionables os gastos de envío en liña, realizados por empresas loxísticas desde a praza de abastos ata o domicilio do cliente.

Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse ao cliente.

c) Dinamización comercial. Campañas de dinamización comercial e publicidade dirixidas á dinamización das vendas e á fidelización de clientes.

d) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 (Beneficiarios) alínea 1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, dúas actuacións das previstas na letra c).

e) Instalacións e equipamentos do mercado e das praceiras e dos praceiros.

4. Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Así mesmo, serán admisibles como gastos subvencionables os orixinados polas unidades xerenciais, incluídos os custos de persoal e de funcionamento, tendo en conta que as devanditas unidades resultan indispensables para a axeitada preparación, avaliación e execución do proxecto subvencionable. Non obstante o anterior, o importe máximo da subvención destinada aos custos de persoal non será superior a 15.000 euros, incluído o custo salarial do xerente e a Seguridade Social, no caso dos centros comerciais abertos, e de 4.000 euros no caso das prazas de abastos.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data límite establecida no artigo 18 destas bases reguladoras, coa excepción dos gastos efectuados en 2020 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os regalos promocionais nin os custos relativos a axudas de custo, desprazamentos, nin a realización de cócteles e actos análogos.

As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teña exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

– As bolsas comerciais.

– Os gastos da asesoría externa en contía superior a 2.500 euros de subvención.

– A edición e a publicación de revistas, xornais ou medios análogos, en soporte físico nin dixital.

– Os envíos de e-commerce de establecementos comerciais que foran beneficiarios por este concepto a través da orde de axudas á dixitalización, código de procedemento CO300C.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1.d) e 3.1.2.d) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial

Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544530

Fax: 981545541

Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal/portada

Desde o resto do Estado, 902 12 00 12

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

29/07/2021 00:00 - 30/08/2021 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:

– A unidade xerencial deberá ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral, que en ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.

– Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.

Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.

Ademais, o Centro Comercial Aberto (en diante, CCA) deberá cumprir, polo menos, catro dos seguintes cinco requisitos mínimos e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar en concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2020.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve, que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal, debe haber polo menos 100 comercios (asociados e non asociados), os cales deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.

c) Contar como adheridos polo menos co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Solicitude e documentación complementaria.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e o prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

d) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e as características dos participantes e beneficiarios e, de ser o caso, plan de dinamización.

e) Copia da acta da sesión en que se informen os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, segundo o anexo VI, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, coa desagregación de conceptos e contías, así como o plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (40.000 euros no suposto de execución de obra ou 15.000 euros nos demais supostos), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

f.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

f.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

f.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

f.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

f.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

g) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa.

h) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2020.

i) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, CIF ou NIE da persoa titular, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou as entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

j) Formalización do anexo IV, relativo ás unidades xerenciais, acompañado da documentación que nel se sinala, de ser o caso.

k) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 4, punto 1.1.2, deberá achegarse o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. Nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación.

l) Informe da mesa local de comercio correspondente, sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, presentación da solicitude de informe de acordo co establecido na disposición adicional primeira da convocatoria.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse a súa achega novamente á persoa interesada.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 143 do 28 de xullo de 2021).

    • Extracto da Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 143 do 28 de xullo de 2021).

    • Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 209 do 29 de outubro de 2021).

    • Resolución do 23 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 6 do 11 de xaneiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

CO301B

Bonos Activa comercio.

Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano