Guía de procedementos e servizos

CO300C

Subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 03/02/2024 00:00 - 04/03/2024 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

  A concesión de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal.

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial

Edificio Administrativo San Caetano, s/n - Edificio nº 5, planta 3ª

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545599/ 981545548/ 981545915

Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal/portada

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

03/02/2024 00:00 - 04/03/2024 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).

Para a consideración de pequena e mediana empresa observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio de 2003).

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1); as persoas que resultasen beneficiarias no ano 2023 das ordes de axudas CO300C e CO300G para a mesma actuación subvencionable, agás no caso dos obradoiros artesáns e nos supostos en que pola natureza da actuación non sexa susceptible a súa conservación nos termos establecidos no artigo 19.6.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo V, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia, que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo VI) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante, no cal figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no DOG, ou acreditación de non estar inscrito/a, se é o caso.

e) Memoria do proxecto (anexo VII), que deberá incluír:

– Liña de dixitalización:

Unha descrición detallada e obxectivos do proxecto, indicando as distintas actuacións que recolle.

O grao de dixitalización existente na empresa no momento da solicitude e os obxectivos que se pretende acadar coa axuda: páxina web implantada, de ser o caso, ferramentas de márketing utilizadas e redes sociais dispoñibles.

A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.

Desagregación das actuacións para as cales se solicita a subvención, cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

Declaración responsable, debidamente asinada, de ter implantadas todas as actuacións do programa e-commerce I, no caso de solicitar as actuacións establecidas no programa e-commerce II.

– Liña de innovación:

Unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.

O grao de dixitalización existente na empresa no momento da solicitude e os obxectivos que se pretende acadar coa axuda: páxina web implantada, de ser o caso, ferramentas de márketing utilizadas e redes sociais dispoñibles.

A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.

Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretende executar, cun orzamento desagregado no cal se detallen de forma separada os conceptos e os custos obxecto da axuda.

Unha descrición dos contidos e da planificación da súa emisión, así como o software para a dita emisión, no caso de solicitar as seguintes actuacións:

Escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela.

Pantallas con ou sen interacción coa clientela.

Tótems con ou sen interacción coa clientela.

Declaración responsable, debidamente asinada, de ter implantadas todas as actuacións do programa e-commerce I, no caso de solicitar as actuacións establecidas no programa smart retail ou no programa visual merchandising.

– Liña de modernización:

Memoria do proxecto que detalle a actividade comercial e artesanal que se desenvolve no establecemento comercial, descrición, alcance, localización e características das intervencións de mellora e acondicionamento que se van realizar ou, de ser o caso, das características técnicas dos equipamentos e a súa repercusión na mellora e especialización dos procesos.

Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretende executar, cun orzamento desagregado no cal se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.

A memoria deberá vir acompañada de:

Fotografías e, de ser o caso, plano, onde se mostre o estado e a imaxe do local antes da realización da obra, e fotografías das instalacións actuais e dos equipamentos no caso de substitución ao abeiro do programa de eficiencia.

Características técnicas dos equipamentos de eficiencia enerxética para os cales se solicita a axuda, subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

No caso de equipamentos da actividade comercial, etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior cando así o requiran.

f) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non estean desagregados polos conceptos das actuacións subvencionables.

As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos ás ferramentas de posicionamento dixital deberán estar emitidas polos provedores que presten os referidos servizos ou, de ser o caso, desagregar as actuacións, o custo e os fitos/obxectivos que se pretende cumprir.

As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos á loxística e-commerce ou xestión de redes sociais deberán indicar o período en que efectivamente se presta o servizo.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberá achegar na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Para os efectos sinalados no artigo 13 destas bases reguladoras achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación acreditativa que, en ningún caso, será obxecto de requirimento:

Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios de valoración establecidos na letra d) do artigo 13, coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social ou, de ser o caso, indicación do número de persoas e grao de discapacidade por ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.

No caso de ser obxecto dunha remuda xeracional nos últimos cinco anos, declaración responsable do traspaso do negocio.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe remuda xeracional en caso de sociedades cando se produza a correspondente modificación da escritura; en caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, cando se modifique a acta, escritura ou documento de constitución ou os estatutos; e, en caso de autónomos, cando se produza a alta e baixa no réxime de autónomos da persoa que toma a remuda e da persoa remudada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas.

f) Certificado de renda.

g) Certificado de estar ao día no pagamento á AEAT para subvencións e axudas.

h) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento á Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2024).

    • Extracto da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2024).

    • Corrección de erros. Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 33 do 15 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 6 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 160 do 21 de agosto de 2024).

    • Orde do 29 de agosto de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 171 do 5 de setembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano