Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS623C
Subvencións para corporacións locais para programas de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, cofinanciada polo Fondo Social Europeo.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento e regulación da concesión de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal durante os exercicios 2021, 2022 e 2023, que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral. O código deste procedemento é o BS623C.
2. Para os efectos da presente orde, terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade aqueles que cumpran o establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia e, particularmente, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana, a poboación inmigrante residente en Galicia e as persoas sen fogar, cando se trate de participantes nos programas descritos no artigo 5.
Gastos que se subvencionan.
1. Para os efectos da presente orde, consideraranse como gastos subvencionables das actuacións establecidas no artigo 5 os seguintes:
a) Gastos directos. Terán esta consideración os que a seguir se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, por tanto, se refiran inequivocamente a ela:
1º. Gastos de persoal propio da entidade solicitante da subvención. Serán subvencionables os custos salariais totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial.
2º. Gastos de traballadores/as por conta propia.
3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.
4º. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes dos programas que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.
5º. Bolsas por asistencia a accións formativas que non sexan percibidas por persoas participantes dos programas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento.
6º. Axudas por desprazamento para participantes nas accións subvencionables.
7º. Gastos de material formativo utilizados exclusivamente na formación dos programas subvencionados.
8º. Gastos de intermediación con empresas para a realización de prácticas non laborais.
9º. Aluguer de maquinaria específica para a formación.
b) Gastos de carácter indirecto que a seguir se relacionan, sempre que non se correspondan en exclusiva coa actuación subvencionada por teren carácter estrutural pero resulten necesarios para a súa realización:
1º. Gastos de persoal.
2º. Gastos en material funxible.
3º. Gastos de aluguer e mantemento das instalacións do lugar da realización das actuacións como luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.
2. En todo caso, os programas dirixidos á inclusión social subvencionados deberán cumprir as normas establecidas nos regulamentos (UE) nº 1303/2013 e 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificados ambos polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, no Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020; no Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013 e (UE) 508/2014, no relativo ás medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e nos outros sectores de súas economías, en resposta ao brote de COVID-19, e no Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE) e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.
3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos aos programas obxecto de todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de xullo de 2021 ao 30 de abril de 2023.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou a petición de calquera das entidades solicitantes.
5. Poderanse subcontratar as actuacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral do servizo de apoio á inclusión sociolaboral do artigo 5.1.a).1º e 2º, agás a diagnose e a avaliación do proxecto de inclusión.
Cando a entidade subcontratada sexa beneficiaria doutras axudas dirixidas á inclusión social para a realización de actuacións da mesma natureza que os programas subvencionados por esta orde, os beneficiarios das ditas actuacións deberán ser persoas diferentes, sendo de aplicación para a entidade subcontratada o réxime de incompatibilidade previsto no artigo 8.
A contía subcontratada non poderá superar o 80 % da contía concedida e, se superase o 20 % do total da subcontratación e a súa contía for superior a 60.000 €, a subcontratación estará suxeita aos requisitos previstos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos a entidade local solicitante da subvención remitirá a Dirección Xeral de Inclusión Social antes da súa celebración a proposta de adxudicación de contrato para a súa autorización.
Con respecto ao resto das prestacións subvencionadas, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade solicitante da subvención para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, aluguer de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionadas con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.
6. Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 15.000 €, para o caso de subministracións e servizos, a entidade solicitante da subvención deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para prestación do servizo, excepto no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.
1. Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas no artigo 1.
2. Enténdense incluídas no número anterior as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.
Non obstante o anterior, e en relación a aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este particular cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da devandita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.
En todo caso, a solicitude presentada por calquera tipo de agrupación de concellos para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude por parte dun concello que forme parte da agrupación para o mesmo programa.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Inclusión Social
Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión
Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión
Edificio Administrativo de San Caetano
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545564
Fax: 981545638
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Inclusión Social
Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión
Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes
Edificio Administrativo de San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545615
Fax: 981545638
Prazo de presentación: PECHADO
18/09/2021 00:00 - 18/10/2021 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Aquelas corporacións locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada segundo as seguintes regras:
1º. Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 150 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.
2º. Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.
O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución desta convocatoria.
As entidades solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, excepto a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.
c) As corporacións locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido ás persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación da entidade en que conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención.
b) Capacidade de representación legal da persoa que asina a solicitude naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde/sa, presidente/a da entidade local ou representante da agrupación de concellos.
c) Compromiso, asinado polo interventor da corporación local, do mantemento separado da contabilidade ou ingreso da subvención concedida.
d) En caso de solicitudes formuladas por calquera tipo de agrupación de concellos, deberán achegar:
1º. Para os efectos establecidos no artigo 3, as mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, que pretendan acreditar a realización conxunta de programas, deberán presentar unha memoria de actuación en que conste unha relación de posibles destinatarios que figure no seu empadroamento actual e a sede do servizo onde se lles vaia a dispensar a atención.
2º. O convenio onde se fagan constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada concello membro da agrupación, con indicación da persoa representante ou apoderada única.
e) Documentos específicos para a descrición dos programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables nos anexos II (poboación xitana), III (poboación inmigrante), IV (persoas en situación de risco ou exclusión social) V (persoas sen fogar) e VI (programas complementarios de educación e apoio familiar), segundo a tipoloxía do programa que se presente. Deberase presentar un anexo por cada un dos programas solicitados. A información mínima contida nestes anexos poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante da subvención, nunha memoria complementaria. En todo caso, deberanse indicar as actuacións previstas en cada anualidade do período de imputación previsto no artigo 7.3.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Documento nacional de identidade ou número de identidade estranxeiro da persoa representante.
c) Situación no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Situación no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
f) Grupo de cotización dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados á execución dos programas subvencionados.
g) Situación de alta na Seguridade Social dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados aos programas subvencionados durante o período de execución da actuación.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de anexo I de solicitude e/ou no anexo X de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Documento específico para descrición de programas dirixido persoas sen fogar (anexo V)
- Documento específico para descrición de programas dirixido a inclusión social da comunidade xitana (Anexo II)
- Documento específico para descrición de programas dirixido a inclusión social de persoas en risco de exclusión (Anexo IV)
- Solicitude (Anexo I)
- Documento específico para descrición de programas complementarios de educación e apoio familiar (anexo VI)
- Documento específico para descrición de programas dirixido a inclusión social da poboación inmigrante (Anexo III)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 180 do 17 de setembro de 2021).
-
Extracto da Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 180 do 17 de setembro de 2021).
-
Orde do 24 de novembro de 2021 pola que se amplía o primeiro prazo de xustificación da Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 230 do 30 de novembro de 2021).
-
Resolución do 3 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Inclusión Social, pola que se procede á publicación da Resolución do 2 de decembro de 2021 de concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 242 do 20 de decembro de 2021).
-
Orde do 15 de marzo de 2022 pola que se modifica a Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 62 do 30 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano