Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
BS623C - Subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas a desenvolver polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento e a regulación de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas á construción, reforma, adaptación e equipamento de centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas, así como ao desenvolvemento de programas por parte dos servizos sociais de titularidade municipal que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral. O código deste procedemento é o BS623C.
2. Para os efectos da presente orde, terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade aqueles que cumpran o establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e particularmente persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e a poboación inmigrante residente en Galicia cando se trate de participantes nos programas descritos no artigo 5 da orde.
Gastos que se subvencionan.
1. Para os efectos da presente orde, consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:
a) Gastos subvencionables para a realización de programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables:
1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a continuación se relacionan sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:
1º.1. Gastos de persoal: persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial.
1º.2. Gastos de traballadores/as por conta propia para a realización de actividades de formación.
1º.3. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.
1º.4. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.
1º.5. Bolsas por asistencia a accións formativas que non sexan percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento. Esta restrición non será aplicable ás persoas que formen parte da unidade de convivencia da persoa titular da dita renda.
1º.6. Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.
2º. Gastos de carácter indirecto: terán a devandita consideración os que a continuación se relacionan sempre que non correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural pero resulten necesarios para a súa realización:
2º.1. Gastos de persoal.
2º.2. Gastos en material funxible.
2º.3. Gastos de aluguamento e mantemento das instalacións como luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.
b) Gastos subvencionables de investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas:
Poderá subvencionarse ata o 80 % dos gastos necesarios para a realización do investimento que correspondan de maneira indubitada á operación cofinanciada, e deberán estar debidamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto na presente base reguladora, coas seguintes especificidades:
Será subvencionable a construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas en uso como centros de inclusión e emerxencia social.
Unicamente con respecto ás solicitudes para ampliación da superficie destinada para a atención das persoas usuarias, será subvencionable a adquisición de terreos en que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación, ata o límite do 10 % do gasto total subvencionable da operación, de conformidade co artigo 69.3 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e do artigo 7.2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.
Estes terreos deberán ser limítrofes, excepto no caso de unidades funcionalmente vinculadas ao establecemento principal, as cales, con todo, deberán estar próximas a este, de tal maneira que a súa utilización permita o desprazamento a pé das persoas usuarias.
En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, aspecto que deberá acreditarse mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.
Non será subvencionable a adquisición de terreos ou bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao organismo responsable da execución ou a outro organismo ou entidade, directa ou indirectamente, vinculado ou relacionado con el.
Así mesmo, e unicamente con respecto á adquisición de equipamento necesario de adaptación funcional para prestación dos servizos, estes poderán ser de segunda man, sempre que conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxación independente.
Só se subvencionará a adquisición ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas cando estean relacionadas coa actividade do centro.
Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto excepto o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.
A operación para a cal se solicita a axuda poderá comezar o 1 de abril de 2017 pero de acordo con artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, para ser subvencionable non poderá ter concluído materialmente na súa totalidade antes da presentación da solicitude de axuda.
2. En todo caso, os programas dirixidos á inclusión social subvencionados deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.
As subvencións para investimento deberán cumprir ademais das normas establecidas no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, as normas do Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.
3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de abril de 2017 ao 30 de xuño de 2018. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual máis aló do 30 de xuño de 2018 e, en ningún caso posterior ao 30 de novembro de 2018, conforme o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.
5. Con respecto ás subvencións dirixidas a subvencionar programas de inclusión non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, aluguamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionadas con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.
Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 18.000 €, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para prestación do servizo, excepto no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.
1. Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas no artigo 1 desta orde.
2. Enténdense incluídas no punto anterior as mancomunidades de concellos, e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.
Non obstante o anterior, e en relación con aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este aspecto cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da devandita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.
En todo caso, a solicitude presentada por calquera tipo de agrupación de concellos para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude por parte dun concello que forme parte da agrupación para o mesmo programa.
Obrigas das corporacións locais subvencionadas.
1. As corporacións que sexan subvencionadas deberán:
a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso as actuacións prestaranse de acorde co establecido na Carteira de servizos sociais de inclusión definida no Decreto 61/2016, de 11 de febreiro, en todos os aspectos que sexan de aplicación.
b) Manter de forma separada na contabilidade as axudas percibidas, salvo no caso das subvencions financiadas con fondos comunitarios xustificadas a través da modalidade de custos simplificados nas cales non é necesario levala
c) En todo caso, respecto das axudas cofinanciadas con FSE ou Feder deberán conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante a Comisión Europea. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
d) Os beneficiarios comprométense a asumir a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para facer chegar ao publico información sobre as operacións financiadas polo programa operativo Feder/FSE de acordo co estipulado no articulo 2.2. do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. En particular deberán facer constar, en todo tipo de publicidade e información das actuacións realizadas coa condición de subvencionadas pola Consellería de Política Social, se é o caso, polo Feder 2014/2020 ou FSE 2014-2020 segundo ou establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio recibido ao proxecto e debera figurar o emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea, referencia ao Fondo Feder ou FSE que dá apoio ao proxecto e aos lemas dos fondos. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. As características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo deberán axustarse ao establecido nos artigos 3, 4 e 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, á presentación de información sobre os instrumentos financeiros, ás características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e ao sistema para o rexistro e almacenamento de datos.
e) Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e, se é o caso cofinanciadas polo Feder e/ou FSE así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas como mínimo nos partes de asistencia/participación, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia.
f) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así é requirido, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberán realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e ás catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitado o acceso á aplicación informática «Participa 1420». Polo que respecta aos indicadores relativos ás axudas de investimento en centros de inclusión e emerxencia social, realizarase un reconto global da capacidade máxima de persoas para as cales está deseñado ou centro e no caso de adquisición de equipamento de uso social, farase unha estimación da poboación beneficiaria durante a súa vida útil.
g) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, se é o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social. En particular, e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social o cumprimento das accións subvencionadas polas persoas participantes, comunicación na cal se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requirimentos de información asociados aos indicadores de execución e de resultado do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes solicitará información sobre os indicadores de execución e resultado para FSE. Para a acreditación deste aspecto, a entidade deberá solicitar e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta perante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.
h) As infraestruturas e equipamentos subvencionados deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concedeu por un período de cinco anos segundo establece ou artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, ao cal se remite o artigo 7 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 26.
i) Comunicar as variacións das datas de inicio e remate das actuacións previstas na solicitude, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, en especial, os relativos á subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e certificado no cal se indique o número estimado da poboación beneficiada para a actuación no período subvencionado pola orde de convocatoria.
j) Controlar a asistencia ás accións formativas e garantir que as persoas propostas para certificación acreditativa da realización dunha acción deste tipo teñan asistido como mínimo ao 60 % do total das súas horas.
k) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días á data en que se produzan.
l) Remitir non prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.
m) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social, e ás verificacións dos organismos implicados na xestión e seguimento do FSE e do Feder, incluídas as visitas sobre o terreo, que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
n) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades como nos desprazamentos para a asistencia a elas.
o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.
2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.
No que respecta ás obrigas previstas nas alíneas c) e d) de comunicar e informar os cidadáns de que as actuacións foron subvencionadas polo Feder 2014/2020 ou FSE 2014/20120 e poder xustificar o cumprimento dos indicadores de comunicación previstos nos programas operativos, a Dirección Xeral de Inclusión Social solicitará proba documental do cumprimento desta obriga que deberá ser facilitada no prazo de 10 días. O incumprimento desta obriga ou non proporcionar a proba documental nos prazos exixidos poderá supoñer unha minoración da contía total da axuda na forma prevista no artigo 26 desta orde.
a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Aquelas corporacións locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar a emisión de informes de arraigamento social e vivenda adecuada, que a Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e o Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, establece no ámbito da Comunidade Autónoma galega, así como unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada segundo as seguintes regras:
1º. Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 170 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.
2º. Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.
O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.
Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, excepto a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.
c) As corporacións locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.
d) Todas as accións serán deseñadas, desenvolvidas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida o variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e teranse en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres a que se dirixen polo simpre feito de ser home ou muller.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Xuventude
Dirección Xeral de Inclusión Social
Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión
Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión
Edificio Administrativo de San Caetano
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545564
Fax: 981545638
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Xuventude
Dirección Xeral de Inclusión Social
Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión
Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes
Edificio Administrativo de San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545615
Fax: 981545638
Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes
Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas que desenvolverán as corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2017/18, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020 (DOG nº 140 do 24 de xullo de 2017).
Resolución do 4 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Inclusión Social, pola que se procede á publicación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas en virtude da Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas que desenvolverán as corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2017-2018, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020 (DOG nº 18 do 25 de xaneiro de 2018).
Prazo de presentación: PECHADO
25/07/2017 00:00 - 24/08/2017 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se ou último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se non mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira ou último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.
- A solicitude farase no anexo I e conterá o conxunto das axudas solicitadas e concedidas que cofinancien o programa. A solicitude deberá ir acompañada ademais pola seguinte documentación:
- a) Certificación da entidade en que conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención.
- b) Capacidade de representación legal da persoa que asina a solicitude naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde/sa, presidente/a de a entidade local ou representante da agrupación de concellos.
- c) Compromiso, asinado polo interventor da corporación local, do mantemento separado da contabilidade ou ingreso da subvención concedida, no caso de solicitude de investimentos.
- d) En caso de solicitudes formuladas por calquera tipo de agrupación de concellos, deberán achegar:
- 1º. O convenio onde se fagan constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada concello membro da agrupación.
- 2º. Capacidade de representación legal da persoa asinante da solicitude naqueles supostos en que sexa distinta daquela que teña ou cargo de alcalde/sa, presidente/a da entidade local ou representante da agrupación de concellos.
- 3º. Para os efectos establecidos no artigo 3, as mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, que pretendan acreditar a realización conxunta de programas, deberán presentar unha memoria de actuación en que conste unha relación de posibles destinatarios na cal figure o seu empadroamento actual e a sede do servizo onde se lles vaia dispensar a atención.
- 4º. Memoria de aforro de custos presentada por calquera tipo de agrupación de concellos respecto da presentación individual.
- e) Documentos específicos para a descrición dos programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables nos anexos III, IV, V e VI, segundo a tipoloxía do programa que se vai presentar. A información mínima contida nestes anexos poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria. En todo caso, deberanse indicar as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2017 e desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de xuño de 2018.
- f) As entidades locais que soliciten axudas para investimento en centros de inclusión e emerxencia social deberán presentar:
- 1º. Memoria técnica xustificativa de investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas no anexo II. En todo caso, deberanse desagregar os orzamentos previstos ata o 30 de novembro de 2017 e desde o 1 de decembro de 2017 e ata a finalización do período subvencionable.
- 2º. Proxecto de obra, reforma ou adaptación. No caso de equipamento, este proxecto substituirase por unha memoria xustificativa da súa necesidade e un documento de condicións técnicas do material que se vai subvencionar.
- 3º. Informe de viabilidade dos servizos administrativos da corporación local onde estea situado, ao cal se lle xuntarán todos os orzamentos necesarios para a execución da obra. No caso daqueles que individualmente superen a contía de 18.000 €, presentaranse tres orzamentos para cada unha das partidas implicadas.
- Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
- a) NIF da entidade solicitante.
- b) DNI ou NIE da persoa representante.
- c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
- d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
- e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e presentar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
- Excepcionalmente, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a presentación electrónica da solicitude, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dous lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
- No caso de que algúns dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre ou tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Solicitude (Anexo I)
- Memoria técnica xustificativa do investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas (Anexo II)
- Documento específico para descripción de programas del artigo 4.1.d) complementarios de educación y apoyo familiar dirigidos la inclusión social de los menores a cargo (Anexo VI)
- Documento específico para descrición de programas do artigo 4.1.b) dirixido á inclusión social da poboación inmigrante (Anexo IV)
- Documento específico para descrición de programas do artigo 4.1.a) dirixido á inclusión social da comunidade xitana (Anexo III)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Memoria económica e xustificativa (Anexo VIII)
- Declaración responsable (Anexo VII)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"