Guía de procedementos e servizos

BS607A

Programa en Balnearios.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 10/10/2022 00:00 - 24/10/2022 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten como obxecto establecer o procedemento de concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).

2. Para tal efecto, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas.

1. Convócanse estadías en 637 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios 2022 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen una duración de dez (10) días, con nove noites cada unha, e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 1 de novembro e o 17 de decembro do ano 2022.

Servizos e prestacións ofertados.

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada establecemento balneario no anexo IV, que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no establecemento balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do establecemento balneario.

3º. O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento balneario.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse nun cuarto individual, no caso de que haxa dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total dese cuarto. Así mesmo, teranse que facer cargo da referida diferenza no caso de que á solicitude se xunte un informe médico actualizado en que constate algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira un cuarto individual.

As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terán que indicalo no momento de presentaren a solicitude, nos termos do anexo I, e acreditalo ao incorporarse á quenda.

3. As persoas solicitantes que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento balneario, non incluídas no número 1, terano que facer polos seus propios medios e á súa custa.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será por conta das persoas solicitantes, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o establecemento balneario, se for o caso.

Ás persoas beneficiarias que cumpran os requisitos sinalados no apartado seguinte.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria

Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia

Complexo Administrativo San Caetano s/n. Edificio 8B

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995963

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Prazo de presentación: PECHADO

10/10/2022 00:00 - 24/10/2022 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lles permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:

a) Polo seu ou pola súa cónxuxe ou, se for o caso, a parella de feito ou persoa con quen teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).

b) Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).

c) Por unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes.

1. As solicitudes formularanse no modelo normalizado que se indica no anexo I. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas solicitantes deberán achegar, xunto co anexo I de solicitude, os anexos II e III, se procede, e a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se for o caso, á persoa que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa coa cal desexe participar.

b) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non foi expedido pola Xunta de Galicia ou non está no poder desta.

d) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

e) Informe médico actualizado da persoa solicitante, fillo/a e acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual ou similar.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI), ou número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, relativo á persoa solicitante e, se for o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Certificado de empadroamento relativo á persoa solicitante e, se for o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

c) Declaración do imposto da renda das persoas físicas, correspondente ao último período en que se presente a solicitude da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

d) Certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

e) Certificado das pensións outorgadas pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado é expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de setembro de 2022 pola que se regula a oferta de estadías en establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2022 e se realiza a súa convocatoria (DOG nº 192 do 7 de outubro de 2022).

    • Resolución do 26 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, pola que se publica a Resolución do 25 de outubro de 2022 pola que se aproba a relación de persoas admitidas/excluídas e a lista de espera para cubrir as estadías en prazas de establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2022.(DOG nº 208 do 2 de novembro de 2022).

Outros procedementos relacionados

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105B

Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS309A

Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS312A

Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano