Guía de procedementos e servizos

AU301E

Subvencións para a execución de obras para minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 30/01/2024 00:00 - 29/02/2024 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras para minimizar as perdas de auga en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2024.

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento á poboación.

Para estes efectos, teranse en conta os datos de poboación dos concellos acorde co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Augas de Galicia

Dirección de Augas de Galicia

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541632

Email: augasdegalicia@xunta.gal

Augas de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

30/01/2024 00:00 - 29/02/2024 23:59

01/03/2024 00:00 - 01/03/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

1. Para poder obter a condición de beneficiarias, todas as entidades locais solicitantes deberán:

a) Ter realizada unha auditoría para cuantificar as perdas de auga nas instalacións de abastecemento e aprobado o Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, con anterioridade á data de publicación desta resolución.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

2. Ningunha entidade local poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a entidade local que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas, para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario 2022 foille remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O carácter repercutible ou non do IVE por parte da entidade local, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

Documentación complementaria

1. As entidades locais interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, en que conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Un documento técnico de execución da obra solicitada. Describirá cun suficiente grao de detalle para a súa execución a actuación para a cal se solicita a subvención. O documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:

1º. Unha portada onde se indique expresamente o título da actuación, a entidade solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2022, o prazo de execución das obras, o orzamento para coñecemento da Administración, o nome do técnico competente que asina o documento, a súa titulación e a data de redacción.

2º. Unha memoria descritiva onde se expliquen con claridade, e en epígrafes independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, a adscrición das obras no plan de redución de perdas aprobado polo concello, o orzamento das obras e o prazo de execución.

3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos: estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde; estudo de xestión dos residuos de construción e demolición; coordinación con outros organismos e servizos; fotográfico; plan de obra; xustificación de prezos; e anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais.

No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente.

4º. Planos (de conxunto e de detalle) que definan perfectamente a obra, coa precisión e o detalle suficiente para que se poida executar na súa totalidade. Deberán incluír, polo menos, os seguintes tipos: planos de situación xeral suficientemente descritivo para que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa compresión e execución.

5º. Prego de prescricións técnicas. Terase en conta o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, sobre regras para o establecemento de prescricións técnicas xerais e particulares.

6º. Orzamento, incluíndo medicións, os cadros de prezos, os orzamentos parciais de cada capítulo, o orzamento de execución material como suma dos diferentes orzamentos parciais, o orzamento base de licitación de acordo coa normativa vixente e o orzamento para coñecemento da Administración.

c) Un documento económico da subvención que se solicita. Indicará xustificadamente:

1º. O importe total do investimento, incluíndo o orzamento das obras e/ou instalación de equipos e, de ser o caso, os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos.

2º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención.

d) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se declare que a entidade está en disposición de executar as obras e/ou instalación de equipos e está en posesión das autorizacións e permisos necesarios.

e) Copia da auditoría e do Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga aprobado pola entidade local con anterioridade á publicación da presente resolución.

f) Resolución do órgano competente da entidade local pola que se aprobou o Plan de actuacións.

g) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

h) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras a), b), c), d), e) e f) do número 1 poderá ser obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras g) e h) deste número non será emendable, polo que se tramitará a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes ás letras c) e d) do artigo 16.2 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se deberá seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF do concello solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades locais interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Para comprobar o cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas da conta xeral das entidades locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2022, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2024)

    • Extracto da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 25 de xuño de 2024 pola que se amplían o crédito e o prazo de xustificación da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 131 do 8 de xullo de 2024).

    • Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se fan públicas as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 24 do 5 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR517A

Solicitude de incorporación/renovación de parcelas para aplicación de produtos do tratamento de lodos de depuradora (PTLD)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano