Guía de procedementos e servizos

AU301C

Axudas para a realización de auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 27/01/2024 00:00 - 26/02/2024 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

Concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga.

Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentación da solicitude de subvención.

As auditorías municipais dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello, que conteña, como mínimo:

Unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento.

Un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipamentos de medición existentes en captación, transporte, distribución e usuario final, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, localización e fotografías.

Información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), lonxitude da rede de distribución, estado de conservación e antigüidade das instalacións de abastecemento existentes.

Inventario estimado do parque de contadores, características e antigüidade.

Os núcleos de poboación e zonas a que se subministra auga.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX) do sistema de abastecemento do concello, que conteñan, como mínimo: puntos de captación de auga, equipamentos de medición existentes desde a captación aos puntos de consumo, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable e as zonas e núcleos a que se subministra auga.

c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento, o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores etc.), e a tipoloxía de consumos de auga rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.

d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.

e) Un plan de actuacións aprobado polo concello para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, dando cumprimento á disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, que conteña, como mínimo:

Medidas e actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados.

Medidas e actuacións para a redución das perdas aparentes (erros de medición, erros de lectura, consumos non autorizados).

Medidas e actuacións para a redución das perdas reais.

Todas as medidas propostas deberán estar totalmente definidas e detalladas coa súa localización concreta, valoradas economicamente e programadas temporalmente no prazo de catro anos desde a aprobación en pleno. O plan de actuacións conterá un estudo económico que valore os investimentos que se van realizar e a recuperación económica esperada en termos de redución das perdas de auga.

Para estes efectos, na seguinte ligazón da páxina web de Augas de Galicia, póñense á disposición unhas recomendacións para a elaboración de auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de auga:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Planificacion_do_abastecemento?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/reducion-perdas-abastecemento/seccion.html

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello.

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento á poboación cunha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o fosen ao abeiro da convocatoria do ano 2022, convocada pola Resolución do 23 de xuño de 2022, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen a subvención no prazo establecido no artigo 19 das bases da convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Augas de Galicia

Dirección de Augas de Galicia

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541632

Email: augasdegalicia@xunta.gal

Augas de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/01/2024 00:00 - 26/02/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

1. Para poder obter a condición de entidades beneficiarias, todos os concellos solicitantes deberán cumprir, con anterioridade á data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

a) Os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Estar ao día nas obrigacións coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

2. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

3. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, e acreditarse esta circunstancia.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que o concello que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2022 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de entidade beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O carácter repercutible ou non do IVE por parte do concello, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente do concello solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, en que conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos, cantidades e o seu prezo unitario para a realización da auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga.

c) Unha declaración asinada pola persoa titular da alcaldía-presidencia en que se indique que realizaron as tarefas de revisión, actualización e confirmación da información do abastecemento do concello solicitante na ferramenta Sisbagal (Sistema de información de servizos básicos de augas en Galicia) https://sisbagal.xunta.gal, nos 6 meses anteriores á data de finalización de presentación de solicitudes para a presente subvención.

No suposto de non presentarse a declaración, deberá achegarse xunto coa solicitude a seguinte documentación:

Unha memoria xustificativa do obxecto da auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, en que se indique expresamente, polo menos, o seguinte: unha listaxe dos puntos de captación e/ou importación/exportación de auga a outros concellos ou sistemas de abastecemento, estacións de tratamento de auga potable (ETAP), estacións de bombeo de auga potable, depósitos de auga de cabeceira e de distribución do concello, incluíndo a súa localización en coordenadas UTM fuso 29 ETRS89, a listaxe dos núcleos de poboación conectados a cada depósito ou punto de subministración e a poboación aproximada dos núcleos conectados.

Planos a escala de suficiente detalle (1:10.000 ou menor) onde se representen, como mínimo, os puntos de captación e/ou importación/exportación de auga a outros concellos ou sistemas de abastecemento, estacións de tratamento de auga potable (ETAP), estacións de bombeo de auga potable, depósitos de auga de cabeceira e de distribución do concello e os núcleos de poboación conectados a cada depósito ou punto de subministración.

Os planos deberán conter unha lenda suficiente que permita a súa interpretación e estar o máis actualizados posible; non serán admisibles aqueles nos cales non conste a data da súa realización nin os realizados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.

A falta de presentación, ou a presentación incorrecta, da documentación indicada nas letras a), b) e c) poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 16.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 12 desta resolución sobre comprobación de datos.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2022, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 8 de xullo de 2024 pola que se amplía o crédito da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 137 do 16 de xullo de 2024).

    • Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se fan públicas as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 24 do 5 de febreiro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR517A

Solicitude de incorporación/renovación de parcelas para aplicación de produtos do tratamento de lodos de depuradora (PTLD)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano