Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
PR911A - Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de máster que se inicien nunha universidade galega.
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento (código de procedemento PR911A).
2. Os másteres universitarios ofertados para os cales se concederán as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.
3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial ou semipresencial.
No caso de que algún dos másteres ofertados for anulado pola universidade, quedaría excluído da oferta desta convocatoria de bolsas.
Período de desfrute .
As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para realizar a totalidade dos créditos de que conste o máster:
– Nos másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será o curso académico 2022/23.
– Nos másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, o curso académico 2023/24.
O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o cal se realizou a matrícula.
1. Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.
2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias.
3. Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa en anteriores convocatorias e que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen despois do 15 de setembro do ano da correspondente convocatoria.
1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no momento da presentación da solicitude:
a) Ser menor de 40 anos.
b) Estar en posesión da nacionalidade española.
c) Residir fóra de España.
d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.
e) Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:
e.1. Ser emigrante nacido/a en Galicia.
e.2. Ser emigrante non nacido/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.
e.3. Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.
f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa, que dea acceso a un máster universitario.
g) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estaren vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.
2. Requisito que se deberá cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da bolsa:
– Estar matriculado/a no curso 2022/23 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos ECTS na modalidade presencial ou semipresencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos ECTS, a matrícula dos 30 créditos ECTS restantes, correspondentes ao curso 2023/24, realizarase e acreditarase no mes de setembro do ano 2023.
Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior de estar matriculado/a no curso 2022/23 nun máster universitario, as persoas solicitantes deben realizar con anterioridade o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.
Para estes efectos, para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.
Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral do Retorno
Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno
Praza de Mazarelos, 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547271/ 981957162
Fax: 981547296
Email: retorno.emigracion@xunta.gal
Secretaría Xeral da Emigración
Resolución do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (DOG nº 23 do 3 de febreiro de 2022).
Extracto da Resolución do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (DOG nº 23 do 3 de febreiro de 2022).
Corrección de erros. Resolución do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (DOG nº 149 do 5 de agosto de 2022).
Resolución do 30 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a convocatoria de bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega. (DOG nº 170 do 7 de setembro de 2022).
Prazo de presentación: PECHADO
04/02/2022 00:00 - 29/04/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de abril de 2022, ás 23.59 horas (hora peninsular española).
Forma e lugar de presentación das solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que figura como anexo II desta resolución a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Dada a súa condición de titulados/as universitarios/as e as especiais circunstancias que se poderían presentar nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática cos datos de identidade da documentación española e incorporar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Unha vez rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude, que comportará a súa presentación e, procederase a anotar unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderá ser modificado ningún dos datos cubertos no formulario. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.
2. Dentro deste formulario deberán cubrir:
a) A declaración do máster ou másteres e universidades correspondentes nas cales solicitou ou vai solicitar a súa admisión dos ofertados nesta convocatoria.
b) A memoria de motivación para realizar un máster en Galicia, importancia para a súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional nesta comunidade autónoma.
3. As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas en La Habana, na cal existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no formulario de solicitude (anexo II).
4. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto nesta resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para obter a subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
5. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico beme.emigracion@xunta.gal
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán presentar vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).
b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.
c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:
d.1. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.
d.2. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.
d.3. Descendentes por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.
e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro: certificado de inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) ou, na súa falta, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego.
f) Título universitario/diploma que dea acceso ao máster ou documentación que acredite que o título/diploma está en trámite.
g) No caso de titulacións españolas: certificado do expediente académico da titulación universitaria realizada, no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.
h) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro:
h.1. Certificado do expediente académico, analítico ou histórico escolar, en que consten a totalidade das materias cursadas coas cualificacións obtidas, incluídos se for o caso, o número de créditos de cada materia, así como as materias cursadas no ciclo básico común.
h.2. Escala de avaliación/cualificación e a nota mínima requirida para aprobar unha materia: histórico escolar, analítico, regulamento universitario ou outro documento acreditativo.
h.3. Documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro cos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Universidades do Goberno de España.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a que se achegue.
2. A documentación complementaria deberase presentar de xeito electrónico.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.
5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI da persoa solicitante, de ser o caso.
2. Así mesmo, para a tramitación e resolución deste procedemento os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás universidades do Sistema universitario galego (SUG):
– Expediente académico coas cualificacións obtidas no máster universitario.
– Xustificante da matrícula no máster e aboamento dos prezos públicos.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para eses efectos no formulario correspondente e achegar o documento.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten documento correspondente.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"