Guía de procedementos e servizos

CT207E

Subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 25/03/2021 00:00 - 26/04/2021 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e dos obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións, o desenvolvemento de guións, a realización de curtametraxes e a posprodución de curtametraxes a cargo de creadores individuais, e a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

Modalidades.

1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: axudas á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións a curtametraxes, coas seguintes submodalidades:

B1. Axudas a curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

B2. Axudas a curtametraxes en construción, que estean gravadas en versión orixinal galega, teñan unha duración inferior a 60 minutos e realicen os traballos de posprodución en Galicia. As subvencións terán unha contía de 4.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que se correspondan con propostas de especial valor artístico e creativo e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

Modalidade D: subvencións a proxectos de webserie en versión orixinal galega, cun mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 30 minutos, que teñan unha unidade argumental e continuidade entre os episodios.

2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B1 todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o cal solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades B2, C e D os/as directores/as residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras e dadas de alta na actividade no momento de presentar a solicitude e establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Obrigas dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Sen prexuízo dos deberes dispostos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou cambios nos responsables do equipo técnico, notificarase con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore, comprométense a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas.

f) Nas modalidades B (B1, B2), C e D, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar, centrado e en cartón único: «Coa subvención de Xunta de Galicia», utilizando a imaxe gráfica corporativa que se descargará da páxina web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

25/03/2021 00:00 - 26/04/2021 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Non poderán ser beneficiarias da modalidade B2 aquelas persoas que presenten un proxecto procedente de anteriores convocatorias de axudas da Agadic, en calquera das liñas existentes.

2. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. Ademais da solicitude (anexo I), que será a publicada coa correspondente convocatoria anual, os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

1.2. Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Se a persoa solicitante é persoa xurídica estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

1.5. Documentación acreditativa de ter autorización expresa do/da propietario/a dos dereitos da obra preexistente, de ser o caso.

2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación específica:

2.1. Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica.

2.1.1. Historial profesional do/da solicitante.

2.1.2. Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, que inclúa as intencións do guionista con respecto á obra así como as accións previstas de cara ao seu desenvolvemento.

2.1.3. Sinopse argumental cunha extensión máxima de 250 palabras.

2.1.4. Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 2.500 e 5.000 palabras.

Modalidade B: curtametraxes sobre proxecto e curtametraxes en construción.

2.2. Submodalidade B1 (curtametraxes sobre proxecto):

2.2.1. Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, na cal consten as intencións artísticas do/da director/a e a proposta de promoción e distribución da curtametraxe.

2.2.2. Sinopse do proxecto, cunha extensión de 250 palabras.

2.2.3. Guión definitivo, técnico ou literario, da película.

2.2.4. Calendario e plan de produción.

2.2.5. Currículo do equipo técnico-artístico.

2.3. Submodalidade B2 (curtametraxes en construción):

2.3.1. Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, na cal consten as intencións artísticas do/da director/a e a proposta de promoción e distribución da curtametraxe.

2.3.2. Sinopse do proxecto cunha extensión máxima de 250 palabras.

2.3.3. Enlace ao primeiro corte da curtametraxe, con chave de acceso.

2.3.4. Calendario e plan de remate dos traballos de montaxe e posprodución.

2.3.5. Orzamento do proxecto segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic

2.3.6. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

2.4. Modalidade C: longametraxe.

2.4.1. Historial profesional do/da director/a.

2.4.1. Historial, xunto coas cartas de compromiso correspondentes, dos seguintes membros do equipo creativo, técnico e artístico que intervirán na produción, se é o caso: guionista, produtor/a executivo/a, compositor/a da banda sonora, director/a de fotografía, montador/a, director/a de arte, director/a de son, actores e actrices e outros profesionais que se queiran engadir por achegar valor á produción.

2.4.2. Unha memoria asinada polo/a director/a da película na cal describirá, entre outros aspectos, as súas intencións artísticas, a proposta estética e o carácter innovador do proxecto en canto á temática e narrativa.

2.4.3. Sinopse argumental dun máximo de 250 palabras páxina.

2.4.4. Guión definitivo do proxecto ou tratamento, de ser o caso.

2.4.5. Cronograma do proxecto e breve descrición dos plans de produción, localizacións e rodaxe.

2.4.6. Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic).

2.4.7. Descrición das intencións en canto á promoción e difusión da obra.

2.4.8. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

2.5. Modalidade D: webserie.

2.5.1. Unha memoria asinada polo/a director/a da webserie na cal describirá, entre outros aspectos, as súas intencións en canto á proposta estética e narrativa, as referencias audiovisuais e o carácter innovador do proxecto, así como os plans de difusión previstos.

2.5.2. Sinopse argumental dun máximo de 250 palabras.

2.5.3. Tratamento completo e guión definitivo de todos os capítulos.

2.5.4. Historial, xunto coas cartas de compromiso correspondentes, dos seguintes membros do equipo creativo, técnico e artístico que intervirán na produción, se é o caso: guionista, produtor/a executivo/a, compositor/a da banda sonora, director/a de fotografía, montador/a, director/a de arte, director/a de son, actores e actrices e outros profesionais que se queiran engadir por achegar valor á produción.

2.5.5. Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic).

2.5.6. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

2.6. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

2.6.1. Para os solicitantes da modalidade A (escrita de guión):

2.6.1.1. Declaración responsable onde consten as longametraxes realizadas en que participou como guionista.

2.6.1.2. Declaración das subvencións á escrita de guión recibidas polo/a solicitante con anterioridade á presente convocatoria.

2.6.2. Para os solicitantes da modalidade B, submodalidade B1 (curtametraxes sobre proxecto):

2.6.2.1. Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas polo/a director/a.

2.6.2.2. Declaración dos títulos dirixidos polo/a director/a que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.

2.6.3. Para os solicitantes da modalidade B, submodalidade B2 (curtametraxes en construción).

2.6.3.1. Declaración responsable de que o proxecto non foi beneficiario de subvención en anteriores convocatorias da Agadic, en calquera das liñas e modalidades de realización e produción de obras audiovisuais.

2.6.4. Para os solicitantes da modalidade C (longametraxe):

2.6.4.1. Declaración das longametraxes dirixidas polo/a director/a proposto/a.

2.6.4.2. Declaración dos títulos dirixidos polo/a director/a que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á presente convocatoria.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica da documentación será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da documentación.

Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algúns dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 24 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 56 do 24 de marzo de 2021).

    • Extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 56 do 24 de marzo de 2021).

    • Corrección de erros. Resolución do 24 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 177 do 14 de setembro de 2021).

    • Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT215B

Subvencións a festivais do sector audiovisual.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/12/2025 00:00 - 22/01/2026 23:59

CT200A

Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do irpf e do imposto de sociedades

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/07/2025 00:00 - 11/08/2025 23:59

CT207A

Subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 15/02/2025 00:00 - 20/03/2025 23:59

CT207B

Subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 10/06/2025 00:00 - 09/07/2025 23:59