Guía de procedementos e servizos

PR780A

Subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 17/03/2017 00:00 - 17/04/2017 23:59

Consellería de Facenda e Administración Pública

Sobre o procedemento

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e, ademais, efectuar a convocatoria da concesión de subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvención (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Gastos subvencionables.

Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluíndo os desprazamentos do docente.

Terán a consideración de gastos subvencionables os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.

Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, debendo concorrer os seguintes requisitos:

a) Que o custo dos gastos subvencionables non supere o valor de mercado.

b) Que se realicen entre a data de concesión da subvención e o 31 de decembro do ano da convocatoria.

c) Que se atopen efectivamente pagados o 15 de marzo do ano seguinte, data de finalización do período de xustificación.

d) En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.

2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:

a) Gastos de formadores internos e externos no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación dos participantes.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.

c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos a través da internet.

d) Gastos de aloxamento, mantemento e desprazamento dos que interveñen nas accións formativas (alumnos, coordinadores, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias ás que lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.

e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.

2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 % do total dos gastos directos:

a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.

b) Gastos de alugamento de instalacións e equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.

c) Seguros, incluído, se é o caso, o da cobertura de accidentes dos participantes en coherencia coa disposición adicional terceira do Afedap.

d) Gastos de publicidade e difusión.

e) Gastos de avaliación e control.

f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxaría, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do 6 % do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos, deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para os empregados públicos, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

Tamén poderán ter o carácter de beneficiarias as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, que promovan plans interadministrativos ou agrupados para a formación dos empregados públicos das entidades locais de Galicia.

Serán obrigas das entidades promotoras os seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre a data de concesión da subvención e o 31 de decembro do ano de concesión.

b) Achegar a documentación requirida na correspondente convocatoria, así como xustificar ante o órgano que a concede o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da subvención.

c) Acreditar con anterioridade á concesión que se atopa ao día no cumprimento dos seus deberes tributarios e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento do anterior poderá acreditarse mediante declaración responsable.

d) Efectuar a selección dos participantes nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos obxectivos e contidos daquelas.

e) Comunicar á Escola Galega de Administración Pública a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como da modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

f) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.c) do artigo seguinte, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, conservando os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Achegar a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Escola Galega de Administración Pública, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeira, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, achegando a información requirida.

j) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.

k) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todas as obrigas previstas no Afedap.

l) Facer constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada.

m) Cumprir coas obrigas correspondentes previstas no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546255

Fax: 981546336

Email: xestión.egap@xunta.gal

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

17/03/2017 00:00 - 17/04/2017 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para ter tal condición.

  • 1. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comparación da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os datos requiridos ao cubrir a solicitude fan referencia á seguinte información:

    • a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos ao 31 de decembro de 2016.

    • b) Datos do representante que asina o plan, datos da persoa de contacto designada e, se é o caso, os datos bancarios.

    • c) Declaración responsable exixida nos artigos 25 e 26 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, referente a non estar incurso nas prohibicións que para obter a condición de beneficiario establece o artigo 13 da citada lei.

    • d) Declaración responsable sobre a non obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas correspondentes ao plan de formación de 2017, nos termos do artigo 33 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

    • e) Datos das entidades adheridas a plans agrupados, se é o caso.

    • f) Datos relativos ás accións formativas:

      • 1º. Datos descritivos das actividades formativas co detalle individualizado destas, a súa prioridade, número de edicións, alumnos e horas por edición, orzamento económico e destinatarios.

      • 2º. Memoria das accións formativas que, polo menos, conterá os seguintes puntos:

        1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.

        2) Deseño do plan de formación.

        2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.

        2.2) Resultados da avaliación do Plan do exercicio anterior.

        2.3) Incorporación dos resultados da avaliación do Plan do ano anterior ao Plan de formación presentado.

        3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados, e, se é o caso, do impacto da formación).

        4) Implantación do plan de formación.

        4.1) Ámbito de aplicación e colectivos afectados.

        4.2) Criterios de selección dos participantes.

        5) Contido de accións formativas específicas.

        5.1) Actividades formativas que sexan instrumento de motivación e compromiso dos empregados públicos.

        5.2) Accións formativas relativas á Administración electrónica.

        5.3) Accións formativas relativas ás leis de transparencia estatal ou autonómica.

        6) Participación sindical na elaboración, xestión e execución do Plan.

        7) Resultados do Plan do exercicio anterior:

        7.1) Número total de actividades de formación desenvoltas e número total de horas de formación impartidas.

        7.2) Número total de persoas participantes.

    • g) Datos relativos ás actividades complementarias: memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade con expresa mención á súa finalidade, ao seu custo e ao produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado con motivo da realización da actividade.

    • h) Datos relativos ao plan de formación:

      • 1º. Datos relativos ás anteriores convocatorias: destinatarios, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.

      • 2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.

  • 2. Ás solicitudes xuntaranse os seguintes documentos xerados en formato electrónico:

    a) Tarxeta de identificación de persoas xurídicas e entidades en xeral (NIF).

    b) No caso de federacións ou agrupacións, a documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación do asinante do plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante.

    c) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan.

    d) Informe da representación sindical.

    As entidades locais adheridas a un plan agrupado, ademais do documento de adhesión a que fai referencia a letra c) anterior, achegarán informe da representación sindical na devandita entidade, sempre que o seu número de empregados sexa igual ou superior a 200.

  • 3. Os documentos a que fai referencia o número 2.a) e b) incorporaranse ao expediente a través do portal Fedap mediante copias dixitalizadas dos documentos, cuxa fidelidade co orixinal garantirán mediante a utilización de sinatura electrónica.

  • 4. Os documentos previstos no número 2.c) e d) serán asinados manualmente polos representantes das administracións e responsables sindicais, respectivamente, e incorporados ao expediente mediante copias dixitalizadas.

  • 5. A presentación da solicitude de concesión de subvencións comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    Con todo, o solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento; neste caso, deberá incluír as certificacións xunto coa solicitude nos termos previstos regulamentariamente, ou cando sexan requiridas polo órgano instrutor.

  • As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

  • Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es/ e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal) e é preciso que o promotor estea previamente rexistrado no portal Fedap. O acceso ao portal Fedap poderá realizarse introducindo os díxitos de usuario e contrasinal facilitados polo portal ao rexistrarse, ou ben mediante o documento nacional de identidade electrónico ou certificado dixital recoñecido de persoa física ou xurídica.

    As solicitudes deberán ir asinadas electronicamente pola persoa designada como representante do promotor para o plan presentado. Nos formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite. Xunto coa solicitude anexaranse copias dixitalizadas da documentación que se menciona nos artigos seguintes.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. A documentación a que se refire a emenda poderá presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2017, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (DOG nº 53 do 16 de marzo de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano