Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI408N
Subvencións do programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da ARI da Ribeira Sacra
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións, para o ano 2020, do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural correspondentes á área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra, que se tramitarán co código de procedemento VI408N.
2. As subvencións desta convocatoria están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI da Ribeira Sacra.
3. As actuacións obxecto de financiamento deberán contar coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
4. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta resolución de convocatoria.
Bases reguladoras
As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 22 de xuño de 2020, da Presidencia do IGVS, e publicadas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 130, do 2 de xullo de 2020.
Actuacións subvencionables
De conformidade co ordinal décimo primeiro das bases reguladoras serán subvencionables as actuacións que, contando con cualificación definitiva, teñan por obxecto as obras seguintes:
a) As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa do fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética nos termos establecidos no citado artigo.
b) As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.
c) A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.
d) As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente derrubados. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.
Persoas ou entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das axudas desta convocatoria:
a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
b) As agrupacións de persoas propietarias.
c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
2. Para seren beneficiarias destas subvencións, as persoas e entidades sinaladas nos puntos anteriores deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo IGVS.
3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias, deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.
4. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogar algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.
5. No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprirse por parte de todos os seus membros.
6. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades ou de agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe dela como o custo das obras, deba repercutir nas persoas propietarias e, se é o caso, nos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.
Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias
Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas e das entidades beneficiarias:
a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.
d) Dar a publicidade adecuada de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2018-2021 polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.
e) As demais que deriven desta resolución e do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda
Área Central. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981-541981
Prazo de presentación: PECHADO
08/07/2020 00:00 - 30/10/2020 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG e rematará co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e, en todo caso, o día 30 de outubro de 2020.
Solicitudes de subvencións
1. A solicitude de subvención realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución (código de procedemento VI408N), que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación.
2. As persoas físicas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. As persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como quen actúe na súa representación, deberán presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. No caso de presentar a súa solicitude de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
5. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle teña revogada ou fose obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.
f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e as obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria das axudas que solicita.
g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son correctos.
Documentación complementaria
1. Coa solicitude deberá achegar a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou da entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos.
b) Anexo II (código de procedemento VI408N), certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de quen representa a agrupación de persoas propietarias, no cal se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de rexeneración e renovación urbana e rural da ARI da Ribeira Sacra, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de persoas propietarias, a agrupación de comunidades de persoas propietarias ou a agrupación de persoas propietarias.
c) Anexo III (código de procedemento VI408N), debidamente cuberto, no cal se relacionen as persoas propietarias das vivendas e dos locais do edificio, partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención. Neste anexo cubrirase, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Anexo IV (código de procedemento VI408N), declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante, no caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.
e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra esa circunstancia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
f) No caso de edificios ou vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.
2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa ou a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa, caso en que deberá presentar copia do correspondente documento.
3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.
Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
3. As persoas e as entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, sen prexuízo dos requirimentos que, para estes efectos, lle poida realizar o órgano instrutor.
A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención, de ser o caso.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, así como da entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
f) Certificación catastral de titularidade correspondente á persoa ou á entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso por parte da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
2. No caso de actuacións realizadas en vivendas unifamiliares ou de actuacións en interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, consultaranse ademais os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, de ser o caso.
b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
c) Certificado do IRPF e nivel de renda da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
d) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
e) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
f) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
g) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra esa circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no recadro habilitado para os efectos nos anexos I, III e IV e, de ser o caso, achegar os documentos correspondentes.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas e ás entidades interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de solicitude
- Certificado da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias (Anexo II)
- Relación de persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación e renovación e interesadas na subvención (Anexo III)
- Declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante (Anexo IV)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de xullo de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra. (DOG nº 134 do 7 de xullo de 2020).
-
Resolución do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (códigos de procedemento VI408L, VI408M e VI408N) (DOG nº 130 do 2 de xullo de 2020).
-
Extracto da Resolución do 2 de xullo de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (DOG nº 134 do 7 de xullo de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.
Aberto todo o ano
Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía
Aberto todo o ano
Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).
Aberto todo o ano
Concesión de augas.
Aberto todo o ano