Guía de procedementos e servizos

VI406B

Axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 28/05/2022 00:00 - 02/11/2022 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2022 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Bases reguladoras.

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están recollidas na Orde do 20 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020. As citadas bases foron modificadas pola Resolución do 28 de xaneiro de 2022 (DOG do 3 de febreiro).

Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados.

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II das bases reguladoras deste programa.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematados, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos e ornamentais, así como a instalación ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberanse axustar ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria asinada por técnico/a competente, sendo este o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra. Ademais, deberán dispoñer de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

5. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.

Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, ben que non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Área Central. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541981/ 981541982/ 981957529

Fax: 981541927

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

28/05/2022 00:00 - 02/11/2022 23:59

Segundo a Resolución do 9 de agosto de 2022 pola que se modifica a Resolución do 11 de maio de 2022, amplíase o prazo para a presentación de solicitudes ata o 2 de novembro de 2022.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de setembro de 2022 aínda que, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, rematará en todo caso no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

1. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

2. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.

3. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes.

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas físicas, en canto persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

d) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

Documentación complementaria.

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Documento que acredite a propiedade ou a posesión do inmoble que se pretende rehabilitar, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

c) Anexo II, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos. Consultaranse os datos das persoas membros da unidade de convivencia maiores de idade e das menores para o caso de haber algunha circunstancia que lles sexa de aplicación.

d) Autorización da persoa propietaria do inmoble para realizar as actuacións de rehabilitación, no suposto de solicitudes presentadas por persoas posuidoras.

e) Acordo da comunidade de persoas propietarias de solicitar o préstamo cualificado para a rehabilitación do inmoble, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias.

f) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias, tanto no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias, como as presentadas por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

g) Autorización das restantes persoas propietarias para a realización da actuación obxecto de rehabilitación, no suposto de que a vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e a solicitude non fose presentada por comunidades de persoas propietarias.

h) Proxecto de execución das obras que se pretenden realizar, elaborado por técnico competente ou, de ser o caso, memoria asinada por técnico/a competente, sendo este/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

i) Licenza municipal, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar, ou comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá ir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince (15) días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

j) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de persoas propietarias no cal se recolla o acordo da comunidade de realizar as actuacións de rehabilitación, a relación de vivendas partícipes nestas actuacións e a porcentaxe e o importe de participación de cada unha no orzamento protexible, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias e por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

k) Licenza de primeira ocupación, certificado de fin de obra ou calquera outro documento que acredite que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

l) Certificado municipal en que conste que a edificación ou vivenda foi habitada durante un mínimo de cinco anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

m) Certificación médica que acredite o embarazo da solicitante e/ou dalgunha muller membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

n) Certificado acreditativo da existencia dalgún proceso de adopción en trámite por parte da persoa solicitante e/ou dalgunha persoa membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

o) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia, de ser o caso e para o suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

p) Declaración responsable, da persoa solicitante e/ou das persoas membros das súas unidades de convivencia, dos ingresos obtidos, á cal se deberá xuntar, se é o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no dito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e/ou certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario, para o suposto de que algunha desas persoas non estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

q) Certificado de empadroamento conxunto relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ás datas próximas á presentación da solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas físicas, non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas e as comunidades de persoas propietarias interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o IGVS poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. No caso de que os documentos se presenten separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que os documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos ou teñan un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no parágrafo tres. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

b) DNI, NIE da persoa representante ou, de ser o caso, NIF da entidade representante.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) da persoa solicitante, correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

d) Certificado acreditativo de non ter débedas coa AEAT, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Seguridade Social, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

f) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

g) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante, e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

j) Certificado de discapacidade, emitido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante, así como das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia.

2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros correspondentes habilitados nos anexos I e II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas ou entidades interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas ou entidades interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (DOG nº 8 de 14 de xaneiro de 2020)

    • Orde do 28 de xaneiro de 2022 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivenda (DOG nº 23 do 3 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 11 de maio de 2022 pola que se convocan, para a anualidade 2022, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (DOG nº 101 do 27 de maio de 2022).

    • Extracto da Resolución do 11 de maio de 2022 pola que se convocan, para a anualidade 2022, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (DOG nº 101 do 27 de maio de 2022).

    • Resolución do 9 de agosto de 2022 pola que se modifica a Resolución do 11 de maio de 2022 pola que se convocan para a anualidade 2022 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, para os efectos de ampliar o prazo de presentación de solicitudes (DOG nº 157 do 19 de agosto de 2022).

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59