Guía de procedementos e servizos

TU951A

Habilitación directa como guía de turismo de Galicia e ampliación de idiomas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

O obxecto deste decreto é a regulación da profesión de guía de turismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o exercicio da profesión de guía de turismo é imprescindible contar coa correspondente habilitación expedida pola Axencia Turismo de Galicia, de acordo cos requisitos e procedemento regulados neste capítulo, sen prexuízo do establecido no artigo 9 e no capítulo III deste Decreto.

Convocatoria das probas de habilitación.

1. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia convocará periodicamente as probas para obter a habilitación de guías de turismo.

2. Nesa convocatoria determinaranse os requisitos que deben reunir os/as interesados/as recollidos no artigo 5.2, modelo da solicitude de participación e taxas correspondentes, forma e prazo de presentación da solicitude, documentación que deben presentar para poderen participar nas probas e, se for o caso, a documentación que exima da realización das probas de idiomas consonte o disposto no artigo 12, a composición do tribunal cualificador, o procedemento selectivo que se vai seguir, o taboleiro de anuncios ou medios de comunicación en que se practicarán as sucesivas comunicacións aos solicitantes e calquera outra circunstancia que se considere necesaria.

Programa das probas.

1. O programa que rexerá as probas publicarase, xunto coa convocatoria dos correspondentes exames, mediante resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. As probas versarán, polo menos, sobre os seguintes temas:

a) Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos, preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

b) Coñecementos histórico-artísticos, xeográficos, culturais e ambientais do Estado español e, en especial, de Galicia.

c) Coñecementos normativos e socioeconómicos do Estado español e, en especial, da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Módulo de coñecemento de idiomas, acreditando o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e, como mínimo, dun idioma estranxeiro dos que se determinen na resolución de convocatoria.

3. En ningún caso se establecerá un número máximo de habilitacións que se poidan outorgar nin se condicionará o resultado dos exames ao número global de guías habilitados/as.

Prazos de Resolucións do procedemento.

- Resolución do Procedemento de habilitación por superación de probas específicas.

1. Celebradas as probas e despois da proposta do tribunal cualificador, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará resolución pola que se habiliten como guías de turismo as/os aspirantes que superasen as probas, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo de resolución do procedemento será de 6 meses desde a data de convocatoria das probas.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e publique resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimada a súa solicitude de habilitación.

- Resolución do Procedemento de habilitación directa.

1. Verificada a documentación e acreditados os requisitos indicados, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará e notificará a resolución de habilitación, no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da solicitude conforme o establecido no número 3 do artigo 15.

2. Transcorrido o dito prazo, o/a interesado/a poderá entender estimada a súa solicitude e reclamar a expedición do carné acreditativo da habilitación.

3. Se a resolución for denegatoria, deberá ser motivada e poderá ser impugnada nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Guías de Turismo.

Considéranse guías de turismo os/as profesionais que, debidamente habilitados/as, prestan de xeito habitual e retribuído servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica aos/ás usuarios/as turísticos/as nas súas visitas a museos e demais bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

Non teñen a consideración de actividades profesionais propias dos/as guías de turismo as seguintes:

a) Os servizos de mero acompañamento e asistencia proporcionada a grupos de usuarios/as turísticos/as fóra dos lugares comprendidos no artigo 2.

b) As actividades que realicen ocasionalmente e sen percibir retribución específica por iso os/as profesionais do ensino con ocasión de visitas formativas dirixidas a grupos de alumnos/as ou os/as funcionarios/as e persoal ao servizo da Administración pública con motivo de visitas de carácter institucional.

c) As realizadas polos/as empregados/as de museos ou monumentos histórico-artísticos que no seu interior faciliten información sobre estes aos/ás visitantes, sen percibir retribución por este concepto e sen que ofrezan os seus servizos mediante anuncio ou publicidade.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546360

Fax: 981546371

http://turismo.xunta.es

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

- Requisitos para a obtención da habilitación por superación de probas específicas.

1. Poderá obter a habilitación como guía de turismo quen supere as probas de habilitación que convoque a Axencia Turismo de Galicia.

2. Poderán concorrer ás probas de habilitación de guías de turismo previstas no número anterior os/as que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos estados membros da Unión Europea, signatario do Acordo sobre Espazo Económico Europeo ou de calquera outro dos estados a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras. Así mesmo, poderán participar nas probas os cidadáns estranxeiros con residencia legal en España.

b) Ser maior de idade.

c) Posuír algún dos seguintes títulos:

1º. Ciclo formativo de grao superior de formación profesional ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

2º. Grado ou diplomatura universitaria ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

3º. Máster oficial universitario, licenciatura ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

4º. Gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras.

5º. Diploma de xestión de empresas hoteleiras.

6º. Diploma superior en xestión hoteleira.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas nos termos recollidos no artigo 11.

Non será precisa a acreditación da lingua oficial do país de orixe do/a solicitante.

- Requisitos para a obtención da habilitación directa.

Así mesmo, poderán acceder directamente á habilitación de guía de turismo nos idiomas oficiais do seu país de orixe e nos que acrediten os/as que, reunindo os requisitos previstos nas alíneas a), b), d) e e) do número 2 do artigo anterior, posúan algún dos seguintes títulos:

1º. Técnico superior en guía, información e asistencia turísticas ou equivalente ou homologado.

2º. Grao ou diplomatura en turismo ou equivalente ou homologado.

  • Expedición da habilitación de guía de turismo de galicia ( 31.19.06)
  • Renovación das habilitacións de guía de turismo de galicia ( 31.19.08)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

  • De conformidade co previsto no artigo 6, as persoas interesadas que reúnan os requisitos previstos nel, poderán solicitar en calquera momento a habilitación como guía de turismo, mediante solicitude axustada ao modelo que figura como anexo I (TU951A) dirixida á Axencia Turismo de Galicia, xunto co título academico, documentos acreditativos do coñecemento das linguas conforme o previsto no número 2, documento acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo, consonte ao disposto na alínea e) do anexo VII do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, e unha fotografía de tamaño carne.

  • O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante certificación expedida polo organismo competente, dun nivel equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

    O coñecemento de galego acreditarase mediante o certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4), de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, a validación por este expedida pola autoridade competente ou a acreditación de estar en posesión dun dos certificados equivalentes a que fai referencia a disposición adicional segunda da citada orde.

    O coñecemento do castelán acreditarase mediante o diploma de español de nivel, como mínimo B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co establecido nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

    A documentación complementaria presentarase electronicamente nas condicións previstas no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada nas ditas condicións.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia (DOG nº 92 do 19 de maio de 2015).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA002A

Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.

Aberto todo o ano

IF504B

Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano