Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU300A
Subvencións a proxectos de dinamización do Xacobeo,”o teu Xacobeo”
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria anual, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 21-22 que se celebren entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2022, co obxectivo principal de colaborar na programación sociocultural do Xacobeo 21-22 para a promoción e potenciación de Galicia, así como para o reforzo á dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como: exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (código de procedemento TU300A).
2. As actividades que terán que ser de nova creación ou, de ser o caso, unha reedición dun proxecto presentado ou executado ao abeiro das anteriores edicións do programa O teu Xacobeo, e desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:
Ámbito artístico:
– Artes visuais.
– Deseño e moda.
– Cinema e documental.
– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.
– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.
Ámbito de patrimonio e pensamento:
– Patrimonio material: arquitectura, arqueoloxía, etnografía, xeografía, topografía e outras, sempre e cando se trate de proxectos de divulgación académica, quedando excluídos aqueles que consistan na realización de obras propiamente ditas ou traballos de campo.
– Patrimonio inmaterial: antropoloxía, tradicións, oficios, artesanía, gastronomía, enoloxía e outros.
– Cultura científica e editorial: publicacións, conferencias, estudos, foros, seminarios, intercambios con expertos, xornadas formativas, libros.
Ámbito deportivo:
– Torneos.
– Eventos deportivos especiais.
– Actividades dirixidas ao aire libre, e relacionadas co benestar e coa vida activa, respectuosa coa contorna e coa natureza.
Ámbito social:
– Programas de voluntariado en todas as súas dimensións
– Programas sociais e educativos no campo da igualdade, da inclusión social e da participación cidadá.
3. Os proxectos presentados deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e adherirse, polo menos, a algún dos seguintes obxectivos do Xacobeo 21-22:
a) Obxectivos estratéxicos fixados polo Consello Xacobeo para o Xacobeo 21-22:
• Camiño. Destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.
• Europa. Convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo.
• Patrimonio. Promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea.
• Territorio e desenvolvemento sustentable. Impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago.
• Audiencia e legado. Fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, particularmente entre os máis novos.
b) Obxectivos estratéxicos da Comisión Organizadora do Xacobeo 21-22 en Galicia:
• Promoción. Promocionar Galicia como destino cultural e turístico.
• Alcance. Implicar toda a poboación galega na celebración e xerar un sentimento de orgullo e pertenza cara aos valores da nosa comunidade.
• Innovación. Apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño de Santiago.
• Narrativa. Dar voz e recompilar as historias e experiencias que se xeren ao longo do Camiño.
• Diálogo. Fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.
4. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:
Liña 1. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Liña 2. Entidades sen ánimo de lucro: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.
5. O procedemento para a concesión destas subvencións será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.
6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as solicitudes serán examinadas por unha comisión avaliadora, que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Gastos subvencionables e subcontratación.
1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que xustificarse polas persoas ou entidades beneficiarias de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de maio ata o 31 de outubro de 2022. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.
2. En ningún caso serán subvencionables:
– Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.
– Gastos relativos aos salarios de persoal propio nunha contía superior so 10 % do orzamento subvencionable.
– Gastos protocolarios, incluíndo obsequios.
– Dotación de premios, tanto en metálico coma en especie, ou trofeos.
– Imprevistos (todas as partidas deben ser concretas e estar claramente identificadas co obxecto da subvención na epígrafe doutros gastos do anexo III).
– Investimentos e adquisicións de material inventariable, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio do beneficiario.
– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas beneficiarias poderán subcontratar o 50 % da actividade subvencionada nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se establecen no artigo anterior:
Liña 1: persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Liña 2: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.
Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
Estrada Santiago-Noia, km. 3. A Barcia
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546360\ 981546363
Email: oteuxacobeo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
17/03/2022 00:00 - 18/04/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
1. Non se permitirá a presentación de máis dun proxecto por solicitante. As datas dos proxectos que se van desenvolver non poderán coincidir coas festas oficiais ou tradicionais do lugar de celebración.
2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse, ademais, un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo I:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.
f) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).
No caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
Documentación complementaria.
1. Coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo I:
1.1. Documentación administrativa:
a) Escritura de constitución.
b) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
c) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude de axuda ou da autorización da persoa que asine en nome da entidade.
d) Acreditación de que o proxecto non está iniciado en 1 de maio de 2022.
e) Acreditación da persoa solicitante de se pode recuperar ou compensar o IVE consonte a normativa tributaria en vigor. Para estes efectos, abondará coa presentación dunha declaración responsable da persoa solicitante en que conste a dita circunstancia.
f) No caso de agrupacións, instrumento xurídico que regule a agrupación.
1.2. Documentación do proxecto:
a) Ficha xeral identificativa do proxecto ou actuación.
– Promotor.
– Nome do proxecto.
– Descrición do proxecto (máximo 10 liñas).
– Lugar de celebración.
– Datas de celebración.
b) Memoria detallada xustificativa, cunha extensión recomendada de 10 folios, poderanse achegar fotografías ou gráficos á parte pero que permita en todo caso unha definición exacta do proxecto ou actuación que se vai realizar.
Obrigatoriamente, deberá conter a explicación clara e concisa de como o proxecto cumpre cos criterios que se van valorar, seguindo para esta redacción a mesma orde que se establece no punto 3 do artigo 12 (criterios de valoración) desta convocatoria. A dita memoria deberá conter, ademais, a xustificación dos aspectos puntuables que se sinalan no anexo II.
c) Anexo II que recolle aspectos, criterios e subcriterios de valoración puntuables de xeito obxectivo. A puntuación máxima destes criterios obxectivos son:
• A1, A2 e A3 Subcriterios obxectivos do criterio Coherencia cos obxectivos do Xacobeo 21-22: ata 14 puntos.
• B. Dinamización do Camiño: 5 puntos.
• C. Calidade do contido e as actividades: 20 puntos.
• D2 e D3 Subcriterios obxectivos do criterios de Comunicación e difusión: ata 8 puntos.
Non serán obxecto valoración os aspectos puntuables non xustificados suficientemente.
c) O orzamento desagregado, con e sen IVE, en que consten as partidas concretas e clasificadas, segundo o modelo do anexo III.
d) As tres ofertas de diferentes provedores consonte ao artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse á Comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.
Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Xustificación
- Conta Xustificativa (Anexo VI)
- Declaracións (Anexo VII)
- Fase de xustificación
- Modelo de renuncia (Anexo IV)
- Solicitude de cobramento (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 52 do 16 de marzo de 2022).
-
Extracto da Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 52 do 16 de marzo de 2022).
-
Resolución do 7 de outubro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 198 do 18 de outubro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano