Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU200A
Axudas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Presidencia da Xunta de Galicia
A concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de matrícula para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG).
Clases e contías das bolsas
1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 2 de novembro de 2022 (DOG núm. 214, do 10 de novembro).
2. Existen dúas modalidades de bolsas, as bolsas de nova adxudicación e as bolsas de renovación, dado que unha vez concedidas as bolsas, aínda que se conceden durante a totalidade dos cursos da titulación, é necesario solicitar a súa renovación, tal e como se establece no artigo 23. Ambas as dúas modalidades de bolsas serán, á súa vez, de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014:
Tipo I. Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.
Tipo II. Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria do CSHG por titulación.
3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas de nova adxudicación para o curso 2023/24:
a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
b) 15 bolsas tipo II para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
1. Poderá solicitar estas bolsas o alumnado que reúna os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teña feito, se procede, o anticipo de matrícula.
2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2023/24, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.
En todo caso, só poderá obter bolsa neste suposto o alumnado que non obtivese bolsa en ningunha ocasión anterior e superase o curso nas convocatorias de xuño, a excepción do stage.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Profesionalización
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981542519/ 981542559
Fax: 981542590
Email: informacion.cshg@xunta.gal
http://www.cshg.gal
Prazo de presentación: PECHADO
23/08/2023 00:00 - 22/09/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Requisitos xerais
Para poder optar á concesión dunha bolsa de nova adxudicación deberán cumprirse as seguintes condicións:
1. Ter nacionalidade española, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o/a propio/a estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os/as estudantes estranxeiros/as non comunitarios/as deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estancia.
2. Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.
3. Matricularse por primeira vez no primeiro curso da titulación do CSHG para o que se pide a bolsa.
4. Non ter en vigor unha bolsa do CSHG ou unha exención de matrícula establecida normativamente.
5. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos específicos segundo o tipo de bolsas
1. Para as bolsas de 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (EBAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.
2. A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.
Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias das presentes bolsas, que deben reunir a condición de alumnado que reúne os requisitos para o acceso á universidade ou xa é alumnado universitario, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:
– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.
– Certificación que inclúa a nota media dos estudos da persoa solicitante, que permitan o acceso á universidade.
– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.
– Copia do Libro de familia.
– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.
E, de ser o caso:
– Xustificante de orfandade absoluta da persoa solicitante.
– Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas), no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
– Xustificante da condición de persoa con discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
– Xustificante de viuvez, de ser solteiro/a, separación ou divorcio do/da pai/nai da persoa solicitante.
– Certificación académica de estar cursando estudos universitarios, dos membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2022/23.
– Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.
2. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.
– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.
– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable en que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, consonte o cadro de declaración do anexo II:
a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, solicitaron e/ou se lle concederon outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos que financien o custo da matrícula solicitada, ou non.
d) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto de membros da unidade familiar.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar.
– Certificacións catastrais literais da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar.
– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Atriga.
– Certificado de concesión de subvencións e axudas.
– Certificado de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Nivel de renda da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar.
2. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle son de aplicación as circunstancias que acreditan os seguintes documentos, e sempre que fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia:
– Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.
– Certificado de discapacidade, con indicación do grao da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, expedido pola Xunta de Galicia.
3. No caso de que as persoas interesadas ou os membros da súa unidade familiar se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario, anexo II no caso da persoa solicitante ou no anexo III no caso dos membros da unidade familiar, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase posterior
- Documento de renuncia (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (DOG nº 158 do 22 de agosto de 2023).
-
Extracto da Resolución do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (DOG nº 158 do 22 de agosto de 2023).
-
Resolución do 21 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade ás bolsas concedidas ao abeiro da Resolución do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudios no Centro Superior de Hostalaría de Galicia e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Aberto todo o ano
Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.
Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59
Axudas ao alumnado das universidades públicas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán.
Prazo pechado: 04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59
Axudas complementarias do Programa comunitario de mobilidade de estudantes "Erasmus+" das universidades públicas.
Prazo pechado: 03/01/2025 00:00 - 03/02/2025 23:59