Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR802L
Bono consolida economía social.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e proceder á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento TR802L).
Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.
Conceptos subvencionables.
1. Equipamento informático.
2. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
3. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
4. Mellora na eficiencia enerxética.
5. Adquisición de equipamento.
6. Reforma do local de negocio.
7. Mobiliario.
8. Obtención de certificacións de calidade.
9. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
10. Plan de protección de datos.
Os servizos descritos nos números 3, 8, 9, e 10 deberán estar implantados no período de execución.
Contía das axudas.
A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 3, 8, 9 e 10 do artigo 6.
O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada entidade solicitante. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 6 desta orde.
Entidades: sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social
Edificios Administrativos de San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999711/ 981545701
Email: integracion.laboral.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/06/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.
1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as seguintes entidades, de entre as previstas no artigo 6 Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter presentado as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica.
No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e a conta de resultados pola súa asemblea xeral.
c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.
d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
a) As entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
c) As entidades que fosen beneficiarias das axudas reguladas pola Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L) (DOG nº 158, do 18 de agosto).
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
Documentación complementaria para a solicitude da subvención.
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
b) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.
De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
A persoa ou entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.
c) Certificación acreditativa de ter depositado no rexistro correspondente ou aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio (agás no suposto das cooperativas, o cal se comprobará de oficio).
d) Anexo II de declaración responsable de acreditación do CNAE da entidade prestadora do servizo, para os conceptos subvencionables descritos nos números 3, 8, 9 e 10 do artigo 6 desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os tramites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes do procedemento regulado nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.
e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Atriga.
g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
j) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio ou solicitude de pagamento, segundo corresponda, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Prazo de resolución:
O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2022.
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 123 do 29 de xuño de 2022).
-
Extracto da Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 123 do 29 de xuño de 2022).
-
Resolución do 17 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se lles dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 27 do 7 de febreiro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública
Aberto todo o ano