Guía de procedementos e servizos

TR802L

Bono consolida entidades de economía social de Galicia

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 19/08/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e proceder á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social de Galicia co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o brote da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica, incrementen a súa competitividade e, en definitiva, manteñan empregos de calidade.

Liñas de axuda:

1. Establécense as seguintes liñas de axuda:

a) Liña 1. Transformación dixital da entidade.

Esta liña comprende as subvencións orientadas aos seguintes conceptos:

a.1) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción.

a.2) Equipamento informático.

a.3) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

b) Liña 2: Profesionalización e desenvolvemento estratéxico co apoio de servizos externos especializados, que impliquen novos métodos de organización, melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo.

Esta liña comprende subvencións para a contratación dos seguintes servizos externos:

b.1) Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo.

b.2) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial.

b.3) Plan de futuro e de mellora do negocio.

b.4) Plan de mellora da xestión financeira

b.5) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta

b.6) Análise de cumprimento normativo e riscos legais.

b.7) Obtención de certificacións de calidade

b.8) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade

c) Liña 3: Mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

Esta liña comprende as subvencións para os investimentos consistentes en:

c.1) Adquisición de equipamento.

c.2) Reforma do local do negocio.

c.3) Mobiliario.

2. Os servizos descritos na liña a.1), así como os contidos nas liñas b.2) a b.7), inclúen tanto a fase de estudo e planificación como a de implantación na empresa dos plans correspondentes, incluída a formación e adestramento para a súa efectiva posta en práctica, sempre que se execute durante o período subvencionable.

3. A axuda para a contratación dos servizos sinalados na letra a.1) é incompatible coa sinalada na letra b.3).

4. Os investimentos e gastos sinalados neste artigo poderán ser compartidos entre varias entidades solicitantes que desenvolvan un proxecto conxunto, facéndoo constar así na solicitude.

Contía das axudas:

A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

• 10.000 € para os gastos incluídos na liña 1 (transformación dixital).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 2 (profesionalización e desenvolvemento estratéxico).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 3 (investimentos comúns).

O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada solicitante. No caso de superarse esta contía na solicitude priorizaranse os gastos presentados seguindo a orde das liñas establecida no artigo precedente (primeiro os da liña 1, en segundo lugar os da liña 2 e, por último, os da liña 3).

Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

Edificios Administrativos de San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881 999 711 /981 545 701

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

19/08/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia

b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica.

No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

- Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas as empresas en crise en 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise en 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria para a solicitude da subvención

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Relación de conceptos e orzamentos para os que se solicita subvención, segundo o modelo publicado na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, en formato editable.

b) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa ou entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas con ela ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Certificación acreditativa de ter depositadas no rexistro correspondente ou aprobadas pola asemblea xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio (agás no suposto das cooperativas, o cal se comprobará de oficio).

e) No caso de solicitar as axudas da liña 2, acreditación do CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) no que está clasificada a entidade prestadora do servizo, a fin de determinar a idoneidade para a súa prestación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante

c) NIF da entidade representante

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

e) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio ou solicitude de pagamento, segundo corresponda, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes dos procedementos regulados nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2021. 

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (DOG nº 158 do 18 de agosto de 2021).

    • Extracto da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (DOG nº 158 do 18 de agosto de 2021).

    • Resolución do 27 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se procede á publicación da reasignación dos créditos orzamentarios recollidos na Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (DOG nº 250 do 30 de decembro de 2021).

    • Resolución do 10 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L) (Diario Oficial de Galicia número 158, do 18 de agosto) (DOG nº 97 do 20 de maio de 2022).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano