Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR356A
Axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras. Programa I: Axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social nas empresas de inserción laboral.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto realizar unha segunda convocatoria de axudas do Programa I de custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A) reguladas na dita Orde do 31 de decembro de 2020.
2. A finalidade destas axudas é promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes en subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social.
A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas que se atopen en situación ou en risco de exclusión social por concorreren nelas os supostos recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible persoa traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema galego de servizos sociais.
Os requisitos e condicións para a obtención da axuda son os establecidos no artigo 24 das bases reguladoras, e de conformidade co artigo 25 destas bases a contía da axuda será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.
Poden ser beneficiarias das axudas deste programa, de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras aprobadas pola dita Orde do 31 de decembro de 2020.
– As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras para as axudas do Programa I.
– Aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitada a súa cualificación como empresa de inserción laboral, de conformidade co Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, e a Orde do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan a dita cualificación.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social
Edificios Administrativos San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544682/ 981545701
Fax: 981544678
Prazo de presentación: PECHADO
24/08/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59
O prazo de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2021. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
3. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e conforme o estipulado no artigo 9 das bases reguladoras.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda e dirixiranse ao órgano competente para resolver.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento da información orixinal.
2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
3. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de rexistro de entrada da solicitude. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.
4. Ás solicitudes xuntarase a seguinte documentación (conforme os artigos 10.5 e 26 das bases reguladoras):
a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.
b) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.
c) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral referido ao mes en que se presenta a solicitude de subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, se é o caso. Xuntarase folla de cálculo cuberta en formato editable.
d) Anexo III asinado polas persoas traballadoras contratadas ata a data da solicitude que son obxecto de subvención e/ou polas destinatarias finais da subvención.
e) Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.
f) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.
g) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.
5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Comprobación de datos
1. De conformidade co artigo 12 das bases reguladoras deste programa de axudas, para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Imposto de actividades económicas, data de alta da actividade.
d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.
g) DNI ou NIE das persoas traballadoras obxecto da subvención e/ou destinatarias finais da subvención.
h) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias finais da subvención.
i) Contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias da subvención.
j) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios correspondentes, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
1. Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes dos procedementos regulados nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Detalle do pagamento solicitado (Anexo V-B)
- Solicitude de pagamento (Anexo V-A)
- Información á persoa traballadora da subvención do seu contrato laboral (Anexo IV)
- Comprobación de datos das persoas traballadoras obxecto da subvención e das persoas destinatarias finais. (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 29 do 12 de febreiro de 2021).
-
Extracto da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356A) (DOG nº 29 do 12 de febreiro de 2021)..
-
Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do Programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral (DOG nº 161 do 23 de agosto de 2021).
-
Extracto da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do Programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral (DOG nº 161 do 23 de agosto de 2021).
-
Resolución do 14 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia número 29, do 12 de febreiro) e da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se realiza a segunda convocatoria para o ano 2021 do Programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública
Aberto todo o ano