Guía de procedementos e servizos

TR356A

Programa de axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social nas empresas de insercción laboral.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 12/05/2020 00:00 - 22/05/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2020, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establécese o seguinte programa de axudas:

- Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356A).

Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Este programa ten por obxecto subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 7 desta orde.

2. Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, a subvención referirase exclusivamente aos días nos que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Non serán subvencionables as indemnizacións e as axudas de custo.

3. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para seren subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ao disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, que regula o réxime das empresas de inserción.

b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) A persoa seleccionada, a empresa de inserción laboral e os servizos sociais deberán subscribir o convenio de inserción, co contido sinalado no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción laboral.

4. Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos, na mesma ou en distinta empresa de inserción laboral, mediante un ou varios contratos de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego. Exceptúanse os casos en que, no suposto de fracaso nun proceso previo de inserción ou no de recaída en situacións de exclusión, o servizo social público competente considere o contrario á vista das circunstancias persoais da persoa traballadora.

5. A empresa de inserción laboral estará obrigada a facer un seguimento das persoas traballadoras en proceso de inserción mediante itinerarios individualizados de formación e ocupación.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.

2. Tamén poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitado a súa cualificación como empresa de inserción laboral, de conformidade co Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral e a Orde do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan a dita cualificación.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

Edificios Administrativos San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981-544682 / (981-545701)

Fax: 981544678

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

25/01/2020 00:00 - 24/03/2020 23:59

12/05/2020 00:00 - 22/05/2020 23:59

Continúa o prazo de presentación de solicitudes ata o día 22-05-2020, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.

Dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.

  • Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

  • Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

  • A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse por separado para cada un dos programas desta orde, obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I e II) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. Ás solicitudes xuntaranse os documentos sinalados no apartado 5 deste artigo e nos artigos 26, 31, 35, 39, 43, 47, 51 ou 55 desta orde, segundo o programa e liña de axudas de que se trate.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas. salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

5. As entidades e empresas beneficiarias presentarán xunto coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria descritiva da entidade solicitante na que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

c) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral referido ao mes no que se presenta a solicitude de subvención, segundo o modelo do anexo III, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, se é o caso. No caso de contratacións para o apoio xerencial, á produción ou a orientación e acompañamento á inserción, deberase indicar expresamente e cubrir a epígrafe dos custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral, correspondentes ao período polo cal se solicita subvención.

d) Anexo IV asinado polas persoas traballadoras contratadas ata a data da solicitude que son obxecto de subvención e/ou polas destinatarias finais da subvención.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Imposto de actividades económicas, data de alta da actividade

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) DNI ou NIE das persoas traballadoras obxecto da subvención e/ou destinatarias finais da subvención.

h) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias finais da subvención.

i) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención ás cales lles sexa de aplicación esta circunstancia.

j) Contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias da subvención.

k) Certificado acreditativo da discapacidade das persoas polas cales se solicita a subvención, nos casos nos que sexa expedido pola Xunta de Galicia, cando na solicitude se faga constar que lle é de aplicación a dita circunstancia.

l) Certificado de empadroamento das persoas polas cales se solicita a subvención, cando na solicitude se faga constar que lle é de aplicación a circunstancia de persoa emigrante retornada.

2 No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo «nos formularios correspondentes», segundo corresponda, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Documentación complementaria especifica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.5, xunto coa solicitude de axuda deste programa presentarase a seguinte documentación específica:

a) Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

b) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

c) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 16 do 24 de xaneiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (DOG nº 16 do 24 de xaneiro de 2020).

    • Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).

    • Orde do 12 de xuño de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento TR356A e TR356C) (DOG nº 122 do 22 de xuño de 2020).

    • Orde do 27 de outubro de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 228 do 11 de novembro de 2020).

    • Resolución do 29 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia número 16, do 24 de xaneiro) (DOG nº 88 do 11 de maio de 2021).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano