Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR353A
Subvencións a obradoiros duais de emprego.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2019, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación temporal en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.
2. Os obradoiros duais de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
3. A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.
4. Valórase no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes que se promova a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de apto durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego. Se for o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación. Porase á disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientativo de convocatoria.
Etapas e duración.
1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
2. Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, valorarase que as entidades promotoras desenvolvan un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego.
3. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2019.
4. A data límite para o inicio das contratacións temporais por conta allea será, con carácter xeral, o 15 de xullo de 2020.
1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.
2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.
3. Se a formación para impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, será necesario que o perfil do alumnado se adecue aos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os devanditos certificados.
Obrigas das entidades promotoras.
As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:
a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.
b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.
c) Acreditar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.
d) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.
e) Someterse ás actuacións de avaliación, supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á xestión e tramitación administrativa do obradoiro dual de emprego no seu conxunto e dos incentivos á contratación, así como as previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.
f) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación e conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.
h) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude, así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.
i) Remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria copia dos certificados de aproveitamento, nos cales conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.
j) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no desenvolvemento do proxecto.
k) Procurar, na execución do obradoiro, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.
l) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, a sede do proxecto, así como as actividades e as obras e servizos que se realicen, tendo en conta que as súas actividades de publicidade e divulgación se adecuarán á normativa correspondente. Así mesmo, nas realizacións de carácter permanente que leven a cabo os obradoiros duais de emprego colocarase unha placa identificativa, seguindo os modelos e características que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, na cal constará o cofinancimento polos Servizos Públicos de Emprego.
m) Formar as persoas participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plano formativo e contratar o alumnado participante, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.
n) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos, ben como traballador ou traballadora por conta allea, a través dos incentivos á contratación establecidos na presente orde, ou por calquera outro medio; ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia
Edificios Admvos. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547224
Fax: 981545765
Email: dx.emprego-formacion@xunta.es
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º andar
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881597 / 881882579
Fax: 881881576
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Lugo
Ronda da Muralla, 70 baixo
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294257
Fax: 982294282
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Ourense
Avda. da Habana, 79, 6º
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386827
Fax: 988386829
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2ª
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817022
Fax: 986817766
Prazo de presentación: PECHADO
10/05/2019 00:00 - 10/06/2019 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Para a selección do alumnado-traballador, o grupo de traballo mixto determinará o perfil das persoas candidatas, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aquelas deben cumprir, con suxeición ao previsto nos parágrafos seguintes.
2. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego pola correspondente oficina de emprego, e esta deberá observar, como requisitos mínimos que deben cumprir as persoas candidatas preseleccionadas, os seguintes:
a) Ter dezaoito ou máis anos de idade.
b) Estar desempregadas, entendéndose nesta situación as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.
c) Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de ter vinculación mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, desde a súa incorporación ao proxecto, en aplicación do previsto nos artigos 2 e 5 desta orde.
d) Cando a formación que se vai impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.
3. Terán preferencia para participar nestes proxectos as persoas que, tendo prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como os emigrantes retornados; as mulleres en xeral; as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego; as persoas paradas de longa duración; as persoas maiores de corenta e cinco anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 en que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; as persoas con discapacidade, sempre que poidan realizar os traballos, e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
4. O grupo de traballo mixto practicará a selección de entre as relacións de persoas desempregadas confeccionadas pola oficina de emprego que deberán conter, no posible, tres persoas candidatas por posto.
5. O alumnado que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:
a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades a que alude o artigo 3, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, que se poden substituír por unha certificación expedida para tal efecto.
b) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicado no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.
c) Os concellos e os consorcios, comunidades, mancomunidades ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos, así como o resto de entidades a que alude o artigo 3, deberán presentar certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, adoptado polo órgano competente ou, se é o caso, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, de convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.
d) Declaración asinada pola persoa representante legal en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada pola persoa representante legal do concello solicitante, cada un do resto de persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.
e) Certificado da persoa titular da secretaría, da persoa titular da intervención ou cargo equivalente da entidade promotora en que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como unha declaración responsable da entidade solicitante de que dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.
De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros duais de emprego deberán achegar a seguinte documentación:
a) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver obradoiros duais forestais, en que abondará co permiso outorgado polo órgano competente da comunidade de veciños propietaria para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a 25 anos no caso de obradoiros duais forestais en que non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para os propietarios, sendo suficiente cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.
b) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se é o caso, que faga constar que non son necesarias.
c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito na alínea anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes do fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións con anterioridade á data de inicio do obradoiro.
d) Memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención segundo o modelo que se achega como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:
Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.
Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de maneira que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, na súa falta, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.
Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.
Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 19 desta orde.
Datas previstas de comezo e finalización da formación, prácticas profesionais e, se é o caso, os contratos temporais do obradoiro dual de emprego.
Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión das previsións, o máis concretas posible, de inserción laboral do alumnado-traballador participante á finalización da súa participación no proxecto.
e) Compromisos de solicitude de incentivos á contratación temporal por parte de empresas do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo de anexo IV.
f) Se é o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, en que se acredite a proposta de habilitación do concello como concello emprendedor-concello Doing Business ou diploma en que se acredita como concello emprendedor-concello Doing Business.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requerir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no anexo I e achegar os ditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Compromiso de solicitude de incentivos á contratación temporal de persoas participantes nos obradoiros duais de emprego (Anexo IV)
- Memoria (Anexo III)
- Modelo orientativo de convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea (Anexo V)
- Declaración das axudas solicitadas para o mesmo proxecto ou finalidade (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 88 do 9 de maio de 2019).
-
Extracto da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 88 do 9 de maio de 2019).
-
Orde do 11 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR353A), como consecuencia da situación e da evolución da epidemia COVID-19 (DOG nº 165 do 17 de agosto de 2020).
-
Resolución do 2 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 186 do 14 de setembro de 2020).
-
Corrección de erros. Resolución do 2 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de abril de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 192 do 22 de setembro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.
Aberto todo o ano