Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR351A
Subvención para entidades locais que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e as subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (procedemento TR351A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Subvención. Contía.
1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos mensuais:
Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.
Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.
Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.
Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.
Para o grupo de cotización 5: 1.800 €.
Para o grupo de cotización 6: 1.700 €.
Para o grupo de cotización 7: 1.600 €.
Para o grupo de cotización 8: 1.500 €.
Para o grupo de cotización 9: 1.500 €.
Para o grupo de cotización 10: 1.500 €.
Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co punto 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
2. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada cando os contratos se concerten a tempo parcial.
3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
Obrigas das entidades beneficiarias.
As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.
d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.
Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo a: lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A devandita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
f) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
g) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
h) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Emprego e Igualdade, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.
i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, que farán constar a colaboración da consellería. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.
j) Cando o normal desenvolvemento da prestación dos servizos ou a execución das correspondentes obras exixa a utilización de roupa de traballo específica, esta será identificada de conformidade cos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. No peitoral da devandita roupa poderá figurar o nome ou o escudo da entidade local contratante.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881585/ 881881596
Fax: 881881576
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294241
Fax: 982294282
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense
Avda. da Habana, 79, 6º
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386816/ 988386807
Fax: 988386829
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2ª
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817032/ 986817768
Fax: 986817010
Prazo de presentación: PECHADO
21/04/2021 00:00 - 20/05/2021 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos das obras ou servizos.
1. As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.
c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.
d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.
e) Que sexan proxectos que teñan en conta profesións que favorezan a inserción laboral.
f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que vaian desenvolver a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 por 100, a dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses.
2. No caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
1. Os traballadores e as traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos e polos/polas cales se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.
Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada dispoñible para o emprego.
2. Os traballadores e as traballadoras que fosen contratados, por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2020, pola Consellería de Emprego e Igualdade, no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde.
3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e ás características que deben reunir os traballadores e as traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Deberase presentar unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO–, de conformidade cos seguintes principios xerais:
a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no punto 5 ou que trate de favorecer os colectivos enumerados neste.
b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.
c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.
d) As entidades locais deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado.
4. Unha vez recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, e proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que, en ningún caso, poderá ser inferior a dúas nin superior a dez. A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.
5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:
a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.
b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.
c) Persoas paradas de longa duración.
d) Persoas con discapacidade.
e) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tivesen dereito.
f) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.
g) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.
Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe ou parella de feito, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.
6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos puntos 1 e 2 deste artigo.
7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria coa finalidade de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.
Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.
3. As entidades solicitantes deberán presentar unha solicitude por cada obra ou servizo que se vaia desenvolver.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa, así como descrición da vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estrutura do paro do ámbito territorial, cos colectivos a que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio, redactada polo ou pola axente de emprego e desenvolvemento local da entidade local, se o hai.
b) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.
2º. A aprobación da solicitude de subvención.
3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.
4º. As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.
c) Cando unha mesma entidade solicite máis dunha obra ou servizo, será suficiente coa presentación da documentación xeral coa primeira solicitude.
d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas económicas e outras achegas dos concellos agrupados, de acordo co punto 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Memoria da obra ou servizo (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Declaracións responsable de axudas (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 12 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2021 (DOG nº 73 do 20 de abril de 2021).
-
Extracto da Orde do 12 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2021 (DOG nº 73 do 20 de abril de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano
Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.
Aberto todo o ano
Promoción do emprego autónomo das persoas traballadoras autónomas.
Prazo aberto: 24/01/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción
Aberto todo o ano