Guía de procedementos e servizos

TR341K

Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 24/07/2020 00:00 - 24/08/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE) establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

a) Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE regulado no capítulo II (procedemento TR341K).

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstos no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.

A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

- Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto.

- Así mesmo, poderán ser beneficiarios aqueles CEE que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación como centro especial de emprego ou a ampliación de novos centros de traballo.

Do mesmo xeito, para os programas en que se teña en consideración a condición de CEE de iniciativa social, poderán ser beneficiarios os CEE que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación en tal sentido.

Consideraranse accións ou gastos subvencionables os realizados desde a data da solicitude de cualificación dentro do período que se estableza na convocatoria.

En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar esa cualificación e a inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social, cando proceda.

- Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46. bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada deberán levar unha contabilidade separada desa entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día coas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

- A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b) c) e d) do punto 3 deste artigo para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I, II, III e IV).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade desas declaracións.

Obrigas e reintegros específicos do Programa I

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste programa, ademais das xerais recollidas no artigo 19, as seguintes:

a) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable e manter a proporcionalidade exixida para a composición da unidade de apoio no artigo 31. Cando se produzan vacantes do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter esa proporcionalidade.

A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria no mesmo prazo sinalado para a cobertura do posto.

No suposto de non manter os postos de traballo obxecto da subvención polo total do período subvencionable ou de non manter a proporcionalidade establecida no artigo 31 desta orde, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

b) Manter no seu cadro de persoal o número de persoas con discapacidade, en función dos cales se concedeu a subvención, segundo o establecido no artigo 31 desta orde. No suposto de diminución deste número de persoas traballadoras con discapacidade, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544716/ 981957727

Fax: 981544678

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.es

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

24/07/2020 00:00 - 24/08/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 desta orde.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, II, III e IV, segundo o tipo de axuda de que se trate) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ás solicitudes xuntarase a documentación complementaria sinalada nos artigos 32, 41 e 47, para cada un dos programas de axudas desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Documentación complementaria Programa I

Ás solicitudes (anexo I) deberá xuntárselles a seguinte documentación complementaria:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria asinada pola persoa responsable do CEE que recolla os seguintes datos:

1º. Titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo e actividades que desenvolve.

2º. Cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social durante o exercicio anterior e, de ser o caso, as causas que motivaron o incumprimento.

3º. Composición da unidade de apoio e funcións que van realizar cada unha das persoas que a integran conforme o establecido no artigo 27 desta orde, con indicación da xornada de traballo que dedicarán a cada unha das funcións descritas.

4º. Obxectivos que se pretenden conseguir coa unidade de apoio e recursos de que se dispón.

5º. Modelos de cronogramas, follas de verificación ou seguimento, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregará o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos descritos.

c) Documentación relativa ao persoal con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 5.2 que será atendido pola unidade de apoio:

1º. Certificación da relación nominal destas persoas, asinada pola persoa responsable do CEE, ordenada alfabeticamente por apelidos, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención, segundo o modelo que consta na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Certificación de discapacidade, no caso de que esta for recoñecida fóra de Galicia.

3º. Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.

d) Documentación relativa ao persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención:

1º. Certificación da relación do persoal que forma parte da unidade de apoio, asinada pola persoa responsable do CEE, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención, con indicación do custo salarial por anualidades (incluídos os custos da Seguridade Social), e do convenio colectivo aplicable, así como a contía máxima que corresponda por convenio, segundo o modelo que consta na páxina web

http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. Xuntarase unha folla de cálculo cuberta en formato editable.

2º. Currículo xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia.

3º. Informe de datos para a cotización (IDC) da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos que sexan necesarios para cada fase e tipo de axuda, de entre os incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención

e/ou das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

l) Informe da vida laboral das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.

m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

ñ) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (DOG nº 147 do 23 de xullo de 2020).

    • Extracto da Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021. Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (DOG nº 147 do 23 de xullo de 2020).

    • Resolución do 27 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se publica a reasignación dos créditos orzamentarios recollidos na Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (DOG nº 246 do 7 de decembro de 2020).

    • Corrección de erros. Resolución do 27 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se publica a reasignación dos créditos orzamentarios recollidos na Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (DOG nº 252 do 16 de decembro de 2020).

    • Orde do 11 de decembro de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (DOG nº 250 do 14 de decembro de 2020).

    • Resolución do 29 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021 (Diario Oficial de Galicia número 147, do 23 de xullo) (DOG nº 88 do 11 de maio de 2021)

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS402B

Novo ingreso/renovación de praza en escolas infantís 0-3 para fillas/os do persoal da Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano