Guía de procedementos e servizos

TR310A

Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos galegos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 01/10/2019 00:00 - 31/10/2019 23:59

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) cuxa vixencia comprenderá entre a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e o 31 de outubro de 2021, período durante o cal poderán efectuarse diversas convocatorias que se rexerán por elas.

2. Así mesmo, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen entre o 1 de agosto do 2019 e o 17 de febreiro de 2021, por ser a data que resulta de engadirlle á inicialmente prevista o período de vixencia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No caso das accións formativas financiadas ao abeiro da primeira convocatoria e que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020, coa finalidade de favorecer a súa execución, amplíanse o prazo de execución por 3 meses con respecto á data de finalización sinalada no anterior parágrafo, de maneira que poderán desenvolverse ata o 18 de maio de 2021.

En calquera caso, a data límite para o remate das accións formativas financiadas ao abeiro das diferentes convocatorias non poderá superar a data do 31 de outubro de 2021, data de vixencia desta orde de bases reguladoras.

O anterior establécese sen prexuízo dos diferentes períodos de vixencia que terá o financiamento das accións formativas da liña II que, por non estaren rexidas polo réxime de minimis, deberán respectar o requisito de fomento, de maneira que só poderán ser obxecto de subvención desde o momento de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde de convocatoria correspondente.

3. Para os efectos desta orde, enténdese como unidade formativa o incentivo para as empresas galegas para a impartición de formación a persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos. A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega para contribuír a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.

Actividades subvencionables.

O programa de incentivos establece unha dobre tipoloxía de proxectos baixo os cales se articulan as actividades financiables, en función da caracterización da acción formativa.

1. Liña I. Apoio para formacións xa establecidas cun programa que se identificou acorde coas necesidades da entidade beneficiaria.

Resultarán subvencionables os custos derivados da participación de traballadores e traballadoras das entidades beneficiarias en accións formativas preestablecidas e promovidas por terceiros. As persoas traballadoras ocupadas participantes nas accións formativas deberán ter a consideración de persoas traballadoras ocupadas por conta allea nas entidades beneficiarias á data de publicación da convocatoria de axudas.

As accións formativas deberán ser impartidas por unha entidade formadora, de natureza pública ou privada, e deberán conducir á obtención dunha titulación oficial ou certificación recoñecida ou, se for o caso, basearse nun modelo estandarizado.

Entre as accións formativas que terían a consideración de subvencionables incluiríanse: as especialidades formativas recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE); e a formación homologada por administracións públicas ou outras entidades acreditadoras e/ou certificadoras. Consideraranse especialidades recoñecidas polo SEPE aquelas incluídas no Catálogo de especialidades formativas, definido no artigo 20 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que contén toda a oferta formativa desenvolvida no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, incluídas tanto as especialidades dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, como aquelas que non.

As accións formativas comprendidas nesta liña deberán axustarse ás necesidades de capacitación das empresas e as persoas ocupadas para contribuír ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento.

Deste xeito as accións formativas apoiadas contribuirán á adaptación das persoas traballadoras ocupadas aos cambios continuos da economía globalizada ofrecendo ás persoas traballadoras ocupadas novos coñecementos e habilidades para o desempeño das súas funcións actuais e futuras, e que se formen naquelas competencias que lles faciliten unha recualificación profesional adaptada ao seu posto de traballo, para incrementar a súa competitividade e, en consecuencia, as súas posibilidades de mantemento do emprego.

As accións formativas deberán ser impartidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente, permitirase a participación en accións formativas impartidas fóra de Galicia naqueles casos en que se acredite que non existe en Galicia unha formación equivalente ou que, existindo, se motive a necesidade de participar na formación impartida fóra do territorio galego.

No expediente deberase xustificar a necesidade de que as persoas traballadoras ocupadas participen na acción formativa que se identificou.

Non se establece un mínimo de asistentes á formación por parte da entidade solicitante.

Se for o caso, as empresas poderán solicitar a participación de varias persoas traballadoras ocupadas nas diferentes accións formativas incluídas na liña I. A valoración de cada unha destas propostas encadradas nesta liña será realizada de forma independente en función dos criterios mencionados no artigo 22 da presente orde.

2. Liña II. Apoio para a implementación de proxectos de formación a medida.

Terán a consideración de subvencionables as actividades formativas deseñadas ad hoc, adaptadas ás necesidades de formación específicas das entidades solicitantes e que contribúan a mellorar a cualificación do seu cadro de persoal.

As accións formativas implementadas baixo esta modalidade deberán contar como mínimo con 5 persoas traballadoras ocupadas. Esta cifra mínima de participantes poderá ser alcanzada de forma individual coa participación dunha única entidade beneficiaria, no caso de proxectos individuais, ou mediante a participación de persoas traballadoras ocupadas de varias empresas pertencentes a unha agrupación promotora, que adquire a condición de entidade solicitante. Poderase permitir un número inferior de persoas traballadoras para implementar unha acción formativa, sempre que na solicitude se fagan constar as causas que o motivan, nomeadamente as vinculadas con cargas de traballo ou coa materia obxecto de formación.

A formación presencial organizarase en grupos de 30 participantes como máximo. Na formación vinculada con certificados de profesionalidade o máximo será de 25 participantes.

Se a agrupación de empresas participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que lles correspondería a cada un deles. En todo caso, deberá nomearse unha persoa coordinadora que será a entidade representante única da agrupación, única persoa interlocutora coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigacións que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e unha das entidades socias, a coordinadora, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración. A coordinadora recibirá a axuda concedida e será a responsable da súa distribución entre as entidades socias participantes.

Xunto coa solicitude deberase identificar o provedor ou provedores formativos propostos. Con respecto ao provedor de formación deberanse detallar os recursos humanos que asignará á realización da formación e a experiencia que posúe en proxectos similares.

A duración mínima das accións formativas implementadas nesta liña deberá ser de 40 horas.

3. Aspectos comúns a ambas as tipoloxías formativas.

Considérase que a dedicación horaria necesaria para a participación nas accións formativas comprendidas nesta orde formará parte da xornada de traballo das persoas participantes.

Para ambas as tipoloxías de proxectos establécese a posibilidade de que a formación sexa impartida parcialmente mediante teleformación (formación mixta). En calquera caso, a teleformación deberá supoñer, como máximo, o 75 % da duración total da acción formativa.

Nos casos de formación mixta, na parte da formación impartida mediante teleformación deberá haber, como mínimo, un titor por cada 80 participantes.

En ningún caso se concederán axudas para a realización de accións de formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente aos seus traballadores ou traballadoras para cumprir coa normativa que lles sexa de aplicación.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, entre os contidos didácticos dos programas formativos introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior ás cincuenta horas. Os referidos módulos poderán programarse mediante teleformación, a través de entidades e centros de formación e persoal docente debidamente habilitados, sempre que se respecten os termos sinalados canto á porcentaxe que sobre a duración total da acción formativa pode representar este tipo de formación.

O alumnado que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar ou teña xa cursado algún destes módulos da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral non poderá participar de novo.

A documentación de referencia do devandito módulo poderase consultar en:

http://emprego.ceei.xunta.gal/modulos-transversais

A falta de participación neste módulos non impedirá a expedición dos diplomas, certificados e documentos acreditativos de aptitude no resto da formación recibida, nos supostos en que se cumpran os debidos requisitos.

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten. Igualmente, poderán ser beneficiarias as persoas autónomas que posúan unha empresa que dea ocupación a persoas traballadoras por conta allea e tamén as empresas de economía social, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e na orde de bases reguladoras, quedando, polo tanto, excluídas as entidades sen ánimo de lucro e entidades do sector público.

Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Para garantir a capacidade de execución do plan formativo proposto, as entidades beneficiarias deberán presentar no último exercicio pechado unha cifra de negocio que represente o dobre do orzamento previsto para accións de formación. Todas as empresas membros da agrupación deben cumprir este requisito. Non será de aplicación este requisito nas empresas que fosen constituídas no ano de presentación da solicitude de axudas.

Esta circunstancia acreditarase coa correspondente declaración responsable incluída no modelo de solicitude recollido no anexo correspondente de cada convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego

Rúa San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995370/ 981545695

Email: ocupadosfse.emprego@xunta.gal

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Prazo de presentación: PECHADO

01/10/2019 00:00 - 31/10/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado (anexo III), dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación xeral e técnica, sinalada no artigo 16 desta orde.

  • A documentación complementaria que deba achegarse presentarase electronicamente, mediante a presentación do documento orixinal, se se trata dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, se se trata dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

  • As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, como para as de cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figuren no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

A Administración actuante poderá solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

  • Para a presentación da documentación complementaria, así como de calquera outra que se exixa nesta orde, empregaranse unicamente os medios electrónicos a que se refire o número 1 do artigo 15 desta orde.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a entidade interesada ou a súa persoa representante deberán mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa.

A documentación que deberá acompañar cada solicitude referida ao Programa de unidades formativas para persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) é a seguinte:

a. Anexos III, IV e, se for o caso, anexo V desta orde, debidamente cubertos e asinados a través da aplicación electrónica.

b. Copia da escritura de constitución das entidades solicitantes que acredite o seu domicilio social.

c. Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito) da persoa representante da entidade solicitante e, se for o caso, da agrupación.

d. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude que acredite a relación das persoas traballadoras ocupadas que se van formar coa entidade solicitante e a localización do centro de traballo. Este documento deberá permitir acreditar a localización do centro de traballo de cada entidade solicitante, para efectos de calcular os eventuais gastos de desprazamento.

e. Acordo regulador da agrupación, se for o caso. Neste documento contractual débense establecer os dereitos e as obrigacións que asume cada membro da agrupación. Entre os aspectos que deberán regularse atópanse:

• Organización xeral das actividades formativas.

• Acordo de representación da agrupación e elección da súa persoa representante ante a Administración para os efectos de interlocución.

• Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

• Acordo para a distribución dos fondos recibidos.

• Designación dunha persoa que exerza a xefatura técnica do proxecto.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

2. Documentación específica.

a. Memoria explicativa das actuacións formativas que se vaian realizar no marco do proxecto. Esta memoria incluirá a descrición detallada da totalidade das accións formativas previstas e será coherente coa descrición achegada no anexo IV para cada unha das accións programadas.

b. Incluirase un programa de formación que conterá, como mínimo, a seguinte información e documentación:

• Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade.

• Accións formativas que se van desenvolver, con indicación, se for o caso, da familia e área profesional que corresponda. En accións formativas vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais deberase indicar a que certificado ou certificados de profesionalidade van dirixidos. Deberán incluír os módulos transversais, se for o caso.

• Identificación do número de traballadores e traballadoras ocupadas participantes en cada acción formativa. Nos casos en que a solicitante teña a forma de agrupación, para efectos de distribución da axuda de minimis, entre os membros da agrupación identificarase o número de persoas traballadoras de cada unha das empresas integrantes da agrupación que reciben formación con cargo ao proxecto.

• Custo estimado das accións formativas, con distribución nas categorías de gastos, segundo o previsto no artigo 13 da presente orde.

• Calendario previsto de execución que conteña os horarios de realización das actividades formativas.

• Lugar, instalación e medios previstos para impartir as accións formativas que, no caso de accións conducentes á obtención dos certificados de profesionalidade ou acreditacións parciais destes, deberán cumprir os requisitos que se establecen no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

c. Para os efectos do disposto no artigo 22.1.c, sobre criterios de valoración, deberá, de ser o caso, achegar documentación acreditativa de que a entidade que vaia desenvolver a formación teña implantado, na data límite de presentación da solicitude, un sistema ou modelo de calidade vixente para a xestión/actividade da formación interna e/ou da formación profesional para o emprego.

d. Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar documentación acreditativa dos compromisos de realización dos módulos de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídos nos certificados de profesionalidade.

e. No caso de preverse que unha parte da formación se imparta a través de teleformación, deberán achegar documentación acreditativa de que a plataforma virtual de aprendizaxe asegure a correcta xestión dos contidos e un proceso de aprendizaxe sistematizada para as persoas participantes, e que dispón de mecanismos de seguimento e avaliación.

No caso de incluír formación mixta, deberanse achegar as claves de acceso á correspondente plataforma web.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa representante.

  • b) NIF da entidade solicitante.

  • c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

  • d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Atriga.

  • f) Consultas a través da Seguridade Social para verificar a estabilidade no emprego das persoas receptoras da formación.

  • g) Titulación oficial universitaria e titulación oficial non universitaria do persoal docente (terceiras persoas que interveñen no procedemento).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario do anexo III e do anexo V de solicitude e achegar os documentos pertinentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (DOG nº 185 do 30 de setembro de 2019).

    • Extracto da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2020 (DOG nº 185 do 30 de setembro de 2019).

    • Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19) (DOG nº 81 do 28 de abril de 2020).

    • Orde do 8 de maio de 2020 pola que se modifican parcialmente determinados prazos das bases reguladoras e ordes de convocatoria de subvencións no ámbito da formación profesional para o emprego, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19 (DOG nº 93 do 14 de maio de 2020)

    • Orde do 24 de novembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia da COVID-19 (DOG nº 243 do, 2 de decembro de 2020).

    • Resolución do 30 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (Diario Oficial de Galicia número 185, do 30 de setembro).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

AP100A

Integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/06/2025 00:00 - 30/06/2025 23:59

TR802J

Axudas para o fomento do emprendemento en economía social. Programa II: Fomento do acceso á condición de persoa socia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 17/02/2025 00:00 - 16/09/2025 23:59

TR803B

Desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestacion de servizos transnacional.

Aberto todo o ano

AP202A

Intregración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 20/02/2023 00:00 - 10/03/2023 23:59