Guía de procedementos e servizos

TR305A

Inscrición no procedemento de recoñecemento da competencia profesional.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 27/01/2022 00:00 - 23/02/2022 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto realizar a convocatoria para o ano 2022, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento TR305A), preferentemente para persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), cun total de 460 prazas nas unidades de competencia que se indican no anexo I e cun total de 1.600 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:

– Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 240 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC0080_2. Efectuar a vixilancia e protección de bens e persoas en espazos delimitados e do transporte de fondos e obxectos valiosos.

• UC0081_2. Efectuar o acompañamento, defensa e protección de persoas ou grupos concretos.

• UC0082_2. Efectuar a vixilancia e protección de fábricas, depósitos e transporte de explosivos, armas, cartucharía e substancias perigosas.

– Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes (SAN122_2): 170 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC0360_2. Colaborar na organización e no desenvolvemento da loxística sanitaria en escenarios con múltiples vítimas e catástrofes, asegurando o abastecemento e a xestión de recursos e apoiando os labores de coordinación en situacións de crise.

• UC0361_2. Prestar atención sanitaria inicial a múltiples vítimas.

• UC0362_2. Colaborar na preparación e na execución de plans de emerxencias e de dispositivos de risco previsible.

• UC0072_2. Aplicar técnicas de apoio psicolóxico e social en situacións de crise.

– Amarre de porto e monoboias ( MAP404_1) e unha unidade de competencia UC0010_1: 50 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC1308_1. Realizar as operacións de amarre e desamarre de buques en porto.

• UC1309_1. Realizar as operacións de amarre, conexión/desconexión de mangueiras e desamarre de buques a monoboias.

• UC0733_1. Actuar en emerxencias marítimas e aplicar as normas de seguridade no traballo.

• UC0010_1. Contribuír ás operacións de cuberta nunha embarcación pesqueira.

2. Tamén se poderá inscribir o persoal civil para acceder ao procedemento no caso de quedaren prazas vacantes non cubertas polo persoal militar.

3. Poderán ampliarse a outras cualificacións profesionais completas ou parciais as unidades de competencias convocadas e, para eses efectos, publicaranse polos mesmos medios que a presente convocatoria coa apertura de prazo para presentar solicitudes ás novas unidades convocadas.

Unidades de competencia convocadas

1. As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade son as recollidas no anexo I desta orde. No anexo I recóllese a relación de unidades de competencia das cualificacións profesionais convocadas, incluído o número de prazas en cada unidade de competencia, e con indicación dos títulos de formación profesional e/ou certificados de profesionalidade que recollen estas unidades de competencia.

2. No caso de que nalgunha das unidades de competencia convocadas as persoas candidatas admitidas non cubran o número de prazas convocadas, o Instituto Galego das Cualificacións poderá asignar estas prazas a outras unidades de competencia doutras cualificacións profesionais das convocadas.

 Persoas traballadoras asalariadas, persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, voluntarias ou bolseiras.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546840

Fax: 981544604

https://ceei.xunta.gal/emprego

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Prazo de presentación: PECHADO

27/01/2022 00:00 - 23/02/2022 23:59

O prazo de inscrición será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

 Requisitos de participación no procedemento

1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os requisitos sinalados no artigo 11 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, coas modificacións introducidas polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluídas, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titulares dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de nivel 1, e 20 anos cumpridos para unidades de competencia de niveis 2 e 3.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

c.1) No caso de experiencia laboral xustificaranse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria para unidades de competencia de nivel 2 e 3. Para as unidades de competencia de nivel 1, requirirase xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

c.2) No caso de formación non formal para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, deberanse xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 1, deberanse xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas neles.

d) Non estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicitan.

e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicitan, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicitan.

f) Non estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicitan.

g) Con respecto ao persoal militar, deberá cumprir o seguinte requisito: ser militar cunha relación de servizos de carácter temporal, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), en unidades, centros ou organismos do Ministerio de Defensa.

2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Formación e Colocación designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.

Presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas en inscribirse nas cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.

2. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante, deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, e poderán achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.

3. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento. As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional, coa excepción da unidade de competencia UC0010_1, que poderá ser solicitada xunto coas unidades de competencia da cualificación profesional de Amarre de porto e monoboias (MAP404_1).

4. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de enviarse por correo no encabezamento da primeira folla da solicitude de inscrición, deberá figurar o selo de correos, para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia da documentación que se precise.

Documentación complementaria necesaria para a inscrición no procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta militar de identidade ou documento xustificativo que acredite a súa condición de persoal militar, de ser o caso.

b) Historial persoal e/ou formativo no modelo de curriculum vitae europeo. Poderá utilizarse o modelo de curriculum vitae europeo que se inclúe como anexo IV desta orde.

c) No caso de persoas estranxeiras, permiso de traballo, só no caso de non disporen da acreditación de residencia en España en vigor.

d) Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se é o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean recollidos na situación anterior).

e) Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, naqueles casos en que o certificado non fose emitido pola Xunta de Galicia.

f) Documentación para as persoas solicitantes que acrediten experiencia laboral:

1º. Para persoas traballadoras asalariadas:

1.1. Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ISFAS ou da mutualidade a que estean afiliados, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

1.2. Copia do contrato de traballo ou da certificación da empresa ou documento equivalente expedido pola unidade correspondente do Ministerio de Defensa onde adquirisen a experiencia laboral, en que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as ditas actividades. Para a certificación da empresa poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

2º. Para persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

2.1. Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos.

2.2. Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo en que se realizou, para o cal se poderá utilizar o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

3º. Para persoas voluntarias ou bolseiras:

Certificación da organización onde se prestase a asistencia, en que consten especificamente as actividades e funcións realizadas, as datas en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a estas. Poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

g) Solicitantes que acrediten formación non formal:

A xustificación realizarase mediante copia do documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretendan acreditar, en que consten os contidos formativos impartidos, as datas en que se realizaron, as horas de duración da acción formativa, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación.

h) Persoas candidatas maiores de 25 anos.

Estas persoas que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no artigo 6.1.c), e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados neste artigo, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

i) Outros documentos.

Copia da/das acreditación/s parciais de unidades de competencia ou módulos de formación que dean dereito á acreditación da/das cualificación/s solicitada/s.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Todos os documentos que non estean redactados en lingua galega ou castelá deberán ir acompañados necesariamente da correspondente tradución oficial.

6. A falsidade nos datos achegados ou declarados supoñerá a perda dos dereitos para participar no procedemento, sen prexuízo de calquera outro tipo de responsabilidade que poida resultar exixible. Para iso, a Administración poderá comprobar, en calquera momento, a veracidade de todos os datos e documentos achegados pola persoa candidata ao longo de todo o procedemento.

7. No caso de realizar estudos parciais para a obtención dun título oficial ou dun certificado de profesionalidade pertencentes a plans de estudos extinguidos, debe presentarse o correspondente certificado expedido polo centro oficial ou homologado responsable.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI o NIE da persoa representante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No caso de persoas estranxeiras, consulta de residencia legal en vigor.

b) Discapacidade recoñecida polo órgano competente desta comunidade autónoma.

c) Estar inscrita como demandante de emprego no momento en que se presente a solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2022 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cofinanciado nun 80 % polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral (BOE nº 205 do 25 de agosto de 2009).

Outros procedementos relacionados

IN225A

Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA701C

Inicio de actividade, cese de actividade e modificación da actividade de formación do persoal encargado da realización de operacións de mantemento hixiénico-sanitario de: instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outra práctica de decoración persoal que implique a perforación da pel, mucosa ou tecidos, e aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano