Guía de procedementos e servizos

SA500A

Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 14/02/2023 00:00 - 13/03/2023 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e dos trastornos adictivos (código de procedemento SA500A).

O contido dos programas que se desenvolverán durante o ano 2023 deberá axustarse, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I, ás seguintes liñas de actuación:

Liña I. Proxectos de investimento en melloras en centros sanitarios e sociosanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña II. Programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo (incluídos os trastornos adictivos).

Liña III. Programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións.

Liña IV. Programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña V. Programas de prevención do suicidio.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA500A para este procedemento administrativo.

Gastos subvencionables.

1. Consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios. O programa e actuacións que abrangue deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

b) Realizados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro de 2023 e efectivamente pagados ata o 31 de decembro de 2023. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. Tamén se exceptúan desta data límite de xustificación os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal laboral da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. Soamente serán subvencionables os gastos do persoal que figuren relacionados na memoria da solicitude do programa, e soamente serán subvencionables na porcentaxe imputada que se corresponda co número de horas dedicadas ao programa indicados na antedita memoria, excepto que por necesidades debidamente xustificadas sexa necesario modificar esta. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de 30 días desde o momento en que se produza. No caso contrario, non se aceptará o gasto.

Polo que respecta tanto ao persoal laboral da entidade como ao que estea en réxime de arrendamento de servizos, incluídos os complementos ou pluses de contía fixa e carácter habitual, será subvencionable o custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.

O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións imputables á execución dos programas estará limitado polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso.

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional, segundo indica o artigo 9 do Real decreto 729/2017, do 21 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvenciones para a realización de actividades de interese xeral con cargo á asignación tributaria do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondentes á Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade.

2º. Gastos de persoal en réxime de arrendamento de servizos.

Este tipo de contrato soamente se admitirá no caso de que non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate por persoal suxeito á normativa laboral vixente. Non poderá recorrerse a persoas traballadoras autónomas dependentes.

En consecuencia procederá en supostos de contratación de persoas que exerzan profesións liberais para as que se exixa colexiación e outras persoas expertas pertencentes ao terceiro sector social, cando concorran as seguintes circunstancias:

– Que estea dado de alta segundo o modelo 036 de declaración censual.

– Que non estea dentro do ámbito da organización da entidade subvencionada ou reciba instrucións concretas de esta no referente a modo de execución do traballo encomendado.

– Que non estea suxeito a un horario fixo.

– Que asuma os riscos derivados da prestación do servizo.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa excepto que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe. O importe subvencionable de cada axuda de custo ou gasto de viaxe será, como máximo:

Aloxamento 65,97 €

Manutención 37,40 €

Quilometraxe 0,19 €/km

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do programa por parte da entidade e da revisión da conta xustificativa, de ser o caso, ata un máximo do 3 % do importe da subvención.

5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

Os gastos de alugamento así como os correntes de subministracións (auga, luz,...) non poderán ser imputados ao 100 % agás que se certifique que ese gasto corresponde de xeito exclusivo á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario, soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.

6º. Gastos de investimento referidos ao equipamento (incluído material informático, tabletas, etc.), obras de reforma, restauración e rehabilitación, gran reparación, conservación, mantemento e adquisición de subministracións, equipamento e vehículos, no caso de entidades beneficiarias de subvencións para o desenvolvementos de proxectos dentro da liña de actuación I.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrante das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

As entidades definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organización.

Xunta de Galicia

Consellería de Sanidade

Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental

Servizo de Atención a Saúde Mental e Integración Psicosocial e Trastorno Mental Grave

Edificio Admtvo. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881541821

Email: saudemental.drogodependencias@sergas.gal

Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Prazo de presentación: PECHADO

14/02/2023 00:00 - 13/03/2023 23:59

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán de estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes que establece o artigo 8.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Que teña entre os seus fins estatutarios principais actividades de axuda e apoio aos colectivos a que se dirixe a subvención: persoas con trastorno mentais ou persoas con trastornos adictivos.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través destas.

g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 deste artigo.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplica a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo a varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Iniciación do procedemento. Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II), que se acompañará da documentación complementaria que se indica no artigo seguinte.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude, anexo II, asinada pola persoa representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:

a) A identificación da entidade solicitante, da persoa representante da entidade, o enderezo electrónico para notificacións e os datos bancarios.

b) Os datos do/dos programa/s respecto do/dos que se solicita subvención: denominación, liña e importe solicitado.

c) As declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiaria, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.

2º. Que todo o persoal contratado que vai participar no proxecto non foi condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, así como que as persoas voluntarias que van participar no proxecto e que están relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou da descendencia, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, de voluntariado.

d) A indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentaron, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.

Documentación complementaria.

1. As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Administrativo da Comunidade Autónoma.

b) O certificado de posuír certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas, de ser o caso.

c) O certificado de estar sometido a auditoría externa de contas, de ser o caso.

d) O plan de igualdade actualizado, de ser o caso.

e) O documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro e importe da subvención que se aplica a cada un, no caso das agrupacións sen personalidade xurídica segundo o modelo do anexo VI.

f) O documento específico para valoración das entidades (anexo V).

g) Estatutos debidamente dilixenciados.

2. No caso de solicitar subvención para programas das liñas II, III, IV ou V ademais da documentación especificada no punto 1 do presente artigo, deberán achegar unha memoria explicativa por cada programa respecto dos que se solicita subvención, segundo o modelo do anexo III . Ademais, deberán achegar o plan de formación de profesionais e mais o plan de comunicación do programa, de ser o caso.

3. No caso de solicitar axudas para programas da liña I, ademais da documentación especificada no punto 1 do presente artigo, deberán achegar:

a) Memoria do investimento segundo o modelo do anexo IV.

b) A seguinte documentación dependendo do tipo de proxecto presentado:

1. Proxectos de investimento para a realización de obras de reforma, restauración, rehabilitación ou gran reparación para a prestación de servizos de atención a persoas con trastornos mentais e/ou adictivos e proxectos de investimento para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos de atención a persoas con trastornos mentais e/ou adictivos (liña 1 letras a ou b):

1.1º. Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite que o inmoble onde se realizan as obras é propiedade da entidade ou contrato de alugamento ou cesión e autorización da persoa propietaria no caso de que a obra se realice nun local alugado ou cedido.

1.2º. Planos de actuación.

1.3º. Anteproxecto orzado ou proxecto de obras, axustado á normativa vixente e coas especificacións técnicas e arquitectónicas axeitadas ás persoas usuarias do centro. Cando se trate de obras de menor contía (conservación e reparación de menor contía) deberá presentarse, no seu lugar, orzamento detallado e memoria asinada polo/a contratista.

1.4º. O informe sobre a viabilidade urbanística e a acreditación da posibilidade legal de obter as licenzas e os permisos necesarios.

Cando o custo da obra sexa superior aos 40.000,00 €, deberán achegarse como mínimo tres ofertas distintas de provedores distintos, e deberase xustificar a elección dunha destas, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Proxectos de adquisición de subministracións, equipamento e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas con trastornos mentais e adictivos (liña 1 letra c).

2.1º. O orzamento da empresa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar. Cando o custo sexa superior aos 15.000,00 €, deberán achegarse como mínimo tres ofertas distintas de provedores distintos, e deberase xustificar a elección dunha destas, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) O NIF da entidade solicitante.

b) O DNI ou NIE da persoa representante.

c) O certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) O certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) O certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Orde do 4 de maio de 2023 pola que se modifica o prazo establecido no artigo 16.2 da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (DOG nº 90 do 11 de maio de 2023).

    • Resolución do 23 de maio de 2023 pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2023).

Outros procedementos relacionados

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR513A

Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR514A

Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811B

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59