Guía de procedementos e servizos

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 18/02/2022 00:00 - 15/11/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Esta resolución ten por obxecto convocar axudas de emerxencia social para o ano 2022, de acordo coas bases previstas na Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social, publicada no DOG núm. 58, do 26 de marzo (código de procedemento PR935A).

As contías das axudas e os gastos subvencionables son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

Gastos subvencionables.

Segundo o tipo de finalidade, serán subvencionables os seguintes gastos acreditados:

a) Os derivados das urxencias sociais e sanitarias recollidas nas letras b), d) e e) do artigo 5.2.

b) De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado da persoa interesada a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras desta convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Servizo de Programas Sociais

R/ Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545882

Fax: 981547295

Email: accion.social.emigracion@xunta.es

http://emigracion.xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

18/02/2022 00:00 - 15/11/2022 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2022.

a) Teren rendas ou ingresos insuficientes.

A insuficiencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa solicitante da axuda. No caso de solicitar axudas de viaxe, tamén deberán acreditar as rendas ou ingresos insuficientes a persoa acompañante, se é o caso, e os demais membros da familia que van acoller en Galicia a persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa interesada, ou se prevexa que vai dispor en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano da correspondente convocatoria e aplicándolles o primeiro tipo de cambio oficial emitido no mes de presentación da solicitude, computando todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os cales o Estado español non teña fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva por xubilación vixente no país de residencia da persoa solicitante o ano da correspondente convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade ou pensión non contributiva) máis o resultado de multiplicar o 30 % desta cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa solicitante ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Teren patrimonio insuficiente.

A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas que no punto anterior.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar unha viaxe por mor desta razón e, en particular, as derivada da actual situación de pandemia de coronavirus.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Esta inscrición deberá ser anterior á presentación da solicitude, agás en casos de imposibilidade de obtención debidamente acreditada.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

As persoas descendentes ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas na alínea a) deberán ter vinculación con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

A vinculación cun concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

a) Copia da última declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar presentada.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigadas a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciba.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición deste certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan.

No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no eido sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para realizar as prestacións sanitarias no territorio do Estado español:

a) Acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar.

b) Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, debe presentarse a acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a), e 1.3.a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberá presentar:

a) Certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

b) Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.

1.7. Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, de ser o caso.

1.8. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Documentación oficial acreditativa de atoparse vinculado/a cun concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

b) No caso da persoa acompañante ou representante da familia de acollemento:

– DNI da persoa acompañante.

– DNI/NIE da persoa representante da familia de acollemento.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Dous mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (DOG nº 58 do 26 de marzo de 2021).

    • Resolución do 12 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2022 (DOG nº 33 do 17 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Resolución do 12 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2022 (DOG nº 33 do 17 de febreiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

PR905A

Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR930C

Conecta co Voluntariado en Galicia

Tramitar en liña

Prazo aberto: 25/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano