Guía de procedementos e servizos

PR935A

Axudas de emerxencia social

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 04/08/2020 00:00 - 16/11/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias por cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as ditas axudas para o ano 2020.

Gastos subvencionables.

Segundo o tipo de finalidade, serán subvencionables os seguintes gastos acreditados:

a) Os derivados das urxencias sociais e sanitarias recollidas nas alíneas b), d) e e) do artigo 5.2.

b) De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado da persoa interesada a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no Padrón de residentes no exterior (PERE) ou no Censo electoral de residentes no exterior (CERA).

Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e, en caso das axudas de viaxe, xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración ter viaxado.

b) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto aos recollidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que as concede, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Servizo de Programas Sociais

R/ Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545882

Fax: 981547295

Email: accion.social.emigracion@xunta.es

http://emigracion.xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

04/08/2020 00:00 - 16/11/2020 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2020, ambos incluídos.

a) Ter rendas ou ingresos insuficientes.

A insuficiencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa solicitante da axuda. No caso de solicitar axudas de viaxe, tamén deberán acreditar as rendas ou ingresos insuficientes a persoa acompañante, se é o caso, e os demais membros da familia que van acoller en Galicia a persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa interesada ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,2 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano desta convocatoria e aplicándolles o primeiro tipo de cambio oficial emitido no mes de presentación da solicitude, computando todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os cales o Estado español non teña fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva da Seguridade Social do Estado español por xubilación vixente no ano desta convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior estará determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade ou pensión non contributiva), máis o resultado de multiplicar o 30 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa solicitante ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Ter patrimonio insuficiente.

A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas ca no punto anterior.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar unha viaxe por mor desta razón.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

 Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ter vinculación con calquera concello galego no Censo electoral de residentes no exterior e ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

A vinculación cun concello galego no Censo electoral de galegos no exterior non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.

a) Copia da última declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar presentada.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estean obrigados a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciba.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a dita situación, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no eido sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para a realización de prestacións sanitarias no territorio do Estado español, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar.

Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a), e 1.3.a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberán presentarse certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.

1.7. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente o DNI da persoa solicitante e o DNI/NIE da persoa representante, acompañante e/ou representante da familia de acollemento, de ser o caso, así como os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no Censo electoral de residentes ausentes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio ou no anexo II, segundo o caso, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 154 do 3 de agosto de 2020).

    • Extracto da Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 154 do 3 de agosto de 2020).

Outros procedementos relacionados

PR905A

Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano

PR940B

Revogación do recoñecemento.

Aberto todo o ano