Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR926B
Reencontros na terra.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na terra para o ano 2017, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía nunha residencia e posteriormente coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe, de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía na residencia das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
É obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2017.
A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2017 do seguinte xeito:
Arxentina (77)
Brasil (9)
Cuba (5)
Uruguai (32)
Venezuela (9)
Resto de América (3)
Total (135)
As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.
Persoas galegas residentes no exterior.
Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento.
1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.
2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.
3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.
4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
R/ Basquiños, 2
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957156
Fax: 981547297
Prazo de presentación: PECHADO
04/07/2017 00:00 - 03/08/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.
1.4. Ter , cando menos, 65 anos cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas residan en América e cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6, e presenten a documentación xustificativa.
3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.
As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:
Pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.
b) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.
c) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
d) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar. No caso de que que estea exenta de realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.
e) Nos países en que non exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.
f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 10.
i) Unha fotografía recente, tamaño carné.
j) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante a súa estadía en Galicia, logo de rematar a convivencia no centro residencial dependente da Xunta de Galicia.
Documentación relativa á persoa acompañante:
No suposto de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo III xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade:
Pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.
b) Documentación acreditativa da residencia en América.
c) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
d) Unha fotografía recente, tamaño carné.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos presencialmene en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 27 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na terra para residentes no exterior, durante o ano 2017 (DOG nº 125 do 3 de xullo de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Reencontros con Galicia
Prazo aberto: 28/05/2025 00:00 - 27/06/2025 23:59
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59