Guía de procedementos e servizos

PR923E

Programa de escolas abertas para persoal directivo e docente das entidades galegas do exterior.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 27/02/2020 00:00 - 26/03/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos a persoal directivo e docente das entidades galegas do exterior.

Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2020, código de procedemento PR923E.

As distintas actividades que se desenvolverán no programa consistirán na organización e participación en obradoiros de especialización de:

– Gaita tradicional galega.

– Baile tradicional galego.

– Percusión tradicional galega.

– Canto popular e pandeireta.

– Confección de traxe tradicional galego.

– Formación de persoal directivo.

– Cociña galega.

Estes obradoiros terán as seguintes características comúns:

– Formación intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas.

– A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades.

– Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros de carácter cultural.

– O lugar de celebración, o número de prazas de cada obradoiro por país, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número mínimo de oito (8) solicitudes establecerase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado, poderase determinar a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

Prazas e datas de realización

1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90, distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 20 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 70 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.

Para o obradoiro de formación de persoal directivo, de haber suficientes solicitudes admitidas, reservarase o 70 % das prazas para mulleres.

2. Os obradoiros desenvolveranse preferiblemente na cidade de Ourense durante o mes de xullo do ano 2020.

Aquelas persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia unha vez finalizadas as actividades, ata completar un período aproximado de trinta (30) días desde o remate da actividade, deberán asumir todos os gastos desta prórroga.

A persoa que desexe prorrogar a súa estadía en Galicia segundo os termos anteriormente indicados, deberá reflectilo na solicitude de participación no programa cubrindo o recadro correspondente.

1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as persoas responsables de impartir docencia naquelas entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Persoal directivo das entidades galegas do exterior.

Para a modalidade de formación de persoal directivo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que pertenzan á xunta directiva daquelas entidades galegas que, no Rexistro da Galeguidade, estean inscritas na Sección de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que colaboren no exterior coa Secretaría Xeral da Emigración nun programa que esta xestione en materia de xuventude.

3. Persoal de cociña das entidades galegas do exterior xestionen directamente a súa cociña/comedor.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Servizo de Programas Sociais

Praza de Mazarelos, núm. 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545882/ 981957353

Fax: 981547295

Email: accion.social.emigracion@xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

27/02/2020 00:00 - 26/03/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior.

Poderán solicitar participar neste programa aquelas persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas:

a) Que teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade solicitada cunha actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.

b) Aquelas entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.

c) No caso de persoas que soliciten participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.

2. Persoal directivo das entidades galegas do exterior.

As persoas solicitantes desta modalidade deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 35 anos, e formar parte da xunta directiva da entidade no último ano, cando menos, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Persoal de cociña das entidades galegas do exterior xestionen directamente a súa cociña/comedor.

Para a modalidade de formación de persoal de cociña, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que traballen na cociña ou comedor das entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades e que xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a un terceiro a xestión da cociña/comedor.

  • Non poderán ser beneficiarias dos distintos obradoiros as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no Programa de escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así for, quedarán excluídas.

  • Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas solicitantes que exerzan o seu labor docente ou pertenzan a entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • As persoas solicitantes deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 para solicitar os obradoiros de especialización de docentes de gaita, baile, percusión, canto popular e pandeireta tradicionais galegas, de confección de traxe tradicional e de cociña galega. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

  • Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Para os obradoiros de gaita, baile, percusión, canto e confección de traxe:

a) Documento identificativo da persoa solicitante no caso de non dispor de DNI ou NIE. Si se dispón de DNI ou NIE só se achegará no caso de opoñerse a súa consulta no anexo I segundo o disposto no artigo 9 da resolución.

b) Unha fotografía recente tamaño carné.

c) Documentación identificativa da entidade en que exerce as súas funcións.

d) Ficha da entidade colaboradora que certifica, segundo o modelo do anexo II.

e) Unha declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade en que imparte ensino durante, como mínimo, dous anos, incluída no anexo I.

f) Breve currículo da persoa aspirante, con especial referencia aos grupos ou escolas en que impartiu docencia, os coñecementos e o nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións etc., na materia obxecto do obradoiro.

g) Para os obradoiros de gaita, baile, percusión e canto popular e pandeireta: unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...) da modalidade solicitada que non exceda os catro (4) minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

h) Certificación da entidade do nome da escola ou grupo e do número de alumnos que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo IV.

i) Para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, certificación da entidade na cal acredite a experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego e, de ser o caso, copia do título oficial de corte e confección.

Así mesmo, deberá presentar unha certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo III.

2. Para o obradoiro de formación de persoal directivo das entidades galegas deberase achegar a seguinte documentación:

a) Certificación de que a persoa solicitante leva pertencendo á xunta directiva da entidade durante o ano anterior á data da convocatoria incluída no anexo II.

b) Acta da entidade na cal apareza o seu nomeamento como membro da xunta directiva na cal exerza as funcións directivas.

c) Breve currículo da persoa aspirante, con especial referencia á formación académica e á experiencia de xestión da entidade galega que certifica.

d) Para aquelas persoas que soliciten esta modalidade e que colaboren coa Secretaría Xeral da Emigración nun programa que esta xestione en materia de xuventude, abondará con que acrediten tal colaboración.

e) A recollida nas alíneas a), b), c), d) e e) do número 1 deste artigo.

3. Para o obradoiro de cociña galega deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Unha declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos, incluída no anexo I.

b) Breve currículo con especial referencia á súa experiencia como cociñeiro/a.

c) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia na súa cociña durante polo menos un ano anterior á data da convocatoria (anexo II) e, de ser o caso, copia dalgún título oficial de cociña.

d) Certificado da entidade de que xestiona directamente a cociña e comedor do centro ou que ten arrendada ou cedida a xestión da cociña e comedor do centro a unha empresa privada ou terceira persoa segundo anexo V.

e) A recollida nas alíneas a), b), c) e d) do número 1 deste artigo.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

O material audiovisual poderase presentar nos seguintes formatos de uso común: mp4, avi, mov ou wmv e non pode superar os 12 MB.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento PR923E consultarase automaticamente o DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se acorda a desistencia do procedemento do programa Escolas Abertas 2020, regulado pola Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se regula e se convoca o programa de Escolas Abertas destinado a persoas directivas e responsables de impartir docencia nas entidades galegas para o ano 2020 (DOG nº 113 do 11 de xuño de 2020).

    • Resolución do 7 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca o Programa de escolas abertas destinado a persoas directivas e responsables de impartir docencia nas entidades galegas para o ano 2020 (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 7 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca o Programa de escolas abertas destinado a persoas directivas e responsables de impartir docencia nas entidades para o ano 2020 (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2020).

Outros procedementos relacionados

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano