Guía de procedementos e servizos

PR926F

Reencontros de lecer

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 04/07/2020 00:00 - 03/08/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa «Reencontros de lecer» para o ano 2020, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes en países europeos coa súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia, e contribuír a mellorar a calidade de vida, saúde e benestar deste colectivo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2020 (código de procedemento administrativo PR926F).

Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función do número de persoas galegas residentes en cada país, queda fixada para o ano 2020 do seguinte xeito:

País e Número de prazas convocadas

Alemaña...30

Francia...30

Reino Unido...30

Suiza...30

Resto Países de Europa...30

Total prazas...150

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 30 % do total, poderán ser redistribuídas proporcionalmente pola Secretaría Xeral da Emigración entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción, por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Datas de realización.

As datas de realización serán, preferentemente, no mes de outubro e terán unha duración de 8 días e 7 noites.

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galega ou filla/fillo de persoa emigrante galega.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en países de Europa de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

1.4. Ter, cando menos, 60 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Percibir, no respectivo país de residencia, unha pensión de xubilación, de viuvez ou ser pensionista por outros conceptos. Así mesmo, tamén poderán ser beneficiarias aquelas persoas que sexan perceptoras de prestacións ou subsidios de desemprego.

1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa, coa excepción dos/as fillos/as con discapacidade, será necesario que poidan valerse por si mesmas para realizar as actividades básicas da vida diaria e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe e participar en actividades de lecer, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos no punto 1.3 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. As persoas beneficiarias deste programa poderán ir acompañadas dos/das fillos/fillas con discapacidade, en grao igual ou superior ao 45 por cento, sempre que estean a cargo dos seus pais e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso, abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito á dispoñibilidade de praza.

4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

5. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que, no ano da convocatoria, fosen beneficiarias do programa de turismo do Estado español convocado a través da Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei. O incumprimento das obrigas nos números 1, 2 e 3 deste artigo suporá o reintegro do 100 % da subvención.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Praza de Mazarelos 15

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547281/ 981547278

Email: emigracion.contratacion@xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

04/07/2020 00:00 - 03/08/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

- As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial as solicitudes asinadas en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, dirixidas á Secretaría Xeral da Emigración, sita na praza de Mazarelos, número 15, código postal 15703, Santiago de Compostela.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de Europa que corresponda.

c) Documentación acreditativa do lugar e da data de nacemento en Galicia da persoa solicitante. Os fillos e fillas que desexen participar no programa deberán acreditar ser descendentes de persoas emigrantes galegas.

d) Documentación acreditativa de que a persoa solicitante é beneficiaria, no respectivo país de residencia, dunha pensión de xubilación ou de viuvez, ou é pensionista por outros conceptos, ou de ser perceptora de prestacións ou subsidios de desemprego.

e) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

f) Una fotografía recente, tamaño carné.

g) Anexo III da persoa cónxuxe acompañante, se for o caso.

h) Anexo V do/da fillo/a dependente, se for o caso.

i) Libro de familia. No seu defecto, documentación xustificativa da filiación e do matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade.

2. O/a cónxuxe acompañante da persoa solicitante ou persoa unida a ela de feito ou relación análoga de afectividade, de ser o caso, deberá cubrir debidamente o anexo III que se indica na letra g) do punto 1 deste artigo, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

c) Unha fotografía recente, tamaño carné.

d) Documentación acreditativa da residencia en países de Europa, do lugar e da data de nacemento.

3. A persoa discapacitada que estea a cargo da persoa solicitante, e que desexe participar no programa xunto co seu proxenitor ou proxenitores, deberá cubrir debidamente o anexo V que se indica na letra h) do punto 1 deste artigo, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo VI, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

c) Documentación acreditativa de que posúe un grao de discapacidade igual ou superior ao 45 %.

d) Unha fotografía recente, tamaño carné.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros de lecer para persoas residentes no exterior durante o ano 2020 (DOG nº 131 do 03 de xullo de 2020).

    • Extracto da Resolución do 29 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros de lecer para persoas residentes no exterior durante o ano 2020 (DOG nº 131 do 03 de xullo de 2020).

Outros procedementos relacionados

PR905A

Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano