Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR925A
Axudas económicas individuais.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.
1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con 18 anos feitos (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 9.
Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con 18 anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con 18 anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.
3. No caso de falecemento das persoas arriba indicadas, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:
a) O/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o seu pasamento, o que acreditarán segundo o disposto no artigo 9.2.
b) Un dos membros maior de idade da unidade familiar do solicitante de axuda do artigo 4 se aquel falece despois da finalización do prazo para a presentación das solicitudes e antes da proposta de resolución do programa, sempre que dentro dese período de tempo presente un escrito dirixido á Secretaría Xeral da Emigración no cal solicite poder cobrar a axuda asinada polo seu familiar falecido e declare expresamente cumprir as condicións e deberes dispostos nesta convocatoria para os beneficiarios.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Praza de Mazarelos, nº 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882/ 981547291
Email: acción.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
26/01/2024 00:00 - 01/04/2024 23:59
De conformidade coa Resolución publicada na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración, prolóngase o prazo ata o día 1 de abril de 2024.
1. Sen prexuízo da necesidade de cumprir e acreditar os requisitos específicos que se indican para cada un dos supostos de axuda nos artigos 4, 5 e 6 desta Resolución, para acceder a estas axudas as persoas solicitantes deben reunir os requisitos xerais que se sinalan a seguir:
a) A condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.
b) Estar inscritas como residentes no Rexistro de Matrícula Consular nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria, e vivir nese país polo menos desde 3 meses antes ao día de remate do prazo de presentación das solicitudes.
c) Carecer de rendas ou ingresos suficientes.
Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,8 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.
Malia o disposto no parágrafo anterior, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
d) Carecer de patrimonio suficiente.
Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas na alínea anterior en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas nesa alínea en cómputo anual.
e) Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigadas a prestarlles asistencia.
2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:
* En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
* En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.
* En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal.
Documentación complementaria.
1. Para acreditar o cumprimento dos requisitos xerais, as persoas solicitantes achegarán coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:
a) Documento de identidade do país de residencia.
b) Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, se é o caso.
c) Certificación recente do Rexistro de Matrícula Consular en que conste a data de inscrición da residencia e, no caso de imposibilidades, outro xustificante acreditativo do lugar de residencia que abarque os últimos tres meses anteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes.
d) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.
e) Se a persoa solicitante reside nun centro asistencial ou similar deberá presentar, ademais, un xustificante do custo mensual do dito centro.
f) Documentación xustificativa oficial na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante, ou unha declaración responsable, asinada por todos os membros da unidade familiar maiores de idade, conforme o anexo II.
g) De ser o caso, documentación que acredite a convivencia familiar.
h) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar.
i) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación do rexistro.
2. Para os efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos específicos dos distintos supostos de axuda, as persoas solicitantes presentarán a seguinte documentación:
2.1. Para acceder ás axudas orientadas a paliar a situación de precariedade no seo da unidade familiar do artigo 4.2: un informe social emitido por un profesional ou organismo oficial de ampla traxectoria no eido asistencial ou sanitario que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa as súas condicións de vida e conclúa cunha valoración concreta acerca da suposta situación de precariedade. Se nalgún país resulta imposible ou moi difícil dispoñer dun informe oficial dese estilo, o órgano instrutor arbitrará outro medio alternativo que permita acreditar a situación de precariedade.
2.2. Para acceder ás axudas previstas no artigo 5.1: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave emitido polo sistema público do país de residencia, ou un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, expedido polos servizos médicos dun centro de saúde público oficial do país de residencia ou dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.
2.3. Para poder obter as axudas previstas no artigo 5.2: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia ou un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.
2.4. Para os casos de enfermidades crónicas previstos no artigo 5.3: un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.
2.5. Para os casos de violencia de xénero do artigo 6: unha sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe social emitido por un organismo oficial que acredite o padecemento da situación de violencia no ano anterior e/ou no mesmo ano da convocatoria.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para obter a axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de Solicitude
- Certificado médico no suposto de axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante e axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave no seo da unidade familiar (Anexo III)
- Solicitude (Anexo I)
- Certificado medico no suposto de axuda: axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado (Anexo V)
- Declaración responsable (Anexo II)
- Certificado medico no suposto de axuda: axudas por invalidez ou enfermidade permanente (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2024 (DOG nº 18 do 25 de xaneiro de 2024).
-
Extracto da Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2024 (DOG nº 18 do 25 de xaneiro de 2024).
-
Resolución sobre a prolongación do prazo do PR925A na sede electrónica da Xunta de Galicia.
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.
Aberto todo o ano