Guía de procedementos e servizos

PR905A

Axudas extraordinarias e axudas reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 18/02/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de dúas liñas de axudas non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas á Comunidade Autónoma de Galicia que carezan dos recursos suficientes:

– Liña 1 «Axudas extraordinarias»: teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno.

– Liña 2 «Axudas reforzo COVID-19»: teñen por finalidade apoiar a unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual de pandemia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2021.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e conforme o disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

4. O órgano instrutor dirixirá cada solicitude de axuda á liña que corresponda segundo o cumprimento dos requisitos específicos establecidos nesta convocatoria.

5. A concesión destas axudas efectuarase atendendo en todo caso á data de presentación de cada unha das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 e estará, en calquera caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Secretaría Xeral da Emigración publicará esta circunstancia no DOG, o que comportará a inadmisión das solicitudes presentadas con posterioridade á data da dita publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacicidas en Galicia.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nadas en Galicia.

c) Os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Quedan excluídas da liña de axudas extraordinarias desta convocatoria tanto as persoas que solicitasen a axuda e resultasen beneficiarias dela nas dúas convocatorias anteriores como o resto das persoas que formasen parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda, en virtude das seguintes resolucións:

– Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro de 2019).

– Resolución do 24 de febreiro de 2020 (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2020).

As persoas referenciadas no punto anterior poderán solicitar e ser beneficiarias da liña de axudas reforzo COVID-19 desta convocatoria.

Para os efectos desta convocatoria, considéranse persoas beneficiarias de convocatorias anteriores, tanto a persoa que solicitou a axuda como o resto de persoas que formaban parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda.

3. Así mesmo, quedan excluídas das dúas liñas de axuda desta convocatoria, as persoas beneficiarias do Programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior que inicien o máster no curso 2021/22.

Obrigas das persoas beneficiarias.

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Participar nas actuacións de información e asesoramento levadas a cabo polas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Secretaría Xeral da Emigración.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais.

c) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral do Retorno

Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547271/ 981957162

Fax: 981547296

Email: retorno.emigracion@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

18/02/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2021, inclusive.

Requisitos e unidade familiar.

1. Requisitos comúns para as dúas liñas de axudas que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:

a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.

b) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.

d) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.

Para estes efectos, considérase que son recursos económicos suficientes, cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren, supere o importe do IPREM mensual (indicador público de renda de efectos múltiples) vixente na data da solicitude.

Para os efectos desta axuda, consideraranse ingresos da unidade familiar os obtidos por calquera dos seguintes conceptos:

• Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, excepto as pagas extra, liquidacións ou indemnizacións. Excluiranse, en todo caso, os salarios xerados no estranxeiro percibidos con anterioridade á data de retorno.

• Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades desenvolvidas en España.

• Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións, excepto a prestación económica por razón de necesidade (ancianidade e incapacidade) da Dirección Xeral das Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social español que puidesen percibir no seu país de orixe.

• Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

• Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos netos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

Exceptúanse do cómputo dos ingresos da unidade familiar do punto anterior os seguintes conceptos:

• Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada.

• Os ingresos por asistencia a cursos de formación non regrada, como incentivos ou gratificacións pola participación.

• Os ingresos de pagamento único dirixidos a paliar situacións de emerxencia social.

• As prestacións familiares por fillo/a ou menor a cargo.

• As prestacións económicas e libranzas derivadas de Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

e) Carecer de bens patrimoniais suficientes (bens mobles e/ou bens inmobles) na unidade familiar.

• Entenderase como patrimonio mobiliario suficiente, cando o valor actualizado dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar supere o límite de 15.000 euros cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado, se é o caso, en 3.000 euros adicionais, por cada un dos restantes membros da unidade familiar.

O capital mobiliario ou bens mobles estará conformado polos depósitos en conta corrente ou a prazo, accións, fondos de investimento e fondos de pensións, valores mobiliarios, etc., que se valorarán polo seu valor nominal que conste na correspondente documentación bancaria, tanto en España como no estranxeiro.

• Entenderase como bens inmobles suficientes, cando a suma dos valores actualizados dos inmobles de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 euros.

O capital inmobiliario ou bens inmobles estará conformado polos inmobles radicados en España, de natureza rústica ou urbana, de acordo co seu valor catastral, que figure no recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no contrato de compravenda.

2. Requisitos específicos que deberán cumprirse en función da liña de axuda que lle corresponda:

a) Liña 1 Axudas extraordinarias:

– Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e non fose beneficiaria desta axuda extraordinaria en convocatorias anteriores.

b) Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:

Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:

b.1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, ambos os dous incluídos.

b.2) Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e que non poida acceder á axuda extraordinaria porque a persoa solicitante ou algún membro da súa unidade familiar xa fose beneficiaria da axuda extraordinaria nas convocatorias dos anos 2019 ou 2020.

3. Unidade familiar:

A persoa solicitante debe incluír na súa solicitude de axuda, se for o caso, as persoas que residan na mesma vivenda e coas que estea unida por vínculos de parentesco. Para os efectos desta convocatoria de axudas, constitúen unidades familiares independentes as seguintes modalidades:

a) A constituída só pola persoa solicitante, cando viva soa ou comparta vivenda con outras persoas coas que non teña vínculos de parentesco ou que formen outra unidade familiar independente.

b) A formada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito inscrita e, se for o caso, os/as fillos/as da persoa solicitante solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

c) No caso de que persoa solicitante sexa solteira, sen fillos, menor de 25 anos ou maior desta idade e incapacitada, a unidade familiar estará formada pola persoa solicitante e, se é o caso, polos seus proxenitores, irmán/s ou irmá/s solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

d) Cando a persoa solicitante sexa maior de 18 e menor de 25 anos e non conviva con algún dos seus proxenitores, considerarase que forma unha unidade familiar independente.

e) No caso de que a persoa solicitante estivese residindo nun establecemento de acollida temporal, nunha residencia de persoas maiores ou nun aloxamento turístico, a determinación da unidade familiar realizarase segundo as circunstancias do caso concreto.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que residan e consten inscritos no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto do padrón municipal, certificación municipal de convivencia, ou, no caso de imposibilidade de conseguilo, na declaración responsable presentada pola persoa solicitante relativa á composición da súa unidade familiar

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

b) Documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante: nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nacida en Galicia.

c) Documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar que consten residindo na mesma vivenda no certificado de empadroamento conxunto, se é o caso: libro de familia ou certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, así como certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.

No caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

d) Certificado de empadroamento conxunto ou de convivencia actualizado, expedido polo concello galego de residencia da persoa solicitante, no cal se acredite que todas as persoas que constitúen a súa unidade familiar se atopan empadroadas no mesmo enderezo, ou, no caso de imposibilidade de conseguilo, declaración responsable presentada pola persoa solicitante relativa á composición da súa unidade familiar.

e) Baixa consular, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

f) Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar maiores de 18 anos e menores de 70 anos, ou, no caso de imposibilidade de conseguila, declaración responsable de que non teñen vida laboral.

g) Documentación acreditativa dos ingresos económicos, pensións ou rendas de calquera tipo, correspondentes aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non perciba ingresos económicos, pensións ou rendas, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

h) Documentación bancaria actualizada de saldo en contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc. acreditativa do valor dos bens mobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, que se teñan tanto en España como no estranxeiro.

No caso de que algún membro da unidade familiar, a excepción do solicitante, non teña bens mobles (contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc.), declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

i) Extracto de movementos das contas bancarias en España dos 2 meses anteriores ao mes de presentación da solicitude da persoa solicitante e demais membros da unidade familiar.

j) Documentación actualizada acreditativa do valor dos bens inmobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, a excepción da vivenda habitual: recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no valor do contrato de compravenda.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non tivera outros bens inmobles diferentes á vivenda habitual, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

k) Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.

l) No caso de que a persoa solicitante alegue ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socioambiental emitido por un organismo oficial.

2. Cando a persoa solicitante se atope na situación establecida no punto 1.4 do artigo 6, tamén deberá achegar a documentación acreditativa do importe dos ingresos anuais obtidos no ano anterior ao da convocatoria, tanto en España como no estranxeiro, de todas as persoas que forman a unidade familiar e, na súa falta, unha declaración responsable neste sentido.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

7. Cando os documentos achegados ao expediente pola persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

8. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia a persoa solicitante a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante.

d) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de grao e nivel de dependencia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 17 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 3 de febreiro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 245 do 23 de decembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano

PR940B

Revogación do recoñecemento.

Aberto todo o ano