Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
PR811A - Axudas ás ONGD para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.
1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (código de procedemento administrativo PR811A).
2. Entenderase por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois de crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.
Así mesmo, no actual contexto da pandemia provocada pola COVID-19, considerarase fundamental reforzar os sistemas de saúde a través da provisión de recursos materiais, infraestruturas adaptadas, protocolos de actuación e formación e apoio psicosocial para persoal de saúde, para rematar coa transmisión do virus e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias; reforzar os sistemas de protección social, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitigar o impacto socioeconómico desta crise.
A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia e executarse baixo o enfoque de vulnerabilidade.
Gastos do proxecto .
1. Gastos subvencionables: todos os gastos do proxecto deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie e consideraranse subvencionables tanto os custos directos como os indirectos.
En aplicación do disposto no artigo 94.4 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, os gastos inventariables, de equipamentos, construción e reformas poderán imputarse á subvención solicitada, sempre que non supoña a obtención de beneficios materiais polo beneficiario da subvención ou a adquisición de investimentos da súa titularidade, senón que se destinen aos beneficiarios finais dos proxectos. Estes gastos, en aplicación do dito artigo, serán considerados, en termos orzamentarios, como gasto corrente e financiaranse con transferencias correntes.
Para os efectos sinalados, e no suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, deberán quedar formalmente vinculados, durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público e durante cinco anos o resto de bens, para os fins das actuacións realizadas. Unha vez que rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte ou socio local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.
No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberase facer constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, debendo ser estes aspectos obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.
O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral, ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título, ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.
2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.
a) Alugamento de inmobles, tales como salas, estancias ou adegas, para o desenvolvemento de capacitacións e outras actividades imprescindibles para a adecuada execución do proxecto. Non se imputarán nesta partida os gastos de alugamento da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade solicitante ou socio local. O alugamento dos locais da entidade solicitante en terreo ou do socio local imputarase na partida de funcionamento.
b) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas; materiais de construción e transporte destes; obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento; construción de pozos e sistemas de regadíos; obras de contención e mitigación de riscos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada polo socio local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.
Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local.
c) Equipamentos e materiais.
Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, e equipamento médico, educativo, etc. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado, posta en funcionamento dos equipamentos e taxas alfandegueiras ou portuarias, etc.
Materiais consumibles: considéranse aqueles que se consomen ou usan en prazos inferiores a un ano, tales como: material de primeira necesidade para a saúde, especialmente no actual contexto para a prevención de contaxios da COVID-19, tales como máscaras, xeles hixiénicos, biombos separadores de espazos, tests de diagnóstico, entre outros, para a hixiene, o acubillo, utensilios de cociña, materiais médico-sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografía e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, así como os gastos de transporte seguro, envío, desalfandegaxe, e almacenaxe seguro destes.
Inclúense nesta partida o alugamento de maquinaria, equipamentos e ferramentas necesarias para a execución da intervención, así como modalidades innovadoras como as transferencias de efectivo e os cupóns (cash transfer e vouchers na terminoloxía comunmente utilizada).
d) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga etc.).
e) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:
Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país ou rexión onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.
Persoal local: aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención.
Incluirase neste apartado a fórmula de «diñeiro por traballo» («cash for work» en inglés) no caso de que o proxecto a inclúa como modalidade de traballo.
Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención.
En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.
A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.
Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, quitanzas proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras e liquidacións, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto. Ademais do anterior, consideraranse subvencionables aqueles gastos de seguros sociais de traballadores en expediente de regulación temporal de emprego derivados da pandemia da COVID-19, sempre que estes non estean cubertos por outros financiadores. Neste caso, a entidade beneficiaria da subvención deberá xustificar que estes traballadores están imputados ao proxecto subvencionado a través dun certificado asinado electronicamente.
O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos, se é o caso. Este límite non será aplicable cando o período de execución do proxecto sexa ampliado en máis de seis meses.
f) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análises de necesidades e vulnerabilidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes, sistematizacións… recollidos na formulación da intervención.
g) Viaxes, estadías e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade, hospedaxe e manutención do persoal e persoas beneficiarias, necesarios para a execución da intervención (incluíndo gastos de viaxes derivadas de expatriacións por positivos COVID, probas diagnósticas vinculadas ao traslado, combustible, seguros, alugamento e mantemento e reparacións de vehículos). Incorporaranse nesta partida os gastos necesarios para garantir a seguridade no traslado de persoas.
h) Funcionamento en terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 5 % do orzamento do proxecto.
i) Avaliación externa non obrigatoria realizada por unha persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, xuntando a documentación que a xustifique. Consonte o que establece o artigo 22.1 do o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a avaliación externa poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 5.000 euros.
l) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 2.500 euros. A auditoría será obrigatoria para proxectos cunha subvención superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións iguais ou menores a 50.000 €. Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, a auditoría contable poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.
m) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados do cotexo de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requiren na convocatoria.
3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5 % do orzamento total do proxecto. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.
Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
O devandito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha certificación desagregada e detallada dos gastos incluídos e asinada pola persoa que desempeñe a representación legal. Esta desagregación non será obrigatoria naqueles proxectos que dispoñan de informe de auditoría e sempre que non incorporen gastos de persoal.
4. Como achegas pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.
As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos valorizados. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens consumibles, deben ter en conta a antigüidade.
5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
6. En ningún caso serán gastos subvencionables:
• Os elementos de transporte externos, a excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados como ambulancias, cisternas de auga, etc.
• Os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.
• Os xuros debedores das contas bancarias.
• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.
• Os gastos de procedementos xudiciais.
• As amortizacións de bens inventariables.
• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, agasallos, flores, entradas a espectáculos, etc.)
• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.
• As indemnizacións por despedimento do persoal.
Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:
1. Requisitos das entidades solicitante s:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) polo menos con un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.
b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos de acción humanitaria para a anualidade 2019 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos dos proxectos :
a) Ter unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2022 e podendo estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2022.
b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais do país de execución que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo, sempre e cando se atope legalizada no país de actuación.
Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto.
c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando á poboación segundo a súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura, idade, grao de discapacidade ou orixe.
d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8, gastos do proxecto, desta convocatoria.
e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto técnicos como económicos) adaptados á presente convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Rúa do Horreo, 61, 2º andar
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Fax: 881999029
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Orde do 16 de marzo do 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 57 do 23 de marzo de 2022).
Extracto da Orde do 16 de marzo do 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 57 do 23 de marzo de 2022).
Resolución do 10 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 16 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 234 do 12 de decembro de 2022).
Prazo de presentación: PECHADO
24/03/2022 00:00 - 25/04/2022 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación das solicitudes .
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (o de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega, www.cooperaciongalega.org. A documentación das carpetas 1, 2 e 3 presentaranse obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As ONGD solicitantes poderán presentar un máximo dun proxecto.
Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante.
a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.
b) Memoria da organización solicitante en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de acción humanitaria levados a cabo nos anos anteriores financiados por entidades galegas, nacionais ou internacionais, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e coas mesmas persoas beneficiarias e socio local, ou daquelas realizadas noutras zonas, pero no mesmo sector de actuación.
c) Plan/estratexia da entidade solicitante para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.
Carpeta 2. Información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).
a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que desempeñe a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.
b) Declaración da persoa que desempeñe a representación legal do socio local, en que se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade se procede, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo desta.
c) Copia dos estatutos da entidade, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.
d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte ou socio local, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.
e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.
f) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Recoméndase achegar un listado dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio.
g) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.
h) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración ou outra entidade pública deberá presentar:
– Carta de compromiso de participación no proxecto.
– Copia do documento ou cédula de identidade da persoa que desempeñe a representación legal da entidade.
– Copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.
– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co proxecto presentado.
Carpeta 3. Información relativa ao proxecto.
A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/:
– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado e matriz de marco lóxico.
– Orzamento do proxecto no documento normalizado.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirán a avaliación do proxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos de emenda os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 3.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que foi realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Non obstante o anterior e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar que está ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradas na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local.
Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
Alta no sistema de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia a través da internet utilizando certificados dixitais.