Guía de procedementos e servizos

PR483C

Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 18/01/2020 00:00 - 17/02/2020 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

1. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Este fondo carece de personalidade xurídica e a súa xestión correspóndelle á dirección xeral competente en materia de réxime local, de conformidade coas directrices que se establezan nesta orde.

2. Por medio desta orde regúlanse os criterios de repartición e establécense as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos elixibles ou subvencionables:

a) Os investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.

b) Custos de proxecto e dirección de obra, de tratarse de contratacións externas.

c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.

d) Contratación de persoal para os servizos municipais nos termos desta orde.

2. Considéranse tamén gastos subvencionables:

a) Os contratos de subministración para a adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles.

b) Os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para realizar o proxecto subvencionado, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

c) Os tributos, sobre todo o imposto sobre o valor engadido (IVE), son subvencionables se o beneficiario os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

3. En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de actuacións de investimento e a custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, e deberán responder a algún dos seguintes criterios ou obxectivos:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.

c) Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

4. Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nas letras a), b) e c) do ordinal terceiro anterior, entre outros, os seguintes proxectos:

a) Campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais:

1. Campañas de sensibilización sobre boas prácticas ambientais.

2. Campañas de divulgación de medidas de aforro e eficiencia enerxética no ámbito doméstico e comercial.

3. Guías de boas prácticas sobre a implantación de pautas e accións para o aforro e a eficiencia no uso de enerxía

4. Edición de material divulgativo e recursos didácticos sobre valores ambientais ou espazos naturais.

5. Auditorías enerxéticas en edificios e dependencias das entidades locais.

6. Certificación enerxética de edificios municipais.

7. Plans para a implantación de estratexias enerxéticas municipais.

b) Proxectos de eficiencia enerxética na luz pública e de redución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos.

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e utilización de enerxías renovables:

1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio: illamento en cubertas e fachadas, ventás e acristalamentos con boas características térmicas.

2. Mellora da iluminación interior: instalación de sistemas de regulación e control da iluminación; lámpadas, luminarias e equipos auxiliares de maior eficiencia enerxética.

3. Climatización interior: instalación de sistemas centralizados de calefacción, sistemas de regulación de temperatura interior, illamento dos circuítos de distribución.

4. Instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos.

5. Sistemas de aforro de auga: mecanismos de dobre descarga en sanitarios, billas monomando con limitador de caudal, perlizadores e aireadores.

6. Instalación de ascensores eficientes.

d) Adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética: equipos de climatización, ofimáticos, alumeado interior.

e) Adquisición de vehículos:

1. Vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco: vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables, gas natural ou GLP.

2. Vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

3. Vehículos para a recollida e traslado de residuos.

f) Edificios e infraestruturas destinados á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais:

1. Centros de interpretación do ambiente e aulas da natureza.

2. Paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo que se localicen ou transcorran por zonas con valores ambientais.

g) Actuacións nos núcleos rurais para unha mellor integración paisaxística no contorno natural:

1. Soterramento dos tendidos aéreos de cableado.

2. Construción de pavimentos exteriores a base de materiais ambientalmente sustentables: lousa, pedra ou madeira.

h) Proxectos e actuacións no ámbito municipal para evitar a degradación e a deterioración ambiental:

1. Puntos limpos e centros de reciclaxe de residuos.

2. Equipamento para a recollida de residuos.

3. Proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e de abastecemento de augas.

4. Maquinaria e equipamento para a protección do ambiente e do espazo natural.

5. Recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados.

i) Proxectos e actuacións para o control ambiental no ámbito municipal, tales como a adquisición de equipamento para efectuar as medicións relacionadas con actividades molestas e insalubres, incluídos sonómetros, e para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, no caso de residuos e verteduras.

Convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada a:

1. Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira individual.

2. Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, nos termos do artigo 9.

3. As mancomunidades de concellos de Galicia.

4. Os consorcios locais de Galicia, constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Administración Local

Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais

Servizo de Xestión e Cooperación Económica

Praza de Europa, 5A, 4º - Polígono de Fontiñas

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546211 / 881997171

Fax: 981546569

Email: administracionlocal@xunta.es

http:///xunta.es/vicepresidencia-cpapx

Dirección Xeral de Administración Local

Prazo de presentación: PECHADO

18/01/2020 00:00 - 17/02/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2018 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de agrupamentos de concellos ou solicitude conxunta para a xestión compartida, deberán cumprir con este requisito todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación deste requisito por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación xeral:

a) Solicitude segundo o Anexo III: Subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais (concellos, mancomunidades ou consorcios) (PR483C).

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, incluída no anexo III, en que se faga constar:

1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións, con indicación do importe e da súa procedencia.

2. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

3. Os datos de estimación directa e indirecta do número de empregos creados ou mantidos coas actuacións solicitadas, con especificación do número de contratos e a duración de cada un.

4. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria na cal se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se presentan son certos.

c) Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a da entidade local solicitante no modelo do anexo VI, na cal se faga constar:

1. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para os gastos de funcionamento, obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que deberá consignarse a denominación e orzamento de cada unha, así como o orzamento total.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

2. A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2018, a que fai referencia o artigo 8.1 desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

d) Memoria xustificativa das actuacións para as cales solicitan subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local, que conterá a xustificación da adecuación das actuacións para as cales se solicita subvención aos criterios de subvencionabilidade establecidos no artigo 4 desta orde.

Documentación específica:

Solicitudes para gastos de funcionamento:

1. Unha memoria dos servizos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local, que conterá a descrición e o orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.

2. Certificación á cal se refire o artigo 6, emitida pola secretaría da entidade solicitante no modelo do anexo VI, asinada electronicamente, relativa á vinculación do gasto co servizo ou servizos municipais que teñan asignadas as funcións de protección do ambiente e do espazo natural.

Solicitudes para obras:

1. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a da entidade local, no modelo do anexo VI, referida á plena dispoñibilidade da entidade solicitante sobre os terreos e predios onde se pretende realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que a entidade, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

2. O/os proxecto/s ou anteproxecto/s da/das obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:

a) Memoria explicativa.

b) Orzamento detallado.

c) Planos a escala suficiente.

Solicitudes para equipamento:

a) Memoria explicativa dos equipamentos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante, que conterá a descrición e orzamento detallado do equipamento solicitado.

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 6 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 206 do 13 de outubro de 2020).

    • Orde do 28 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 105 do 01 de xuño de 2020).

    • Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (códigos de procedemento PR483A, PR483B, PR483C e PR483D) (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (códigos de procedemento PR483A, PR483B, PR483C e PR483D) (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2020).

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano