Guía de procedementos e servizos

MT975K

Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións destinadas á mellora da xestión dos biorresiduos. Fondos de recuperación e resiliencia.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 15/12/2021 00:00 - 22/02/2022 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

1. Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, encamiñadas á mellora da xestión dos biorresiduos, ás entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos municipais (procedemento MT975K), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

San Lázaro

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541734

Email: axudas.cmaot@xunta.gal

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Prazo de presentación: PECHADO

15/12/2021 00:00 - 22/02/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o 15 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes do 31 de xaneiro de 2022 ata o 22 de febreiro de 2022, nos termos previstos na Orde da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia):

1º. Concellos que se atopan dentro da área de influencia (<50 quilómetros) dalgunhas das plantas autorizadas actualmente en Galicia para o tratamento de biorresiduos de competencia municipal e/ou das plantas de compostaxe/transferencia previstas no Plan loxístico de infraestruturas de Sogama.

2º. Concellos nos que non exista a recollida separada de biorresiduos previamente.

3º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da recollida separada de biorresiduos previamente, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar esta recollida separada.

4º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da recollida separada de biorresiduos, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para ditas implantacións.

5º. Quedan excluídas da posibilidade de financiamento as entidades locais que xa teñan implantada a recollida separada de biorresiduos en todo o seu territorio con destino a instalacións específicas de tratamento biolóxico.

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ):

1º. Concellos que non teñen implantada a compostaxe doméstica e/ou comunitaria no seu territorio, previamente.

2º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar estes modelos de xestión.

3º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para ditas implantacións.

4º. Concellos nos que é necesario complementar a implantación da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, coa compostaxe in situ, naqueles ámbitos espaciais de actuación onde non se poida levar a cabo a primeira modalidade de recollida citada. De forma que neses ámbitos espaciais concretos a totalidade dos biorresiduos xerados teñen que ser xestionados mediante compostaxe doméstica, compostaxe comunitaria, ou ambas.

5º. Quedan excluídos da posibilidade de financiamento os proxectos de implantación de compostaxe doméstica en concellos cualificados de urbanos, segundo o índice de ruralidade establecido no PXRUG 2010-2022, e os proxectos de implantación de compostaxe comunitaria en concellos de menos de 3.000 habitantes, salvo que non se esgote o crédito coas solicitudes dos beneficiarios potenciais recollidos polos anteriores puntos desta liña 2.

- Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local, que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude, sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

- Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación na que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

- Para poder ser beneficiaria destas axudas, as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975K). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal, que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, na epígrafe destinada á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá achegar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

5. No formulario de solicitude (anexo I) as entidades solicitantes indicarán as actuacións e conceptos subvencionables a que concorren nesta convocatoria, así como o investimento e a temporalidade de execución previstos.

Documentación complementaria

1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a seguir:

a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Certificación do/da secretario/a do concello en que conste o acordo adoptado polo órgano competente e que recolla a decisión da entidade ou entidades locais polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).

c) Declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa parte, no suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención.

d) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

e) Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no sentido do artigo 8, punto 2.e), da Orden HFP/1030/2021, do 29 de septembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación y resiliencia (anexo III).

f) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación, tendo en conta as contías máximas e criterios de axuste que constan no artigo 5.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 238 do 14 de decembro de 2021).

    • Extracto da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o anos 2022 e 2023 (DOG nº 238 do 14 de decembro de 2021).

    • Orde do 27 de xaneiro de 2022 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).

    • Resolución do 13 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 30 de novembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 238, do 14 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, por anticipado de gasto, para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 119 do 22 de xuño de 2022).

    • Resolución do 30 de xuño de 2022 pola que se invita os posibles beneficiarios para que manifesten o seu interese en acceder a axudas para actuacións en materia de residuos cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU) para o período 2022-2026 (DOG nº 131 do 11 de xullo de 2022).

    • Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

    • Orde do 3 de novembro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 213 do 9 de novembro de 2023).

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano